Buscar
19:19h. Martes, 16 de Octubre de 2018

Gratuidade para menores de 13 anos e rebaixas para xente moza e maior de 65

O alcalde avanza unha redución nas tarifas do transporte público urbano

O rexedor fixo balance das medidas “transformadoras” aplicadas polo goberno local nos últimos tres anos, á vez que salientou actuacións que se porán en marcha con carácter inminente, como o proceso de peonalización e revitalización da Cidade Vella, o percorrido accesible entre Maestro Clavé e José Cornide ou as renovacións do firme nun novo tramo da Rolda de Outeiro e no barrio dos Rosais

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, nunha foto de arquivo
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, nunha foto de arquivo

Concello da Coruña | 08/06/2018

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, salientou esta mañá, nun debate radiofónico, as medidas transformadoras aplicadas na cidade nos últimos tres anos, dende a chegada do actual goberno local ao Pazo de María Pita. O rexedor destacou a implantación de políticas sociais que favoreceron a igualdade na cidade, así como a aplicación dun urbanismo responsable, medidas de coidado do espazo público e ambientais e iniciativas de dinamización de todos os barrios, que se exemplifican, neste momento, coa inminente peonalización da Cidade Vella, que se acometerá a partir do 25 deste mes e irá unida a un proceso de revitalización desta zona da cidade en distintos eidos.

Por outro lado, e con respecto a medidas postas en marcha polo goberno local no ámbito da mobilidade encamiñadas, ao fío, a promover unha maior xustiza social, o primeiro edil salientou a revisión da concesión do transporte urbano. Así, avanzou que o traballo desenvolvido derivará nunha rebaixa das tarifas do transporte público urbano así como nunha serie de melloras no propio servizo. "Non só abarataremos os prezos, senón que tamén introduciremos novas tarifas, unha de carácter gratuíto para menores de 13 anos, e outras de carácter reducido para menores de 26 e maiores de 65 que favorezan que a xente poida acceder máis facilmente ao transporte público", manifestou. "Estas accións, xunto coa reordenación de liñas de bus, van solucionar moitas problemáticas que levan anos arrastrándose como, por exemplo, unha conexión pública para o barrio de Novo Mesoiro co Chuac", apuntou. "Para poder chegar a estas rebaixas, antes houbo un longo proceso de traballo e de estudo, así como a decisión de levar a situación das tarifas ante a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC), que ratificou a folla de ruta emprendida polo goberno local no curso do expediente de revisión da tarifa do transporte público", recordou o mandatario local.

Obras

 

"Os datos que temos, o que estamos a facer contrastan co discurso dalgunhas voces que tratan de falar dun discurso de improvisación e de parálise, un discurso que non é certo e que, dende logo, non beneficia á Coruña", reflexionou. A este respecto, Ferreiro recalcou o ritmo de concesión de licenzas na cidade, na que se aprobaron no primeiro semestre deste ano un "40% máis que no mesmo semestre do ano 2014 e un 20% máis que no ano 2015, cando gobernaba o Partido Popular". Por outro lado, e con respecto a actuacións en materia urbanística, o responsable municipal avanzou que a Concellería de Rexeneración Urbana trasladará á vindeira Xunta do Goberno local a concesión da licenza para a construción dun edificio de 64 vivendas na Fábrica de Tabacos, un proxecto que ten un orzamento de máis de 5 millóns de euros. "Estamos combinando a eficacia e a protección do planeamento urbanístico", destacou. Neste sentido, o alcalde aludiu á conformación de espazos públicos na cidade, como a Fábrica de Tabacos ou Náutica, espazo no que o Goberno local regularizou a situación administrativa do polígono tras unha década de paralización e no que hoxe se inaugurou a nova rúa Marcela e Elisa.

Ao fío, tamén avanzou que a finais deste mes comezarán as obras para mellorar a conectividade no barrio da Falperra, que se concretarán na creación dun percorrido accesible para favorecer o tránsito peonil entre as rúas Maestro Clavé e José Cornide. O proxecto contempla a implantación dun paso peonil e a execución dunha escaleira e unha rampla que comuniquen Juan Flórez con Federico Tapia, que se atopan a distinto nivel, e dean continuidade ás escaleiras de Maestro Clavé. Esta obra permitirá facilitar o tránsito a pé e mellorar a conectividade no barrio ata a avenida de Alfonso Molina. A actuación, que ten un prezo de adxudicación de 107.217 euros, prevé tamén unha intervención na beirarrúa de José Cornide -que une Federico Tapia con Alfonso Molina- para a ampliación da mesma, así como cambios nun dos pasos peonís de Federico Tapia e a creación dun segundo, que dean continuidade ao percorrido desde a nova rampla e a nova escaleira. O alcalde resaltou tamén a adxudicación na Xunta de Goberno local extraordinaria que se celebra este venres dun contrato para a realización de 529 obras para mellorar a accesibilidade e a mobilidade en sete barrios do distrito dos Mallos, actuacións que teñen un custe de 537.456 euros. Entre as obras que se están acometendo na cidade, Ferreiro citou tamén a renovación do pavimento na Rolda de Outeiro que xa está en marcha, no treito que discorre entre as interseccións da avenida do Ferrocarril coa rúa da Mercede e que se fixo e se estenderá tamén en máis tramos da vía, así como a renovación do firme no barrio dos Rosais que se acometerá nos próximos meses.

Por outro lado, e no que atinxe a medidas xa implementadas e asentadas polo executivo municipal, Xulio saudou a consolidación da Renda Social Municipal, que na actualidade a perciben máis de 320 persoas, 200 familias con máis de 50 menores a cargo, así como as rebaixas introducidas nas Escolas Municipais Infantís, que favorecen a súa accesibilidade ou no bono comedor. "Hai moitas medidas pioneiras que non existían hai tres anos. Por exemplo, hai tres anos non había un Centro Abeiro, para evitar que as persoas durman na rúa, nin existía o programa A Flote para axudas urxentes a persoas en situación de precariedade, e non tiñamos acordos coas compañías eléctricas para evitar cortes de subministro", enumerou o alcalde, quen tamén quixo destacar o investimento histórico en obras en colexios, asumindo actuacións da propia Xunta de Galicia. "Puxemos en marcha moitas máis políticas e actuacións que non só eran demandadas senón que teñen unha especial carga simbólica. Hai tres anos neste cidade había touradas e agora xa non as hai, do mesmo xeito que aínda se mantiñan nomes no rueiro contrarios á Lei de Memoria Histórica e agora xa non os hai, ademais de que hoxe contamos cun Consello da Memoria Democrática e unha oficina para a atención ás vítimas da represión", explicou, á vez que, neste eido, tamén salientou as actuacións para o coidado e posta en valor do patrimonio, coa recuperación e apertura ao público do xacemento do Castro de Elviña, a rehabilitación do mural de Leopoldo Nóvoa ou as actuacións no acueduto do Paseo das Pontes, a Porta de San Miguel e a que se está a desenvolver no convento de San Francisco.

"A cidade mudou, tamén no que respecta ao espazo público, como dan conta as 1.500 novas árbores que haberá ao finalizar o ano, a culminación do proxecto Vertido Cero, para eliminar as verteduras incontroladas á ría que, entre outras cousas, propiciou que recuperasemos a bandeira azul en Oza, ou tamén o programa de limpeza intensiva A Pé de Barrio ou a posta en marcha dos mecanismos necesarios para conseguir que as Illas de San Pedro e o entorno de Punta Herminia aumenten a súa protección e sexan Espazo Natural de Interese Local", comentou.