Balance dos tres anos de mandato do goberno local

O alcalde salienta “o cambio de prioridades do Concello, de cara a situar as persoas no centro das súas políticas”

O rexedor dá conta da ampliación da rede de carril bici na Coruña coa execución, xa en curso, dun novo tramo na Ronda de Outeiro, entre a rúa Mercede e a avenida Pérez Ardá. Xulio Ferreiro avoga por priorizar a situación dos terreos portuarios nas relacións co novo Goberno do Estado e iniciar conversas en canto sexa nomeada unha nova persoa para a presidencia de Puertos del Estado.

O alcalde salienta “o cambio de prioridades do Concello, de cara a situar as persoas no centro das súas políticas”
Almorzo informativo co alcalde.
Almorzo informativo co alcalde.

Concello da Coruña | 18/06/2018

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, destacou esta mañá a priorización das políticas sociais como un dos piares da acción do goberno municipal. Fíxoo durante un almorzo informativo que mantivo coa prensa local no Pazo de María Pita, e no que o rexedor coruñés cualificou como "altísimo" o grado da execución do programa que o goberno coruñés se comprometeu a levar a cabo no ano 2015. "En xustiza social fixemos avances importantes, como a posta en marcha da Renda Social Municipal ou a sinatura de convenios para a loita contra pobreza enerxética, para que ningunha veciña ou veciño quede sen luz ou sen auga, á vez que tamén abrimos un centro de baixa esixencia ou incrementamos o servizo de atención ao domicilio", sinalou o alcalde, quen tamén lembrou a aposta polo investimento na mellora dos centros escolares, así como a implementación de programas de reforzo educativo ou o cambio de tarifas nas matrículas das escolas infantís municipais, que inclúen unha tarifa gratuíta. "Na Coruña, con este goberno, cambiaron as prioridades, comezando polo coidado de quen máis o precisa. Nestes tres anos quixemos traer as políticas sociais e educativas a un primeiro plano e fixemos un esforzo economicamente importante neste aspecto", aseverou Ferreiro.

O alcalde salientou o "nivel altísimo de cumprimento" do programa electoral e avaliou como realizadas o 70% das iniciativas do documento mentres que "practicamente todas as demais está en  proceso". Neste sentido, mencionou algúns dos proxectos nos que está a traballar o Goberno municipal como a revisión do contrato de mobilidade urbana, "que vén precedido dun traballo xurídico e económico rigoroso e serio e que vai permitir melloras no servizo e tarifas máis adecuadas á realidade". "Non hai nada ou case nada ao que dixeramos que renunciamos. En todas as áreas se van cumprindo obxectivos e hai cousas das que presumir e sentirse orgullosos e orgullosas", apuntou. O rexedor incidiu que, do resultado da aplicación destas políticas, conseguiuse o reequilibrio do investimento municipal nos barrios, que cualificou como "unha cuestión de xustiza", así como o acompañamento ao tecido social, económico e creativo da cidade, que se converteu "nun piar máis da  acción de goberno ao longo destes tres anos". "A Coruña é unha cidade dinámica, moderna, de vangarda. O noso labor, como goberno municipal, debe ser acompañar e impulsar as súas potencialidades", afirmou.

No repaso aos tres anos de mandato, Ferreiro destacou algunhas das actuacións postas en marcha polo Goberno local nos diferentes ámbitos de goberno, como a protección dos espazos naturais levado a cabo por Medio Ambiente, a recuperación do patrimonio da que destacou a rehabilitación do castro de Elviña ou a acción en materia de memoria histórica. O rexedor considerou que están a traballar de "maneira serie e dialogada" á hora de abordar algúns dos retos do mandato, como a peonalización da Cidade Vella, "da que ninguén está en contra porque se fixo un esforzo para atopar solucións para veciños e veciñas", apuntou. Sobre a xestión resaltou a "redución da débeda nun 25%, a saída do plan de axuste, a mellora dos sistemas de recadación e xestión e a recuperación paulatina dos dereitos dos traballadores e das traballadoras públicas". Ferreiro destacou tamén como un logro a introdución dun modelo de participación cidadá para a veciñanza, "que agora considera normal cousas que hai tres anos eran unha novidade", como os encontros do Goberno municipal nos barrios nos Dillo ti ou os orzamentos participativos. Ao fío da celebración esta fin de semana da primeira edición do Festival SAL posto en marcha "con medios públicos, dende o Consorcio de Turismo", o alcalde considerou que o "éxito rotundo" do encontro confirma o "bo camiño marcado polo Plan Estratéxico de Turismo". "Mantemos unha aposta clara pola creación e abrimos tamén a cidade ao mellor que se está a facer fóra. As cifras do Coliseum son moi boas e o Festival Noroeste é exemplo dun traballo feito con coherencia, que da bos resultados e nos sitúa no mapa", afirmou.

Carril bici

 

Entre as actuacións destacadas polo rexedor, sitúanse a ampliación da rede de carril bici na cidade, "nunha aposta por afondar nesa necesaria transformación no cambio de modelo de mobilidade, cara a un sistema máis sustentable". Neste sentido, lembrou que, durante as actuacións de repavimentación que se están a acometer desde o pasado 4 de xuño na rolda de Outeiro, entre a rúa Mercede e a avenida do Ferrocarril, o goberno local está a executar un novo treito de rede ciclable. En total, serán 475 metros de carril bici, que se situarán entre a avenida Pérez Ardá e a rúa Mercede, que contarán con sinalización horizontal. No sentido de subida, e de cara a garantir a seguridade e confortabilidade das persoas usuarias da bicicleta, a vía contará cun carril segregado do tráfico, mentres que no sentido de baixada, o carril contará con sinalización específica e será compartido coa circulación rodada. A intervención inclúese na programación da renovación do pavimento, uns traballos que contan cun orzamento de 386.613 euros e cuxo prazo estimado de execución é de oito semanas. A obra na rolda de Outeiro dá continuidade á actuación finalizada o pasado mes de abril entre o treito comprendido entre as avenidas de Fisterra e Arteixo, que se realizaron por, aproximadamente, 280.000 euros, e que inclúen tamén traballos de mellora de accesibilidade e seguridade nas beirarrúas, paradas do transporte público urbano, ademais dos pasos peonís existentes, desprazados e de nova creación.  

Porto

 

En relación aos retos de cidade, o alcalde avogou pola defensa da titularidade pública dos terreos portuarios, "unha iniciativa que este goberno defendeu desde o primeiro día". "Hai catro anos na Coruña non existía o debate sobre a vixencia dos convenios de 2004, sobre o futuro de San Diego. Hoxe a defensa do bordo litoral é unha prioridade, e neste mandato gustaríame deixar encarrilado o seu futuro", sinalou. A este respecto, Ferreiro valorou positivamente o cambio do goberno do Estado. "Cando estaba na oposición, hai apenas dúas semanas, manifestouse a favor dun acordo entre administracións unha e outra vez, e tamén en favor da renegociación dos convenios de 2004 e da non especulación. Estas manifestacións que se fan desde o grupo parlamentario en Madrid, así como no Hórreo, e tamén na maioría das veces no salón de plenos municipal, creo que teñen que servir para algo", defendeu Ferreiro, quen valorou tamén a designación do ex-alcalde Javier Losada como novo delegado de goberno, quen xa lle trasladou "a súa dispoñibilidade para ser un interlocutor útil para a cidade diante do goberno en Madrid". Á vez, o rexedor recordou que xa ten trasladado ao novo ministro de Fomento, e ao propio presidente do Goberno central, o interese por comezar a tratar de "asuntos importantes para a cidade". "Hai que dar unha marxe, porque acaban de chegar. Aínda non temos novo presidente de Puertos del Estado, pero unha vez que o haxa, pisaremos o acelerador neste asunto", aseverou.  

O alcalde salienta “o cambio de prioridades do Concello, de cara a situar as persoas no centro das súas políticas”