Demandan que o Pleno inste á Xunta a que cumpra os acordos do Parlamento galego

O BNG levará a Pleno unha moción contra a subida de peaxes na AP-9

Avia Veira: “O BNG leva demandando desde fai anos que se tomen medidas para que a AP-9 sexa unha vía de comunicación galega, de competencia do Goberno galego para rematar coas deficiencias da xestión, as tarifas abusivas e os incrementos constantes de peaxes. E o ano pasado, o Parlamento de Galiza, por unanimidade das forzas políticas, aprobou a 'Proposición de Lei  Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Comunidade Autónoma de Galiza', que foi remitida ao Congreso para a súa tramitación e aprobación final”

O BNG levará a Pleno unha moción contra a subida de peaxes na AP-9
Avia Veira, concelleira do BNG
Avia Veira, concelleira do BNG

O Grupo Municipal do BNG levará a Pleno ordinario de decembro que se celebrara este vindeiro luns día 4 unha moción contra a subida de peaxes na AP-9.

Deste xeito, as nacionalistas, despois de se coñecer nesta semana que o Ministerio de Fomento autorizará un incremento dun 3,1% das tarifas para 2018 nas peaxes da AP-9, proposta formulada pola empresa Audasa, queren que o Concello da Coruña tome o acordo en contra deste aumento, asemade de  instar a Xunta de Galiza a que cumpra os acordos do Parlamento galego e demande do Goberno do Estado a transferencia de vez desta autoestrada á administración galega.

O Bloque lembra na súa iniciativa que a privatización da AP-9 no ano 2003, en beneficio dun fondo especulativo norteamericano, que goza da concesión ampliada até o ano 2048, e realizada baixo o Gobernos do PP, no Estado presidido Aznar, e respectivamente na Xunta, de Manuel Fraga, significou, desde entón, grandes incrementos das peaxes que outorgan grandes beneficios económicos por unha infraestrutura xa amortizada que non repercuten na mellora do servizo: non se mellorou a iluminación, nin o asfaltado en moitos tramos, ou mesmo se reduciu drasticamente o persoal das cabinas de pago e rexistra colas de horas en períodos estivais ou datas sinaladas sen se adoptaren medidas de ningún tipo.

“O BNG leva demandando desde fai anos que se tomen medidas para que a AP-9 sexa unha vía de comunicación galega, de competencia do Goberno galego e de acceso gratuíto para todas as galegas e galegos. E o ano pasado, o Parlamento de Galiza, por unanimidade das forzas políticas, aprobou a 'Proposición de Lei  Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Comunidade Autónoma de Galiza', que foi remitida ao Congreso para a súa tramitación e aprobación final. É tempo xa de que se tome o control desta autoestrada para rematar coas deficiencias na súa xestión, as tarifas abusivas, os incrementos constantes e mesmo que sexa empregada como obxecto especulativo, dados os altos beneficios que xera a custe do peto das súas usuarias e dos seus usuarios”, conclúe a Portavoz nacionalista no Concello da Coruña Avia Veira.

O BNG levará a Pleno unha moción contra a subida de peaxes na AP-9