Buscar
00:04h. Viernes, 25 de Mayo de 2018

"O PROCESO SE ALONGA INDEFINIDAMENTE"

O BNG pregunta ao Goberno municipal sobre a retirada da simboloxía franquista das rúas da Coruña

O Bloque denuncia que xa vai para ano e medio cando se tratou na Comisión de Honras e Distincións a proposta da retirada da que a día de hoxe non se ten noticia

Rúa dedicada a Diego Delicado, procurador nas cortes franquistas
Rúa dedicada a Diego Delicado, procurador nas cortes franquistas

Avia Veira: “Canto á eliminación da simboloxía franquista da cidade, o Goberno da Marea Atlántica limitouse á execución dun acordo aprobado polo Bipartito, intencionadamente adiado e agochado polo Partido Popular. Porén, agora cando toca ir máis aló e tomar a iniciativa o que vemos é que o proceso se alonga indefinidamente”

O BNG rexistrou esta mañá unha batería de preguntas escritas para a súa resposta por escrito nas que solicita que o Goberno da Marea Atlántica aclare para cando ten pensado retirar a simboloxía franquista que aínda permanece nas rúas da Coruña.

Deste xeito, a formación nacionalista sinala na súa iniciativa que xa vai para case ano e medio cando se formulou, na quenda de intervencións veciñais que posteriormente se abre aos plenos, en Pleno celebrado en setembro de 2016, así como na propia Comisión de Honras e Distincións, celebrada un mes máis tarde, o acometer a substitución de até 35 símbolos franquistas que aínda quedaban por retirar na cidade.

O BNG lémbralle ao Executivo da Marea que na actualidade existen, a respecto das rúas, prazas e lugares da Coruña, até 14 nomes que fan homenaxe a 11 distintas persoas cun activo papel no Golpe de Estado de 1936 e nos acontecementos posteriores que derivaron na Guerra Civil, así como na Ditadura franquista (avenida Calvo Sotelo, peirao Calvo Sotelo, peirao Almirante Vierna, avenida Salgado Torres, avenida Primo de Rivera, rúa Diego Delicado, rúa Cabo Ponte Anido, praza José Toubes, rúa Sergio Peñamaría del Llano, rúa Eduardo Ozorez Arraiz, rúa José Pérez Ardá e rúa Eduardo Sanjurjo de Carricarte), así como outras 2 rúas máis cun connotado significado no ideario franquista e fascista (rúa Disciplina e rúa Fuente Álamo), completándose o listado con distincións, placas, esculturas e mesmo nomes de colexios que deben ser retirados inescusabelmente, polo que lle esixe axilidade e dilixencia na revogación e substitución de todos estes elementos.

Así, as nacionalistas advirten na súa proposta que corresponde á área da Alcaldía, isto é ao propio Xulio Ferreiro, a presentación das propostas de revogación previa instrución de expediente motivado para cada revogación, algo do que xa se deu por informado o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, Xosé Manuel Sande, na Comisión de Honras e Distincións de outubro de 2016.

“Canto á eliminación da simboloxía franquista da cidade, o Goberno da Marea Atlántica limitouse á execución dun acordo aprobado polo Bipartito, intencionadamente adiado e agochado polo Partido Popular. Porén, agora cando toca ir máis aló e tomar a iniciativa o que vemos é que o proceso se alonga indefinidamente”, conclúe a portavoz nacionalista no concello Avia Veira.