As nacionalistas sinalan que os Franco están a facer obras de mantemento e conservación da cuberta

O BNG teme que a familia Franco queira sacar á venda a Casa Cornide

O Grupo Municipal do BNG exíxelle ao Goberno que cumpra coa moción aprobada o pasado setembro e acelere o proceso de estudo polo que se elevou a poxa pública a Casa Cornide coa fin de que se procure a súa devolución.

O BNG teme que a familia Franco queira sacar á venda a Casa Cornide
Casa Cornide
Casa Cornide

Logo do acceso a un expediente de obra na casa Cornide, o BNG teme que a familia Franco queira sacar á venda este inmóbel como fixo co Pazo de Meirás.

As nacionalistas, que foron alertadas por un veciño de que se estaban a producir obras na Casa Cornide, solicitaron acceder ao expediente de obra e, toda vez que puideron ver o seu contido, informan de que no inmóbel están a facerse obras de mantemento e conservación que consisten na impermeabilización da cuberta e da terraza sur.

“O certo é que a obra conta con informes favorábeis do servizo e tamén pasou pola Comisión do PEPRI mais coidamos que o Goberno municipal ha de estar alerta xa que se trata dun inmóbel con protección monumental situado nun conxunto histórica declarado como BIC, no Camiño Inglés”, sinalou a portavoz nacionalista no Concello da Coruña Avia Veira.

A formación nacionalista lembra que quedou acreditado, como se ten documentado polos historiadores Carlos Babío e Manuel Pérez, na súa obra “Meiras: un pazo, un caudillo, un espolio”, que a Casa Cornide foi adquirida mediante a montaxe dun complexo proceso administrativo que involucrou distintas administracións, entre elas o propio Concello da Coruña, e distintos particulares adscritos ao réxime que serviron fielmente ao interese do ditador e, especialmente, da súa muller Carmen Franco, para se dotar dunha “casa” en plena Cidade Vella da Coruña, lembran que aínda queda pendente unha débeda a respecto da restitución dos distintos bens públicos enaxenados e espoliados en beneficio do ditador.

O Bloque exíxelle polo tanto ao Goberno que cumpra coas mocións aprobadas tanto o pasado setembro e en xaneiro deste mesmo ano e acelere o proceso de estudo polo que se elevou a poxa pública a Casa Cornide coa fin de que se procure a súa devolución, como xa ten feito a Deputación da Coruña a través da Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás, abrindo unha vía xurídica innovadora para que o ben sadense volva a mans públicas.

“O tempo xoga na nosa contra, tememos que a os herdeiros estean amañando a casa para vendela xa que parece que os Franco están en plena operación de venda das propiedades espoliadas para evitar que se saiba a verdade de como as obtiveron e para facer caixa. Desde o Bloque entendemos que iso non se podemos permitir desde Administracións públicas que se din democráticas”, conclúe Avia Veira.

O BNG teme que a familia Franco queira sacar á venda a Casa Cornide