Cooperación

O Concello asina un protocolo de colaboración coa ONG AIRE para o fomento de accións de carácter solidario no ámbito da cooperación

A concelleira Rocío Fraga destaca que a firma deste acordo “ten coma fin intensificar as accións de carácter solidario” e é “un paso natural logo do historial de colaboración que hai entre a administración local, o servizo de Bombeiros da Coruña e esta entidade sen ánimo de lucro”

O Concello asina un protocolo de colaboración coa ONG AIRE para o fomento de accións de carácter solidario no ámbito da cooperación
Convenio AIRE
A edil Rocío Fraga e o presentante de AIRE Federico Pichel asinan o protocolo de colaboración.

Concello da Coruña | 04/04/2018

A concelleira de Igualdade e Diversidade, coas competencias en materia de Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, asinou esta xornada un protocolo de colaboración coa ONG coruñesa AIRE, especializada na prestación de asistencia humanitaria a poboacións en situación de precariedade, así como a vítimas de catástrofes de orixe natural ou humano. O documento asinado pola responsable municipal e Federico Pichel, en representación da organización humanitaria, establece que tanto a entidades sen ánimo de lucro como a administración local colaborarán co fin de intensificar as accións de carácter solidario, así como mellorar os equipamentos e as dotacións de intervención no ámbito da cooperación. O protocolo ten unha vixencia inicial dun ano, prorrogable. A titular de Igualdade e Diversidade destacou que a firma do mesmo "é un paso natural, logo do historial de colaboración que o actual goberno local ten con esta entidade e logo de todo o traballo desenvolvido para incluír á Coruña na rede de Cidades Refuxio". "Temos unha cidadanía especialmente solidaria e implicada na situación das persoas migrantes e do que ocorre noutras partes do mundo, quizais porque somos un pobo mariñeiro e un pobo que sufriu á represión e a emigración. A pesar de todo, o goberno central está a por moi complicado o traballo dos municipios, xa que non está a cumprir os protocolos que asinou e que indicaban que xa o pasado ano, o estado español tiña que ter acollido a máis de 17.000 persoas que buscan refuxio e que se atopan en Grecia e Italia, así como nos campos de reasentamento de Libia, Turquía e Xordania", dixo Fraga, quen destacou, non obstante, o traballo realizado pola Coruña "tanto dende a cidade como sobre terreo para axudar no drama das persoas migrantes e en situación de asilamento". "En moitas destas actuacións colaboramos con AIRE, este protocolo de colaboración é unha deriva natural de todo o traballo feito", dixo a edil.

Ao fío, Fraga tamén quixo destacar o traballo realizado ao respecto polos servizos de seguridade do Concello e, en especial, o corpo de Bombeiros, que, sen ir máis lonxe, o pasado xaneiro reconverteu un vehículo en ambulancia para entregarllo a AIRE dentro das actividades de cooperación que estaba a realizar nos campamentos de refuxiadas da República Árabe Saharauí Democrática (RASD), ubicados en Tinduf (Arxelia). "Ademais, en breve, distintos efectivos do servizo municipal de Bombeiros desprazaranse até Tinduf para afondar no proxecto que está a desenvolver AIRE", comentou, para recordar "os traballos que xa se levaron a cabo nos campos de refuxio de Grecia".

O protocolo de colaboración estabelece que co fin de fomentar as accións de cooperación impulsarase "o intercambio e colaboración do persoal das dúas entidades para realizar conxuntamente actividades, sempre con fins humanitarios e sen ánimo de lucro". Do mesmo xeito tamén se estimulará "o desenvolvemento de accións de sensibilización relacionadas coa cooperación en materia de desenvolvemento e emerxencias sociais". Co obxectivo de facer un seguimento deste protocolo colaborativo constituirase unha comisión de seguimento, conformada por representantes de ambas institucións.

O Concello asina un protocolo de colaboración coa ONG AIRE para o fomento de accións de carácter solidario no ámbito da cooperación