Buscar
13:39h. Miércoles, 17 de Octubre de 2018

Concesión de licenzas para dous supermercados e a posta en funcionamento do alumeado da vía pública

O Concello dá un novo paso “para converter o Parque Ofimático nun barrio máis da cidade”

O alcalde, Xulio Ferreiro, informou da aprobación en Xunta do Goberno Local das licenzas para a construción de dúas áreas comerciais e deu conta da entrada en funcionamento dos 624 puntos de luz, o que permite mellorar a seguridade do polígono e abrir a vindeira semana a rúa para a conexión con Eirís.

A Xunta do Goberno Local aprobou a licitación do proxecto para a construción dunha glorieta no cruce de Ramón y Cajal con Salgado Torres e Pérez Ardá, que dotará a zona de maior fluidez na circulación e conectará os tramos do carril-bici

Xulio Ferreiro, Alcalde da Coruña, na comparecencia
Xulio Ferreiro, Alcalde da Coruña, na comparecencia

​O alcalde, Xulio Ferreiro, deu conta esta mañá dos avances que está a realizar o Concello para “converter o Parque Ofimático nun barrio máis da cidade” tras da reunión da Xunta do Goberno local, na que se informou da concesión de dúas licenzas de obra para a construción de dous supermercados e un aparcadoiro na zona. Ademais, o rexedor municipal comunicou que, unha vez realizados os trámites municipais coa distribuidora de electricidade, o polígono conta dende a pasada noite con iluminación na vía pública o que permitirá “tanto mellorar a seguridade da zona como permitir que se abran os accesos a Eirís”. “Damos así un paso adiante máis na normalización e utilización do ámbito como un barrio máis da cidade”, indicou o alcalde, quen explicou que isto permitirá que, dende a próxima semana, se poidan abrir as vías para a circulación e que “a veciñanza de Eirís de Abaixo teña unha posibilidade máis de acceso” ao seu barrio, así como iniciar as actuacións da acometida de gas. A rede de alumeado do Ofimático conta con 624 puntos de luz e cun sistema de aforro enerxético por regulación de fluxo que está controlado dende seis centros de mando e por telexestión. Nas vías e as zonas peonís e axardinadas instaláronse lámpadas de descarga para aumentar a seguridade e o confort da veciñanza e dos vehículos que circulen pola zona. O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, trasladou xa aos e ás representantes das cooperativas esta información. Tal e como sinalou o alcalde, “a parte das obras municipais está absolutamente rematada” e só falta que os veciños e as veciñas teñan os permisos da distribuidora para engancharse á luz.

A xunta do goberno local aprobou a licitación do proxecto de remodelación dos cruces nas rúas Salgado Torres, Ramón y Cajal e Alcalde Pérez Ardá, onde o Concello vai realizar unha actuación de grande impacto que “mellorará de forma notable o tránsito peonil da zona e vertebrará os distintos tramos de carril bici da contorna” e que xa están en execución como son o da Palloza-Matogrande e o metropolitano. A obra, que sae a licitación por 696.286 euros e ten un período de execución de seis meses, consiste na creación dunha glorieta que incrementará a fluidez do tráfico no cruce, incorporará os carrís para ciclistas e pasos peonís con semáforos nas rutas naturais de tránsito. Ademais, o proxecto municipal suporá outras melloras do ámbito na superficie, xa que está prevista a humanización de 6.000 metros cadrados da área e cambios nas beirarrúas, e tamén no subsolo, onde se remodelará a rede de sumidoiro e se instalarán dous colectores e a rede de condución para outros servizo. Esta intervención é tamén a primeira fase do proxecto de renovación e humanización da rúa Ramón y Cajal.

O representante municipal deu conta tamén da aprobación inicial de dous procesos de expropiación en Pedralonga e Palavea e que son precisos para resolver demandas da veciñanza deste dous barrios. Trátase da expropiación de 211 metros cadrados de terreo en Pedralonga, por un prezo de 52.774 euros, que está situado a carón do actual parque infantil e que permitirá ampliar este espazo e “dar así cumprimento a un proxecto reclamado polos veciños e veciñas nos Orzamentos Participativos”. “En Palavea é un caso máis pequeno, no que se vai eliminar un punto pechado no viario público, unha pequena anomalía que imos tentar corrixir”, indicou Ferreiro. Farase mediante a expropiación de 9 metros cadrados, por 1.600 euros, dunha parcela que dificulta a circulación de vehículos e persoas polo viario público existente e que continúa a liña do Goberno municipal de tentar corrixir as desigualdades históricas que se dan nos barrios máis periféricos da cidade, especialmente en materia de mobilidade e accesibilidade.

No apartado de contratacións, o Goberno local aprobou o inicio do procedemento aberto de adxudicación do expediente de contratación dos servizos de limpeza e de conserxería do Centro Ágora, divididos en dous lotes. O de limpeza adxudicarase por preto de 158.000 euros anuais e o de conserxería por 102.000 euros por ano. O contrato é por catro anos e se pode prorrogar un máis.

Como é habitual, o concelleiro de Rexeneración Urbana informou na xunta das licenzas e títulos habilitantes que resolveu o Goberno local entre o 2 agosto e o 4 de setembro. Nestes 15 días, este departamento do goberno local finalizou un total de 87 expedientes. Deles, ademais doutros de distinto tipo, 6 correspóndense con licenzas urbanísticas, 49 con comunicacións previas ao inicio de obras e 20 comunicacións previas ao inicio da actividades ou apertas de establecementos.

Ao inicio da súa intervención tras a Xunta do Goberno local, o alcalde trasladou as condolencias da Corporación municipal á familia e ás amizades do traballador do servizo municipal de limpeza de residuos falecido esta madrugada nun accidente laboral, así como desexar unha pronta recuperación aos seus compañeiros feridos.