Buscar
22:01h. Jueves, 20 de Septiembre de 2018

Xustiza Social e Coidados

O Concello duplica en tres anos o investimento nas bolsas de comedor

A Xunta de goberno local autorizou as bases desta axuda, para a que está previsto un aumento no gasto ata os 1,5 millóns de euros, un 107,7% máis que hai tres anos

A edil de Xustiza Social, Silvia Cameán
A edil de Xustiza Social, Silvia Cameán

Concello da Coruña | 09/03/2018

A Xunta de goberno local aprobou as bases da convocatoria das bolsas de comedor para o próximo curso, nas que se investirán 1,5 millóns de euros, o doble que dende o inicio da lexislatura, e que simplifica este ano o proceso de solicitude para aquelas familias que xa foron beneficiarias en cursos anteriores. A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, explica ademais que "con este novo sistema as familias que xa recibiron unha bolsa no curso poden renovar a súa bolsa mediante unha declaración responsable, que simplifica o proceso, se a súa situación non variou respecto ao ano anterior". En caso de que si exista algunha diferencia, só terán que aportar a documentación que acredite ese cambio de situación. "Pretendemos así continuar o camiño iniciado por este goberno local para facer máis accesible, completa, inclusiva e sinxelas estas axudas, para a que nos últimos anos se incrementou a partida nun 107,7%, até os 1.500.000 euros co obxectivo que ningún neno e ningunha nena que o necesite quede fóra deste servizo, e se comezou a cubrir por completo o custe do servizo nos casos de menores matriculados en centros públicos", lembra Cameán. O periodo de solicitude das bolsas será de dez días a partir da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

As bolsas de axuda para o comedor do Concello están destinadas a unidades familiares de convivencia con menores ao cargo que estean escolarizados en centros de ensinanza sostidos con fondos públicos e se atopen no termo municipal. O pasado ano o goberno local concedeu 1.529 bolsas, que, como no vindeiro curso, cubrirán o total do custo do comedor para aqueles e aquelas menores que cursan estudos nun centro público e dun máximo de 80 euros ao mes no caso de que o alumnado estea matriculado nun centro sostido parcialmente con fondos públicos. Esta contía pode chegar aos 98 euros en casos excepcionais que valorarán os e as técnicos municipais, atendendo á situación económica dos e das participantes, "para dar cobertura ás familias en situación de vulnerabilidade social, independentemente do centro onde cursen os seus estudos".

A convocatoria para o curso que vén recolle outras modificacións que avanzan na liña de tentar equilibrar e facer máis xustas as condicións de acceso ás bolsas, que están suxeitas á lei de subvencións, pero exentas de tributación. Deste xeito, a unidade de convivencia non terá en conta a todas as persoas maiores de idade para a valoración, se non as que que teñan relación directa cos e cas menores, é dicir pais e nais (ou titores legais, familias de acollida e parellas de feito) irmáns e irmás maiores de idade e os seus cónxuxes, fillos e fillas de ámbolos proxenitores e avós e avoas. "Iso beneficia ás familias que viven con compatriotas ou nas que coexisten varias unidades de convivencia xuntas", apunta Cameán.

Na valoración da situación familiar téñense en conta tres factores diferenciais, como son a situación laboral, a económica das unidades familiares, a social da persoa solicitante e tamén criterios de saúde na unidade familiar ou nos e nas menores que se introduciron o pasado ano, como a intolerancia alimentaria. O principal criterio a ter en conta para a súa adxudicación será o económico, na busca de axudar a aquelas familias que se atopan nunha situación de maior vulnerabilidade, polo que se repartirán un máximo de 10 puntos (no que os 10 son para as rendas per capita de menos de 3.000 euros anuais e 0, para as de máis de 6.000 euros). Este ano, para valorar a situación económica dos traballadores por conta allea teranse en conta os ingresos de todo 2017, e non xa das tres últimas nóminas ou dos dous últimos trimestres como se facía anteriormente, xa que se considera un criterio máis igualitario. As bases incorporan este ano os criterios de valoración có que se fai o cómputo de baremación para darlle máis transparencia ao proceso.