Buscar
20:15h. Lunes, 15 de Octubre de 2018

Emprego

O Concello pon en marcha novos itinerarios gratuítos de formación dirixidos á mocidade

Os cursos, vinculados ao eido da atención ao cliente, hostalería ou animación en tempo libre, inclúen formación transversal en idiomas, ofimática ou igualdade, ademais de prácticas en empresas

Cursos para mozos e mozas de 16 a 29 anos
Cursos para mozos e mozas de 16 a 29 anos

Concello da Coruña | 19/07/2018

A Concellería de Emprego e Economía Social vén de abrir o prazo de solicitude para participar en novos itinerarios formativos dentro dos programas municipais Elas máis e Coruña Emprego Xove, dúas propostas dirixidas, especificamente, a fomentar a empregabilidade e favorecer a inserción sociolaboral da mocidade. En concreto, esta nova proposta da área que dirixe Alberto Lema que chega no período estival, e que se desenvolverá nos vindeiros meses, ten como obxectivo favorecer entre a xente moza a participación nestes proxectos, que son gratuítos para as persoas usuarias e que inclúen, ademais de formación específica e orientación, coñecementos transversais vinculados a idiomas, novas tecnoloxías da información e comunicación así como igualdade de oportunidades.

O programa de capacitación profesional Elas Máis, posto en marcha polo goberno local o pasado mes de febreiro e dirixido a mulleres de entre 16 e 30 anos desempregadas, iniciará no mes de outubro itinerarios vinculados á Atención básica ao cliente, Técnicas e recursos de animación en actividades de tempo de lecer, ou de Servizo básico de restaurante-bar. Cada curso conta entre 50 e 120 horas de formación específica, 65 horas de formación transversal --que inclúen inglés, introdución ás novas tecnoloxías da información ou igualdade--, así como entre 40 e 100 horas de prácticas formativas en empresas. De cara aos vindeiros meses, prevese aumentar esta oferta con novos cursos vinculados ao sector alimentario.

No caso de Coruña Emprego Xove, o programa municipal dirixido a mozas e mozos que están a piques de rematar a súa etapa formativa, oferta 126 prazas en cinco cursos de formación específica nun total de sete edicións. Así, os itinerarios que contan con dobre edición --xa iniciada, e unha segunda, que comeza en setembro--, son Elaboración culinaria básica e Servizo básico de restaurante-bar. Estas dúas propostas inclúen entre 120 e 160 horas de formación específica, 80 de formación transversal e 80 horas de prácticas en empresa. Ademais, Coruña Emprego Xove ofrece itinerarios de Limpeza en edificios e locais, Operacións auxiliares no punto de venda, ou Acondicionamento de habitacións e zonas comúns en aloxamentos. Estas tres propostas, que supoñen entre 80 e 120 horas de formación específica --ademais de 80 de formación transversal e outras 80 de prácticas en empresa--, comezarán contra finais de agosto, a partires do día 27, ou no mes de setembro. O programa, por último, tamén ofrece a posibilidade de realizar un itinerario personalizado sen formación específica --pero que se define, en función das necesidades de cada persoa, desde o servizo municipal de emprego-- e que inclúe 80 horas de coñecementos transversais e 80 horas de prácticas. Esta proposta, xa en marcha, conta cun total de 36 prazas.

De cara a reforzar o coñecemento da oferta de empregabilidade entre a xente moza, a área que dirixe Alberto Lema pon en marcha este verán unha nova campaña en redes sociais para achegar estes proxectos formativos a novos públicos. A oferta completa de cursos, así como a información asociada aos programas municipais, pódese consultar na páxina web www.coruna.gal/emprego.