Para garantir a correcta nutrición de menores en situación de vulnerabilidade

O goberno local impulsa a nova edición do programa de alimentación en períodos non lectivos

A Xunta de goberno extraordinaria deste venres tamén deu luz verde á contratación dun servizo específico de conservación dos cemiterios municipais, “algo que até agora non existía no Concello da Coruña".

O goberno local impulsa a nova edición do programa de alimentación en períodos non lectivos
A concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán
A concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán

Concello da Coruña | 22/06/18

A Xunta de goberno local aprobou este venres a nova edición do programa municipal de alimentación en períodos non lectivos, que busca garantir a correcta nutrición de menores da cidade en situación de vulnerabilidade, naquelas datas nas que non acoden aos centros educativos e, polo tanto, non teñen acceso aos comedores escolares. Dotado dun orzamento de 75.000 euros, estes recursos están destinados a atender a menores da cidade con idades comprendidas entre os 3 e os 16 anos que pertenzan a familias con necesidades especiais. Co obxectivo de asegurar a súa correcta educación, o Concello facilitará vales de alimentos ás familias para que poidan darlles aos e ás menores un menú equilibrado e o fagan, ademais, dun xeito autónomo. A concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, salientou a implicación do persoal municipal para facer que este programa chegue a aquelas persoas que o precisan. Así, "é a unidade de coordinación do programa municipal de traballo coas familias a que se encarga de detectar aos e ás menores perceptores de bolsa comedor durante o curso e que se atopan nunha situación de vulnerabilidade social".

Cameán salientou a aposta do goberno local, dende a súa chegada a María Pita por habilitar estes recursos, "que antes non estaban garantidos". "De feito, no verán de 2015 atendemos a 74 menores. O programa seguiu mellorando e afondamos nese traballo, de forma que en 2017 atendemos en etapas non lectivas a 425 menores", comentou a concelleira, quen indicou que a previsión para ese verán pasa por activar estes recursos para 300 mozos e mozas da cidade.

Por outro lado, o executivo municipal tamén aprobou un gasto de 150.000 euros para financiar a contratación dun pioneiro servizo de Conservación e Mantemento dos Cemiterios Municipais, cuxo contrato entrará agora en fase de licitación. A concelleira de Medio Ambiente, María García, salientou que, "como xa ocorreu con anterioridade, sen ir máis lonxe, o mantemento do estadio de Riazor, até que este goberno se puxo a traballar non había ningún contrato de regulase este servizo". "A partir de agora, e mediante este contrato, financiarase un servizo estable de mantemento para os cemiterios da cidade, San Amaro, Feáns e Oza", comentou a titular de Medio Ambiente, que recordou que esta actuación entronca, ademais, co traballo que está a desenvolver o goberno local para poñer en valor o cemiterio de San Amaro, co cumprimento dun plan director, "que introducirá moitas máis medidas de mellora e protección". "Esperamos poder acometer unha serie de actuacións de mellora neste espazo singular en breve, no que, ademais, desenvolvemos dende o pasado ano un necesario traballo de catalogación de bens culturais, de forma que poidamos aplicar a protección necesaria a un espazo moi importante para moitas persoas da cidade e que, ademais, está dentro da rede europea de Cemiterios Singulares", apuntou.

Tamén en relación coa área de Medio Ambiente, o executivo municipal acordou a continuidade do actual contrato do servizo de limpeza viaria ata que se complete o proceso de licitación a unha nova empresa adxudicataria. García recordou que "o Concello dará continuidade ao actual servizo nas mesmas condicións que ata o momento, solo polo tempo imprescindible mentres non se incorpore ao servizo a nova adxudicataria". O departamento de Medio Ambiente traballa, nestes momentos, na redacción dos novos pregos, nos que se introducirán melloras para levar a cabo unha xestión máis sostible e que atenda demandas da veciñanza.

Por outro lado, e como xa se adiantou, o goberno local deu luz verde á adxudicación das obras de renovación do firme no polígono dos Rosales, que teñen un orzamento de 776.424 euros e un período máximo de execución de cinco meses. O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, salientou que se trata dunha actuación que terá "un grande impacto no espazo público da cidade e que solventará desigualdades históricas entre barrios". "Esta intervención terá un carácter integral, será visible en todo o barrio e, ademais, non se limitará unicamente á renovación de pavimento e asfaltado, senón que tamén se centrará na mellora dos pasos de peóns e da sinalización horizontal, o que servirá para mellorar a accesibilidade e seguridade no barrio", dixo. A actuación nos Rosales deste proxecto, que foi negociado dentro dos investimentos financeiramente sostibles aprobados polo Pleno a finais do ano pasado e con cargo ao remanente de 2016, consiste na renovación dos firmes de calzada nas rúas Manuel Azaña, Castelao e Simón Bolívar, así como a calzada correspondente á beira dos números pares de Emilio González López (e as sete zonas de estacionamento que conectan con Bolívar). Só a renovación destes ámbitos suma case 50.000 metros cadrados de calzada. Esta intervención compleméntase, ademais, co repintado de toda a sinalización horizontal (paradas de autobús, límites de estacionamento, liñas de calzada, pasos de peóns) dos citados espazos, ademais de na rúa Alcalde Suárez Ferrín, e na zona impar de Emilio González López. Esta obra renovará a práctica totalidade dos cruces dos pasos de peóns do barrio.

O goberno local impulsa a nova edición do programa de alimentación en períodos non lectivos