Buscar
12:23h. Jueves, 19 de Abril de 2018

ECOHORTAS DA AGRA DO ORZÁN, NOVO MESOIRO E EIRÍS

Medio Ambiente admite máis do 85% das solicitudes para facer uso das ecohortas urbanas

O Concello vén de publicar a lista provisional de persoas admitidas e excluídas e abre un período de 10 días para presentar reclamacións

A Concelleira de Participación, Claudia Delso e a Concelleira de Medio Ambiente, María García
A Concelleira de Participación, Claudia Delso e a Concelleira de Medio Ambiente, María García

A Concellería de Medio Ambiente vén de publicar a resolución provisional da convocatoria para facer uso das ecohortas urbanas situadas nos barrios da Agra do Orzán, Novo Mesoiro e Eirís. En total os servizos municipais admitiron 274 das 320 solicitudes presentadas, o que supón a validación do 85,62% das peticións. Na Agra do Orzán o Concello admitiu 134 solicitudes que se axustaron aos termos da convocatoria, que cumprían cos requisitos e que achegaron os datos correctamente. No caso de Novo Mesoiro aprobáronse 15 peticións, mentres que en Eirís foron 125 as que pasaron o trámite. A relación pódese consultar na web municipal.

Entre os requisitos solicitados pola área de Medio Ambiente para a aprobación da solicitude están que a persoa solicitante sexa maior de idade e estar inscrita no padrón municipal cunha antigüidade mínima de seis meses --agás nos casos das vítimas de violencia machista que cambien de domicilio, persoas emigrantes retornadas ou refuxiadas--, ademais de non ter débedas co Concello. As solicitudes que resultaron excluídas no primeiro paso do proceso --por motivos como a falta de autorización para o usos hortas que figuraba no anexo da convocatoria ou de documentación que acredite a situación de diversidade, entre outras-- disporán dun período de 10 días para presentar as súas reclamacións. As novas áreas de hortas urbanas do termo municipal, que naceron froito de distintos procesos participativos, teñen un total de 217 parcelas que contan con accesos adaptados para persoas con diversidade funcional. Unha parte das mesmas quedarán reservadas para persoas xubiladas ou maiores de 65 anos, receptoras da Renda Social Municipal ou da Renda de Inclusión Social e para asociacións sen ánimo de lucro, de carácter social, pedagóxico, terapéutico ou ambiental, así como centros públicos de ensino dos distritos ou de distritos colindantes. Toda a información sobre o proceso de adxudicación das parcelas das ecohortas, así como información sobre as mesmas pode atoparse na páxina web http://www.ecohortas.coruna.gal.