Do 15 de decembro ao 27 de xaneiro

A Marea Atlántica renova a súa aposta por unha candidatura municipalista para 2019

Entre o 15 de decembro e o 27 de xaneiro celebrarase unha Marea Viva que busca preparar á organización para responder aos retos da cidade

A Marea Atlántica renova a súa aposta por unha candidatura municipalista para 2019
mareaviva_2
Marea Viva "Repensando xuntas a Marea Atlántica"

A Marea Atlántica acordou renovar a súa aposta por unha candidatura municipalista na Coruña, e pola necesidade de continuar traballando na vía institucional, co obxectivo de gañar as eleccións municipais de 2019 e afianzar o cambio político na cidade. Deste xeito, pon en marcha un proceso de Marea Viva no que a organización se preparará para este novo horizonte inmediato.

O pasado 16 de novembro, a Rede da Marea Atlántica aprobou os obxectivos políticos da organización cara os vindeiros anos e deixa clara a aposta por seguir traballando por unha cidade mellor para vivir desde as ferramentas do municipalismo. Porque, aínda que nun contexto de menor mobilización social, os motivos que nos levaron a unir a praza e o pazo en 2015 seguen a existir.

Nestes vindeiros anos, a marea afondará no seu carácter de organización adaptable e descentralizada, cun esforzo especial por ter presenza nos barrios da cidade. Para falar, escoitar e deixar que as necesidades das veciñas e veciños marquen a axenda política.

Fronte a unha desigualdade cada vez maior, ao constante deterioro dos servizos públicos, e a un rearme autoritario que recorta dereitos e liberdades, a Marea Atlántica quere seguir demostrando que hai outro xeito de gobernar e de conducir a acción política, da man da cidadanía, dándolle voz e apoio ás súas reivindicacións. Non nos conformamos con gañar as eleccións para unha mellor xestión do existente. Vimos para impugnalo todo, e continuaremos nese camiño.

Calendario da Marea Viva

Desde o 15 de decembro ao 27 de xaneiro desenvolverase a Marea Viva para adaptar a organización a estes obxectivos políticos. Será o momento de tomar decisións concretas como o proceso de primarias, o deseño dun programa participativo e a adaptación da organización aos retos do horizonte 2019.

Na fin de semana do 15 e 16 de decembro, abrirase un o proceso cunha Marea Baixa, na que haberá espazos de formación, reflexión e debate para deixar claros os asuntos sobre os que cómpre decidir. A continuación, abrirase o prazo para presentar propostas concretas, elaboradas por equipos redactores, que poderán ser coñecidas e debatidas por toda a cidadanía.

Finalmente, o 27 e 28 de xaneiro celebrarase a Marea Alta para votar e escoller entre as diferentes alternativas. Son temas demasiado importantes como para resolvelos nunha soa fin de semana. Imos con calma, porque  imos lonxe.

Alianzas desde o local ao global

O documento político aprobado na Rede establece tamén que a prioridade da Marea Atlántica é actuar no ámbito local, de acordo cos seus principios fundacionais.

Porén, municipalismo non significa localismo. A Marea Atlántica ten vontade de tecer alianzas e redes de colaboración que vaian máis alá do local . Porque existen situacións que non se poden cambiar desde as institucións locais, sen actuar desde o ámbito galego e estatal. E porque existen
experiencias que compartir e das que aprender en moitos lugares. O municipalismo ten sentido alí onde se defenda o dereito á cidade.

Neste sentido, faise un chamamento a coidar e reforzar as relacións coa Rede de Cidades Rebeldes do Estado, e coas distintos espazos municipalistas galegos, que xa deron froitos no pasado, como a defensa da autonomía municipal fronte a Lei Montoro. Tamén se reforzará a aposta metropolitana da Marea Atlántica, en consonancia co traballo que se está a facer desde o Goberno Municipal.

Ademais, a Marea Atlántica mantén a súa aposta pola configuración dun suxeito político nacional, cunhas condicións definidas pola nosa Rede en varias ocasións: un espazo de confluencia, con mecanismos de transparencia e rendición de contas, feminizado e cun liderado colectivo. É o modelo que defendemos nas Mareas en Común e nos acordos da Asemblea Constituínte de En Marea, celebrada en Vigo.

A Marea Atlántica renova a súa aposta por unha candidatura municipalista para 2019