Buscar
05:36h. Miércoles, 23 de Mayo de 2018

MESA DE ALCALDES E ALCALDESA

A Mesa de Alcaldes e Alcaldesa reclama á Xunta que inclúa no seu Plan de Transporte a creación dunha Autoridade Única Metropolitana de Transporte

O alcalde, Xulio Ferreiro, pide ao Goberno galego que aposte pola Coruña e demostre agora “se ten disposición real ou non” de colaborar na creación dun sistema de transporte público integrado para os concellos da contorna da cidade.

Xuntanza da Mesa de Alcaldes e Alcaldesa
Xuntanza da Mesa de Alcaldes e Alcaldesa

Concello da Coruña | 04/05/2018

A Mesa acordou a fórmula de consorcio participado polos concellos impulsores e a Administración autonómica para esta Autoridade Única, que se integrará despois na estrutura da Área Metropolitana. Os rexedores e a rexedora coincidiron en “reprobar o menosprezo” do ministro de Fomento e o presidente da Xunta por ter visitado A Coruña sen contestar as súas solicitudes de entrevistas conxuntas, que reiteran para que sexan respondidas no prazo máximo de dez días.

A Mesa de Alcaldes e Alcaldesa acordou hoxe impulsar a creación da Autoridade Única de Transporte Metropolitano da Coruña e requirir á Xunta de Galicia, mediante a presentación dunha alegación conxunta dos concellos impulsores, a súa inclusión no Plan de Transporte Público de Galicia, que se atopa en fase de exposición pública. "Amosamos así o noso interese en construír, tendo iniciativa e presentando proxectos, e creo que sería bo que a Xunta apostase pola Coruña, que vise que a potencialidade que ten como área metropolitana depende de que nos dotemos de determinados instrumentos imprescindibles como a Autoridade Única de Transporte e que aposte por ela como no seu momento fixo pola de Vigo", expresou o alcalde, Xulio Ferreiro. Na xuntanza, que se celebrou no Pazo de María Pita, participaron, ademais de Ferreiro, a rexedora de Bergondo e os rexedores de Betanzos, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada, que tiveron a oportunidade de coñecer da man do vicepresidente executivo da Área Metropolitana de Barcelona e alcalde de Cornellà, Antonio Balmón, e o seu xerente, Ramón Torra, "como abordan dende un dos modelos de área metropolitana máis exitosos a xestión do transporte e tamén doutras políticas como o urbanismo, a mellora do espazo público ou as políticas sociais e de estímulo á actividade económica".

Ferreiro explicou que, tras a participación de Balmón e Torra, a Mesa de Alcaldes e Alcaldesa avanzou no camiño para a creación da Autoridade Única de Transporte Metropolitano da Coruña baixo un modelo de consorcio, participado polos municipios impulsores e a Xunta de Galicia, "e que terá as facultades para planificar, coordinar e xestionar no seu conxunto" o servizo de transporte da futura área. "Estamos a facer un esforzo importante, tanto a nivel técnico como político, para que o proxecto saia ben. O primeiro que escoitei da conselleira de Infraestruturas e Vivenda sobre a Autoridade Única de Transporte foi que era unha ocorrencia, que creo que non é unha boa maneira de comezar. No seu momento o presidente da Xunta amosouse disposto a que o transporte metropolitano fose o eixe sobre o que comezar a construír a área e agora é o momento de ver se esa disposición é real ou non", apuntou Ferreiro. Para comezar a elaborar a iniciativa dos concellos, os rexedores e a rexedora encomendaron á Mesa Metropolitana de Transporte a redacción, "á maior brevidade posible", dunha proposta de alegación para o Plan de Transporte Público da Xunta de Galicia, "tanto aos efectos de planificación como de integración, metropolitana e urbana, das liñas de transporte", ao mesmo tempo que facultaron ao alcalde da Coruña solicitar unha reunión conxunta coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia.

Neste sentido, a Mesa chegou tamén ao acordo de "reprobar o menosprezo do ministro de Fomento e do presidente da Xunta de cara á cidade e a súa área metropolitana" por ter visitado a cidade sen dar nin sequera resposta ás solicitudes de entrevista cursadas en conxuntos polos alcaldes e alcaldesa. Por iso, a Mesa reiterará ás peticións para a celebración deste encontro, nas que esixirá unha contestación nun prazo máximo de dez días, "antes de adoptar outras medidas".

Acordos da Mesa de Alcaldes e Alcaldesa (249 KB)