Buscar
09:03h. Lunes, 19 de Febrero de 2018

DILLO TI

O Pazo da Ópera acolle este sábado, 27 de xaneiro, un novo encontro 'Dillo ti' do goberno local coa veciñanza

A nova sesión desta canle de participación directa para a cidadanía comezará ás 12.00 horas e contará, como é habitual, cun espazo de conciliación para as nenas e nenos aberto a toda a cidade

Dillo Ti  en Eiris
Dillo Ti en Eiris

Concello da Coruña | 24/01/2017

O Concello da Coruña celebrará este sábado, 27 de xaneiro, un novo encontro do Dillo ti. Conversas co alcalde e o goberno municipal, o programa de xuntanzas abertas entre a veciñanza e o executivo local que se celebran nos distintos barrios da Coruña. Esta canle de participación directa ten como obxectivo crear espazos nos que a cidadanía poida conversar, de xeito directo, co goberno local para trasladarlle as súas demandas e inquedanzas e recibir unha resposta inmediata dos responsables municipais.

A cita coa veciñanza celébrase unha vez ao mes. Tras visitar os barrios dos Castros, Palavea, Monte Alto, Os Mallos, Agra do Orzán, Novo Mesoiro, Monelos, Cidade Vella, Os Rosales, O Castrillón, Sagrada Familia, Peixería, A Silva, Feáns, Adormideras, Labañou e Eirís, a nova xuntanza do Dillo ti achégase á veciñanza da contorna de Santa Margarida. Celebrarase no Pazo da Ópera (Glorieta de América, s/n) o vindeiro sábado a partir das 12.00 horas. O encontro, que terá dunha duración aproximada de 90 minutos, contará cun servizo de tradución á linguaxe de signos e outro de conciliación con obradoiros infantís co obxectivo de facilitar que ás persoas con nenas ou nenos ao cargo poidan asistir. Todas e todos os menores da cidade que teñan interese en asistir a este taller, poderán facelo ata completar o número de prazas dispoñibles. Para participar neste espazo non será necesario inscribirse, senón unicamente acudir ao Pazo da Ópera no horario de celebración do Dillo ti --de 12.00 a 13.30 horas--.

Toda a información destas xuntanzas está dispoñible na web municipal, no enlace, así como nos vídeo resumos de cada unha delas, que se poden ver na canle oficial do Concello na plataforma Vimeo www.vimeo.com/concellocoruna.