Buscar
02:02h. Lunes, 18 de Junio de 2018

SUPORÁ A LIMPEZA INTEGRAL DE MÁIS DE 240 RÚAS

'A Pé de Barrio' inicia as actuacións de coidado do espazo público no Distrito 8

O programa municipal chega ao Distrito 8 logo de realizar case 300 actuacións en materia de rexeneración urbana e mellora da contorna nos barrios dos Rosais, San Pedro de Visma e O Portiño

María García e Daniel Díaz Grandío presentaron o programa A pé de Barrio no Distrito 8
María García e Daniel Díaz Grandío presentaron o programa A pé de Barrio no Distrito 8

Concello da Coruña | 21/12/2017

O programa municipal de coidado intensivo do espazo público A Pé de Barrio iniciou esta semana as súas actuacións no Distrito 8, o que suporá a limpeza integral de máis de 240 rúas comprendidas nos barrios de Falperra-Santa Lucía, Os Mallos, O Ensanche, A Sardiñeira-San Cristovo, Catro Camiños, Gaiteira e Os Castros. Iniciado esta semana, está previsto que o plan se desenvolva durante 71 días, rematando en torno ao 28 de febreiro, tendo en conta o parón de Nadal, que terá lugar entre o venres 22 de decembro e o 10 de xaneiro. Ademais das actuacións de limpeza integral, como vén sendo habitual dentro deste programa municipal, están previstas múltiples accións de coidado do espazo público, como a reparación e substitución de contedores e papeleiras, a retirada de pintadas no mobiliario público, accións de control de plagas, reparación e reposición de alumeado público, revisión das redes eléctricas e actuacións en materia de saneamento.

Do mesmo xeito, tamén se procederá á retirada de herbas espontáneas nas rúas e beirarrúas do distrito, así como a sega dos alcorques das zonas axardinadas e outras actuacións de mellora e coidado de parques e xardíns. En materia de rexeneración urbana, levaranse a cabo actuacións de eliminación de fochas nas calzada, pavimentación e substitución de baldosas rotas, así como a reparación e substitución de mobiliario público, se fose necesario, e reposición e repintado de sinalización vertical e horizontal.

Os servizos municipais abordan estas actuacións logo de rematar as previstas no Distrito 2 (barrios dos Rosais, San Pedro de Visma e O Portiño). Nesta zona abordouse a limpeza intensiva de 22 rúas da cidade, nas que tamén se procedeu á retirada de vexetación espontánea. Durante os 16 días que durou a intervención neste distrito contabilizáronse 175 actuacións de rexeneración urbana, incluíndo reparacións nas beirarrúas, repintado de pasos de peóns, instalación e reparación de bancos, fontes e alumeado, substitución do cableado eléctrico e actuacións de pavimentado e eliminación de fochas. Ademais, tamén se levaron a cabo 115 actuacións de reparación e substitución de contedores, tanto soterrados como de superficie, papeleiras, retiradas de pintadas, reasentamento de rexistros de sumidoiros e actuacións sobre o arborado.

Dende a posta en marcha, o pasado verán, de A Pé de Barrio, o programa municipal levou a cabo 4.868 actuacións de coidado do espazo público e de rexeneración urbana, así como 450 baldeos nocturnos dentro do plan especial de verán en prazas por toda á cidade. Ao fío, a Concellería de Medio Ambiente recorda que, nestes momentos, e debido á alerta por seca, as actuacións de limpeza intensiva realízanse sen auga, por medio de métodos mecánicos.