"Para facer efectivo o dereito a unha vivenda digna"

O programa de intervención social ‘A Flote’ concedeu 197 axudas por un importe de máis de 104.000 euros

A concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, destaca que 78 destas prestacións serviron para paliar situacións con notificación de desafiuzamento xudicial

O programa de intervención social ‘A Flote’ concedeu 197 axudas por un importe de máis de 104.000 euros
Silvia Cameán
A Concelleira de Xustiza Socia e Coidados, Silvia Cameán

Concello da Coruña | 03/04/2018

O programa de intervención social A Flote, que a Concellería de Xustiza Social e Coidados puxo en marcha a través dun convenio de colaboración coa Fundación Emalcsa, concedeu durante o pasado ano 197 axudas de emerxencia social por un importe de 104.762,90 euros. "O obxectivo do programa é evitar situacións de desprotección, polo que se pensou coma un recurso para prestar axuda urxente e puntual a persoas en situacións nas que non poden optar a outro medio de intervención desde o sistema público de servizos sociais", indica a concelleira Silvia Cameán. A prioridade da iniciativa é, como apunta, "facer efectivo o dereito a unha vivenda digna", polo que o destino das 197 axudas tramitadas foi abonar débedas de mensualidade de aluguer de cuartos ou vivendas e fianzas. Delas, un total de 78 paliaron situacións con notificación de desafiuzamento xudicial grazas ao pago das débedas adquiridas derivadas dos arrendamentos, de xeito que serviron para "previr situacións de gran risco como son a perda da vivenda habitual ou a prevención de situacións de rúa". As axudas aprobadas tiveron 179 persoas beneficiarias directas, xa que hai algunhas que recibiron máis dunha prestación,  e un total de 363 indirectas, das que 131 son menores e 53 son convivintes.

Un total 166 das axudas concedidas foron destinadas á liquidación de débedas de mensualidades de aluguer de vivenda (104) ou cuartos (62), que incluiron tamén en 39 dos casos o abono de fianzas. A titular de Xustiza Social reafirmou, á vista dos primeiros resultados de avaliación do pasado ano, "a necesidade deste programa que evita situacións de desprotección debidas a requisitos formais ou de problemas de procedemento de maneira áxil". Neste sentido, apunta que en 75 dos casos nos que se concedeu a axuda non existía un contrato de aluguer, requisito indispensable para acceder a prestacións como, por exemplo, a Risga. As restantes axudas xestionadas foron dedicadas a conceptos como equipamentos e outros gastos asociados á vivenda como suministros ou pago de taxas ou comunidade.

O importe medio das axudas foi de 531,80 euros, pero unha avaliación máis polo miúdo indica que as prestacións máis frecuentes oscilaron entre as inferiores a 300 euros (un total de 60) e as que pagaron entre 300 e 600 euros (61), a meirande parte delas destinadas á liquidación de alugueres de cuartos ou as súas fianzas. Ademais, outorgáronse 40 axudas de entre 600 e 900 euros e 36 superiores a 900 euros, que solventaron abonos de aluguer de vivendas con preferencia para aqueles con risco de desafiuzamento. Cumprindo a función de urxencia coa que se asinou este convenio de A Flote, os abonos realizánronse durante 2017 nunha media de 3 días "grazas á flexibilidade do programa e a unha efectiva coordinación cos equipos profesionais dos servicios sociais do Concello". Un total de 73 axudas pagáronse en menos de 24 horas, 82 delas en menos de dous días e 11 en menos de 72 horas. As 31 restantes que superaron os tres días de xestión do pago debéronse á falta de documentación necesaria para facer o trámite e, unha vez completa, resolvéronse antes de 15 días.

O programa prevé dúas modalidades de pagamento, delegado á persoa proveedora do servizo ou á persoa beneficiaria, que poden aboarse por transferencia ou cheque nominativo. A opción preferente que se emprega en A Flote é a de pago delegado por ingreso bancario -en 175 das axudas fronte a 1 con cheque- xa que é máis directa e ten unha maior trazabilidade; porén, naquelas situacións onde non era posible o pago a proveedor optouse polo abono á persoa beneficiaria -21 casos, dos que sete foron con transferencia e 14 con cheque-. Todos os pagos que se realizaron con talón contaron con acompañamento social e unha valoración técnica previa dos servizos municipais.

A concelleira destaca que este programa serve tamén para impulsar o carácter social da Fundación Emalcsa, que se encarga de prestar información e facer acompañamento e asesoramento ás persoas solicitantes, ademais da xestión administrativa  e do seguimento e xestión das accións de inserción social que establece o programa, mediante un traballo coordinado e en rede cos servizos sociais municipais, que interveñen nos procesos. "Deste xeito, favorécese a coordinación dos casos e pódense paliar situacións de especial vulnerabilidade e urxencia polo risco de perda de vivenda e outros factores asociados, como a protección de menores de idade ou de persoas dependentes en risco de exclusión", fai notar a concelleira, quen indica que A Flote serve ademais como programa piloto que permite avaliar as posibilidades de mellora do sistema de cara a poñer en marcha novas modalidades ou potenciar as xa existentes. Os casos que os servicios sociais municipais derivaron cara ao programa A Flote debéronse, na súa maioría, á axilidade de pagamento do programa que permite aboar de urxencia as débedas. Dos restantes, nun 20% de ocasións a derivación foi motivada pola existencia de débedas tributarias por parte da persoa beneficiada, nun 24% motivado pola falta dun contrato de aluguer, o 11% por falta de documentación e nun 3% por superar o límite económico marcado pola Ordenanza Municipal de Emerxencia Social debido a causas xustificadas detalladas polos técnicos municipais en cada informe.

O programa de intervención social ‘A Flote’ concedeu 197 axudas por un importe de máis de 104.000 euros