Buscar
13:22h. Miércoles, 17 de Octubre de 2018

Dende as 07.00 horas do 14 até as 07.00 horas do 17 de setembro do 2018

Servizos prestados pola Policía Local

Son funcións da Policía Local:

  • Vixilancia do cumprimento das Ordenanzas Municipais, Bandos da Alcaldía, Regulamentos Municipais e demais disposicións que atribúen competencias en materia de policía.
  • Vixilancia da convivencia cidadá, actuando naquelas situacións en que sexa necesario e colaborando con outras Forzas e Corpos de Seguridade.
  • Coordinación coas Asociacións cívicas, veciñais, etc., existentes.
  • Coordinación con outras Áreas e outros órganos municipais ao obxecto de lograr unha maior rapidez e eficacia nas súas actuacións. · Vixilancia e ordenación do tráfico nas vías do termo municipal.

 

Velaquí un exemplo do feito no últimos tres días

 

Policía local
Policía local

CONTROIS PREVENTIVOS DISUASORIOS DE SEGURIDADE VIARIA

Un condutor foi denunciado administrativamente por dar positivo nas probas de alcoholemia o pasado día 17, ás 00.26, tras ser detectado por unha dotación da Policía Local cando circulaba pola rúa Juana de Vega. O condutor, un home de 31 anos de idade e veciño da Coruña, foi sometido ás probas de alcoholemia, arroxando un resultado positivo de 0,53 e 0,50 mg/l, o que lle podería supoñer unha sanción económica de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos da súa autorización administrativa para conducir. Do vehículo que conducía fíxose cargo un condutor alternativo.

Tamén tivo lugar un accidente de circulación da clase alcance no que se rexistraron persoas feridas e no que, ademais, un condutor foi denunciado xudicialmente por conducir baixo os efectos de bebidas alcohólicas dando positivo en proba de alcoholemia. O alcance tivo lugar o día 16, ás 20:50 horas na avda. de Alfonso Molina e nel se atoparon implicados dous vehículos, unha motocicleta e un turismo. Como consecuencia do accidente resultou ferido de carácter leve o condutor da motocicleta, un varón de 26 anos de idade e veciño da Coruña, que foi atendido no
lugar pola dotación dunha ambulancia do 061 e posteriormente traslado ata o hospital Modelo.

Ademais, este condutor foi sometido ás probas de alcoholemia arroxando un resultado POSITIVO (0.99 e 1,00 mg/l.), polo que será denunciado ante o Xulgado de Garda por un Delito contra a Seguridade Vial por dar un positivo na proba de alcoholemia e estar implicado nun accidente de circulación con lesións. A motocicleta foi retirada por un guindastre de asistencia ao non estar apta para circular.

Un accidente de circulación sen feridos (da clase obstáculo fixo) foi o que tivo lugar contra ás 06.25 horas na rúa Orillamar 58. Neste suceso viuse implicado un só vehículo, un turismo que colisionou contra unha árbore ornamental. O condutor, un varón de 23 anos de idade e veciño da Coruña, foi sometido ás probas de alcoholemia arroxando un resultado POSITIVO (0,44 e 0,45 mg/l.), polo que será denunciado ante o Xulgado de Garda por un Delito contra a Seguridade Vial estando implicado nun accidente de circulación sen feridos. O vehículo foi retirado por un guindastre de asistencia.

Un condutor foi denunciado administrativamente por dar positivo nas probas de alcoholemia (0,48 e 0,47 mg./l). O home, de 29 anos e veciño da Coruña, foi detectado cando circulaba pola Avda. da Concordia ás 10:07 horas do día 15. A denuncia supón unha posible sanción de 500 euros e a perda de 4 puntos no seu permiso de conducir.

Ás 03:40 horas do día 16, unha dotación deu o alto a un vehículo que circulaba a gran velocidade polo Paseo Marítimo. Ao condutor, un varón de 26 anos de idade, veciño da Coruña, figuráballe unha perda de vixencia da súa autorización administrativa para conducir pola perda total de puntos asignados, polo que se tramitan dilixencias ao xulgado polo procedemento de xuízo rápido por un presunto delito contra a seguridade viaria.

Un accidente de circulación sen feridos rexistrouse ás 02.30 horas do día 16 na intersección da praza de Pontevedra coa avenida de Fisterra. Foi do tipo alcance. Un turismo colisionou contra a parte traseira doutro que se atopaba detido na intersección. O condutor do auto que chocou, un un varón de 45 anos veciño da Coruña, presentaba claros signos de atoparse baixo a influencia de bebidas alcohólicas, polo que foi requirido para someterse ás probas de determinación do grado de impregnación alcohólica, arroxando estas resultado positivo (0,86 e 0,93 mg./l), polo que se tramitan dilixencias ao xulgado por un presunto delito contra a seguridade viaria.

Un condutor foi denunciado administrativamente por dar positivo nas probas de alcoholemia (0,63 e 0,62 mg./l). O home, de 50 anos e veciño de Bergondo, foi detectado cando circulaba polo entorno do Campo da Leña ás 04.47 horas do día 15. A denuncia pode supoñer unha sanción de 1.000 euros e a perda de 6 puntos no seu permiso de conducir.

As 07.12 horas do día 14 rexistrouse un accidente de circulación sen feridos no acceso da rolda de Nelle dende a avenida de Arteixo. Foi unha colisión contra obstáculo fixo no que un turismo colisionou contra o muro de formigón que divide a avda. de Arteixo co viario de acceso cara a rolda de Nelle. O condutor, un varón de 24 anos de idade veciño da Coruña, deu positivo nas probas de alcohol e no test indiciario de drogas, polo que foi denunciado por un delito contra a seguridade viaria.

Rexistrouse un accidente de circulación sen feridos ocorrido na rúa Alcalde Pérez Ardá ás 03:15 horas do día 15. Foi do tipo alcance e nel se atoparon implicados dous vehículos, ambos turismos. Realizadas as pertinentes probas de determinación do grado de impregnación alcohólica, ambos os dous condutores deron positivo. O condutor do primeiro, un varón de 31 anos veciño da Coruña, deu un resultado de 0,61 e 0,56 mg./l e o condutor do segundo vehículo, varón de 41 anos veciño tamén desta cidade, deu un resultado de 0,34 e 0,31 mg./l, polo que se lles tramitan as correspondentes denuncias administrativas ademais de dilixencias ao Xulgado.

DETIDO POR UN DELITO DE FURTO DE TELÉFONO MÓBIL

Cando eran as 05:02 horas do día 16 de setembro, a Central Operativa do 092 requiriu a unha patrulla da Policía Local para que se trasladase a un establecemento de lecer da zona da Dársena, onde, ao parecer, tiñan retido a un mozo por furtar un teléfono móbil. Unha vez no lugar, observan que os porteiros do establecemento teñen retido a un mozo no almacén. Trátase dun veciño desta cidade de 21 anos de idade.

No lugar tamén estaba unha moza de 25 anos de idade, á que lle subtraeron o teléfono móbil, valorado en 600 euros. A muller manifestaba que cando estaba no interior do establecemento notou como alguén lle tocaba a mochila que levaba ás súas costas. Virouse de inmediato e observou que tiña a mochila aberta e lle faltaba o móbil e que o mozo que estaba ao seu lado o tuña na man. Despois de que lle requirira o móbil en varias ocasións, acabou por darllo, momento no que a muller aproveitou para sacarlle unha foto. Os policías puideron comprobar que se trataba da mesma persoa que estaba retida polos porteiros do establecemento. No lugar tamén identificaron a outra moza que presenciou os feitos e que corroboraba a versión da denunciante.

Por todo iso, ponderando os feitos concorrentes, os axentes procederon a detención do mozo, sendo informado dos seus dereitos e os motivos da súa detención e sendo denunciado ante o xulgado de garda por un delito de furto, quedando a disposición xudicial nos calabozos policiais.

DENUNCIA POR MONTAR UNHA FESTA NUN DOMICILIO PRIVADO, PERTURBANDO O DESCANSO VECIÑAL

Cando eran as 23:35 horas do día 15 de setembro, unha patrulla da Policía Local trasladouse a unha das rúas do barrio do Ensanche, xa que se recibiron queixas de que se estaba celebrando unha festa nun piso, perturbando a paz e descanso da veciñanza. Unha vez no lugar, a música que proviña do piso xa era audible desde a rúa e os pisos superiores e inferiores do edificio. Identificada a moradora da vivenda, foi requirida para que apagase inmediatamente a música, e informada que sería proposta para sanción por infracción da Ordenanza Municipal de Protección contra a Contaminación Acústica.

DENUNCIAS POR INFRACCIÓNS Á ORDENANZA DE TERRAZAS

Cando eran as 22:50 horas do 15 de setembro, e ante as queixas veciñais recibidas, realizouse a inspección da terraza dun establecemento do barrio de Palavea. Comprobouse que carecía da correspondente licenza municipal para a instalación de terraza, polo que se identificou ao encargado do establecemento, ao que se lle informou que sería denunciado por estes feitos.

Cando eran as 01:45 horas do 16 de setembro, e ante as queixas veciñais recibidas, realizouse a inspección da terraza dun establecemento do barrio de Pescadería. Comprobouse que excedía do horario establecido para ter montada a mesma, polo que se identificou ao encargado do establecemento, ao que se lle informa que sería denunciado por estes feitos.

DENUNCIA POR NON RECOLLER AS DEXECCIÓNS DO SEU CAN

Cando eran as 10:45 horas do día 14 de setembro, unha patrulla da Policía Local que realizaba labores de vixilancia polo Paseo Marítimo observaron a un can solto. Posteriormente, o can defecou e continuou en dirección ao seu dono, momento no que este procedeu a abandonar o lugar. Por este motivo os Policías procederon á identificación do dono do can e a denuncialo, mediante a acta correspondente, por dúas infraccións simultaneas: non recoller as dexeccións do seu can e telo solto na vía pública.

DENUNCIADO O RESPONSABLE DUN ESTABLECEMENTO CON MÚSICA ALTA CON POSIBLE MANIPULACIÓN DO LIMITADOR DE SON

Cando eran as 03:10 do día 15 de setembro, unha patrulla da Policía Local trasladouse a unha das rúas de barrio de Pescaría, ao obxecto de comprobar as queixas polo volume da música dun establecemento de lecer. Xa no lugar comproban que a música era perfectamente audible desde o exterior do establecemento, ata coas portas pechadas. Realizada a inspección no interior do local comproban que pese a que está equipado con medidas correctoras de son, estas non cortan o son ao exceder o límite. Chegando ata os 92dB. Por todo iso, identifícase ao propietario do establecemento e cóbrese a correspondente Acta-denuncia por posible manipulación do limitador de son.

DANOS EN VEHÍCULO ESTACIONADO NA VÍA PÚBLICA

Cando eran as 03:20 horas do día 15 de setembro, a Central Operativa do 092 requiriu a unha patrulla da Policía Local para que se trasladase a unha das rúas do barrio do Castrillón onde, ao parecer, unha muller estaba berrando e rompendo cousas na vía pública. Ao chegar ao lugar observan que hai bastantes cristais na vía pública, ao mesmo tempo que ven a unha muller que sae á fiestra do seu domicilio proferindo gritos. Segundo as testemuñas que estaban na vía pública, esa muller era a responsable de tirar as botellas de cristal desde a fiestra do seu domicilio. Nunha inspección ocular máis detallada observan que un dos vehículos estacionados nas inmediacións tiña danos causados polo impacto de botellas.

Logo de identificar á veciña de 52 anos de idade esta recoñeceu ser a responsable de tirar pola fiestra as botellas de cristal á vía pública e manifestou que o fixo polas molestias causadas por uns veciños que viven nesa rúa. Posteriormente localizaron e identificaron ao propietario do vehículo danado, ao que informaron dos pasos que debe realizar para reclamar os  danos causados.