Buscar
11:44h. Jueves, 19 de Abril de 2018

NOTA DE PRENSA. MAREA ATLÁNTICA

Voto a distancia na Deputación

A normativa interna da institución provincial, que se modificará no pleno do vindeiro venres, permitirá por primeira vez o voto non presencial para favorecer a conciliación. Tamén logra que a emisión e publicación dos plenos sexa obrigatoria.

Deputación | Foto: Erik Dobaño
Deputación | Foto: Erik Dobaño

O regulamento da Deputación da Coruña permitirá, por primeira vez, votar de xeito non presencial ás deputadas e deputados que estean de permiso por maternidade, paternidade ou de baixa por doenzas graves. Será posible grazas a unha emenda introducida polo grupo da Marea Atlántica no proxecto do goberno provincial, que foi aprobado inicialmente polo Pleno este venres 23 de marzo.

Deste xeito, modificarase o artigo 62.3 do regulamento da Deputación para indicar que debe poñerse en marcha “un sistema de asistencia virtual e voto telemático” para apoiar ás deputadas que se atopen de baixa “nos casos de maternidade, paternidade ou enfermidade grave”. É unha aposta pola conciliación e os coidados no eido da representación política, como exemplo de prácticas que deberan trasladarse ao conxunto da sociedade.

O grupo provincial da Marea Atlántica tamén conseguiu a adaptación á linguaxe inclusiva de todo o regulamento da Deputación e conseguiu que a emisión en directo dos plenos a través de streaming —​que comezou en 2017 grazas á proposta das deputadas da Marea— se convirta nunha obriga regulamentaria.

Do mesmo xeito, aceptáronse as emendas para solicitar que os e as deputadas deban facer pública a súa axenda de actos institucionais, e teñan a obriga de renunciar aos obsequios e privilexios materiais que lles ofrezan como parte do seu cargo, agás aqueles que cumpran unha función meramente protocolaria. Os agasallos institucionais deberán pasar a formar parte do patrimonio da Deputación.

Grazas a estas novidades, que avanzan na feminización, na transparencia e na conciliación, o noso grupo provincial votará o venres a favor da posta ao día do regulamento da Deputación.

Cómpre renunciar ás dietas por asistir ás comisión Porén, a Marea Atlántica convida ao goberno provincial a reflexionar sobre unha emenda que foi ignorada por PSOE e BNG: o rexeitamento do cobro pola asistencia a comisións que forman parte das obrigas laboráis das deputadas que teñan dedicación parcial ou exclusiva.

Tanto no Concello da Coruña como no Código Ético da Marea Atlántica inclúese esa obriga, e as nosas deputadas xa as aplican na súa práctica diaria, negándose a aceptar o cobro de dietas polas comisiónss. Por iso, continuaremos a traballar para facer da representación institucional un terreo pechado aos privilexios e aberto á cidadanía.