Buscar
12:43h. Miércoles, 15 de Agosto de 2018

NOTA DE PRENSA BNG

O BNG da Coruña demanda que se faga público o acordo sobre os terreos portuarios

“De momento, o que sabemos do protocolo apunta a que o acordo só se referiu á titularidade dos terreos e á renuncia da Autoridade Portuaria a sacar a poxa o soar da Solana e os peiraos de Batería e Calvo Sotelo” sinala o Bloque

Autoridade Portuaria
Autoridade Portuaria

Diante da escasa información a respecto do protocolo  asinado onte entre Fomento, Portos do Estado, a Xunta de Galiza, a Autoridade Portuaria, o BNG da Coruña salienta a opacidade a respecto do documento de acordo sobre os terreos portuarios e demanda que se faga público.

Para o BNG, “é gravísimo xa que unicamente coñecemos o reparto do pastel e seguimos sen coñecer para que queren empregar Fomento e a Xunta de Galiza eses terreos”.

 “De momento, o que sabemos do protocolo apunta a que o acordo só se referiu á titularidade dos terreos e á renuncia da Autoridade Portuaria a sacar a poxa o soar da Solana e os peiraos de Batería e Calvo Sotelo. Así pois, o acordo ao que se chegou onte non altera o modelo de financiamento do Porto Exterior en base á venda dos peiraos interiores xa que os terreos de San Diego e o soar do Hotel Finisterre igualmente sairían a poxa e a Xunta de Galiza mercaría os peiraos de Batería e Calvo Sotelo”, sinala a voceira nacionalista no Concello da Coruña, Avia Veira.

O Bloque entende ademais que o modelo urbanístico dos convenios de 2004 segue absolutamente vixente co acordado onte xa que o protocolo non modifica os usos hoteleiro e comercial para Batería e Calvo Sotelo -segundo o que coñecemos por informacións xornalísticas- polo que o planeamento e os usos destes espazos seguirán sendo o que establecen os convenios de 2004 e o PXOM cunha edificabilidade asignada como terciaria de cando menos 34.458 metros cadrados dentro dos cales 8.615 corresponden a uso hoteleiro, 7.753 a oficinas e 18.090 a centro comercial/ocio.

“É dicir nos terreos de Batería e Calvo Sotelo van construírse igualmente hoteis, oficinas e un centro comercial e de ocio só que no canto de ser de propiedade privada van ser do Ministerio e da Xunta de Galiza concesionados a empresas privadas: o mesmo modelo que o da Solana, o Palexco, os Cantones Village, o Hotel Atlántico ou o Finisterre etc. Moito beneficio para algunhas empresas privadas que pouco reportan ao conxunto da cidade. Este é o modelo do Partido Popular para unha parte dos peiraos interiores da Coruña: o mesmo de sempre.”, engaden as nacionalistas.

Por último, as nacionalistas en María Pita sinalan que para San Diego non muda nada de nada tampouco, xa que vai saír a poxa e polo tanto acabará en mans privadas para usos residenciais e terciarios repartidos en 344.581 metros cadrados destinados a vivendas, 7.753 metros cadrados de oficinas, un centro comercial/coio de 33.597 m2 e locais comerciais 10.337 m2.

“Con todo, o que nos tememos para a fachada marítima da nosa cidade é unha nova desfeita urbanística que só reportará beneficios a uns poucos e a conta duns terreos que son de todas as coruñesas e de todos os coruñeses”, conclúe Avia Veira.