Buscar
14:44h. Miércoles, 17 de Octubre de 2018

Memoria Histórica | Nota de prensa

A CRMH da Coruña convoca unha Marcha para a devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público

Onte celebrouse na cidade da Coruña, concretamente na Casa Museo Casares Quiroga, unha mesa de grupos políticos, sindicais, culturais e de toda índole, a iniciativa da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), na que se tomou a decisión de facer unha Marcha Cívica para reivindicar que á maior brevidade posible se efectivice a acción cívica do estado español a prol da devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público

Pazo de Meirás
Pazo de Meirás

Dita Marcha Cívica (que xa sería a 5ª), iría desde Sada a Meirás, sería convocada pola CRMH, e está apoiada por un amplísimo abano de organizacións -como nos referimos anteriormente-, de toda índole. A súa celebración está prevista para o sábado 10 de novembro, con saída do Monumento ás Vítimas do Franquismo que está no Paseo Marítimo de Sada ás 12 h. da mañán, e remataría na porta principal do Pazo de Meirás.

Desde a CRMH da Coruña cremos que é hora  da mobilización popular para axudar a forzar que se dea unha acción civil que leve ao estado español a forzar unha acción civil contra a familia Franco, para que estes teñan claro que o que teñen que facer é devolver o Pazo de Meirás á titularidade pública. Logo de dous informes xurídico-históricos, ún feito a instancias da Deputación da Coruña, e outro do Parlamento de Galicia, onde se acredita sobradamente que o Pazo de Meirás é un roubo á cidadanía galego por parte do ditador Francisco Franco, logo do acordo unánime do Parlamento de Galicia, no que se insta á recuperación do Pazo ao patrimonio público sen nengún tipo de compensación económica á familia Franco, queda suficientemente probada a irregular e ilexítima -por dicilo dalgunha maneira- propiedade do devandito pazo por parte da familia Franco, por iso a CRMH da Coruña quere, con esta Marcha Cívica convocada para o 10 de novembro, demostrar que a mobilización cívica é un complemento ás iniciativas institucionais que defenden que o Pazo de Meirás pase á titularidade pública, deixando á familia Franco sen ela, xa que temos o convencimento de que na actualidade en Europa non existe ningún sitio onde se dea unha situación anómala como a que pasa en Galicia, onde unha propiedade roubada ao pobo como é o Pazo de Meirás por parte dun ditador como Franco siga a ser disfrutada polos seus descendentes. Non é imaxinable en Italia que a familia de Benito Mussolini disfrute dun trofeo de guerra como o que é en Galicia o Pazo de Meirás. Non é imaxinable tampouco en Alemania que a familia de Adolf Hitler teña a posibilidade de veranear nas propiedades roubadas ao pobo alemán polo xerarca nazi. Daquela, o feito de que a propiedade do Pazo de Meirás estea a cargo da familia Franco parécenos unha auténtica inxustiza e un anacronismo antidemocrático, polo que desde a CRMH da Coruña pensamos que a mobilización popular, conxugada coa acción institucional, é o camiño cara a recuperación para o patrimonio público do devandito Pazo.