Buscar
07:42h. Lunes, 18 de Junio de 2018

ENTREVISTA

Hortas na cidade

Falamos con Lourdes López, Presidenta da “Asociación Cultural e de desenvolvemento rural de usuarios e usuarias das hortas do Val de Feans”.

Loudes López, Presidenta da “Asociación Cultural e de desenvolvemento rural de usuarios e usuarias das hortas do Val de Feans”
Loudes López, Presidenta da “Asociación Cultural e de desenvolvemento rural de usuarios e usuarias das hortas do Val de Feans”

-  Lourdes, cóntanos ¿como comezou este proxecto?

- O proxecto comezou a configurarse no ano 2009 polo colectivo de arquitectos Desescribir, que se inspirou na filosofía do decrecemento; entendendo a necesidade do decrecemento urbano e a recuperación das zonas rurais que aínda existían en A Coruña.

O obxectivo era a recuperación de antigos terreos que están abandonados e nos que se poda cultivar, poñendo en contacto á xente da cidade ca realidade rural onde teñan a opción de cultivar os seus propios alimentos.

Comeza a implantación do proxecto en Feáns, como a zona das hortas, e falan cos donos dos terreos e asociación de veciños. Fixéronse reunións tanto no Forum Metropolitano, como no Centro Cívico de Feáns, dando a coñecer o proxecto á xente da cidade. Isto fixo medrar a iniciativa na que A Asociación de veciños de Feáns involucrouse axudando en todo o que se precisaba. Así no ano 2010 legalizase a “Asociación Cultural de desenvolvemento rural de usuarios e usuarias de Val de Feans" como entidade sen ánimo de lucro e créanse as primeiras hortas para autoconsumo, duns 30 m2 cada unha, en dúas leiras cedidas gratuitamente polos donos. A finales do 2010 hai 33 familias socias con 1.400 m2 en leiras.

Quero destacar, que se acorda un requisito importante a incluír tanto nos estatutos da asociación como no regulamento interno de utilizar só técnicas de agricultura ecolóxica e rexerse pola normativa europea ao respecto prohibíndose o uso de pesticidas, herbicidas e abonos químicos... O proxecto foi collendo corpo, a xente experimentaba que isto ía para adiante, as colleitas dábanse moi ben e aí comezaron a saír as primeiras verzas, repolos, nabizas, fabas, xudías, chíccharos, leitugas, tomates, á beira das aromáticas, medicinais e plantas para o cultivo ecolóxico, etc.

- ¿Cal e a realidade o día de hoxe?

- Si, a día de hoxe contamos con mais de 6.000 m2 de terra cedidos gratuitamente polos propietarios: a maioría está no Val de Feáns e algunha das hortas esta cerca de Mesoiro. Somos sobre 120 familias a maioría do casco urbano da Coruña. Medramos nestes oito anos e seguimos medrando.

Ademais de recuperar terreos abandonados outro dos fins principais da Asociación e facer compostaxe para utilizalo como abono orgánico nas hortas. O compós facémolo con restos vexetais da horta e os que xeramos diariamente nas cociñas.reducindo ao máximo así os residuos que non se aproveitan.

O ano pasado fixemos en conxunto con Adega e o Concello da Coruña un obradoiro para facer compós.. Foi un obradoiro teórico practico para a xente das hortas e para veciñas e veciños do núcleo de Feáns e Mesoiro e hoxe en día Adega fai o seguimento axudando a que o composto se faga correctamente.

O concello aportou composteiros para personas que tiveran casas con xardín ou horta e 5 para as nosas hortas Facemos actividades para concienciar da necesidade de ocuparse do rural dun modo respectuoso co Medio ambiente, de traballar coa Natureza e non de costas a ela.

- Lourdes, ¿todas as actividades que facedes están conectadas con ter mais formación no traballo nas hortas?

- Si, charlas, obradoiros para ampliar o coñecemento na Agricultura Ecolóxica, a Natureza e o respecto o Medio ambiente. E actividades de reciclaxe... Fíxate, unha das primeiras charlas formativas en 2011 a deu Xan Pouliquen Enxeñeiro Agrónomo especialista en Agricultura Ecolóxica,.Cada vez que entra xente nova facemos unha charla introdutoria sobre este tema con Xavier Vazquez, especialista en horticultura

Facemos obradoiros sobre o uso plantas silvestres comestibles con Clara Gutiérrez, bióloga etnobotánica e María Moure especialista no uso tradicional das plantas medicinais no Courel; tamén de cosmética natural. Deste xeito podemos utilizar tanto as plantas que cultivamos como outras que están ao noso alcance.

En moitas destas actividades non podemos esquecer a colaboración fundamental e imprescindible de persoas da Asociación que aportan tempo e coñecementos sobre carpintería, agricultura, micoloxía, e plantas... de forma desinteresada, persoas sen as cales este proxecto non podería seguir adiante.

Tamén colaboramos co a limpeza de ríos que organiza ADEGA cada ano, neste caso a do Río Monelos no tramo ao seu paso pola zona das hortas, quitando os plásticos e outro tipo de contaminantes. É outra forma de concienciar as persoas da cantidade inmensa de residuos plásticos que van a parar aos nosos mares. Estamos tamén a facer xabón con aceite usado nas cociñas para lavar a roupa e a limpeza do fogar e en este momento estamos divulgando unha iniciativa lexislativa popular.

- ¿En que consiste a Iniciativa Lexislativa Popular coa que estades colaborando?

- É unha Iniciativa Lexislativa Popular para a defensa do bosque autóctono e a loita contra os incendios, para unha mellor xestión do rural. A pon en marcha o Colectivo “Cousa de Raíces” no que nos integramos hai pouco e “Alianza por un rural galego vivo”. Este colectivo esta a recoller firmas para levala o Parlamento e que se poda debater.

Hortas no Val de Feáns

- O ano pasado tivestes de invitado a Josep Pámies e agora estades preparando unha conferencia en A Coruña con el. Adiántanos un pouco de quen e Josep e de que vai falar

- Josep Pámies é socio fundador da “Dulce Revolución de las plantas medicinales” e agricultor. Despois de tempo practicando a agricultura convencional que usa pesticidas e químicos empezou a decatarse dos perigos que esto supoñía para a saúde e cambiou as técnicas ecolóxicas e comezou tamén a recibir información de tódalas partes do mundo respecto ao uso tradicional das plantas medicinais. Isto é moi interesante, porque as plantas medicinais sempre estiveron aí para uso do ser humano sen ningún custo, pero estase a perder ese coñecemento ancestral e todo se quere solucionar con química de laboratorio. O ano pasado no mes de Marzo organizamos dúas charlas con Josep e despois do gran interese de moita xente, este ano neste mes de Marzo imos a ter o gusto de volver escoitalo.

Coincidimos con Josep en que queremos unha alimentación e saúde mais natural, ecolóxica, mais respectuosa co medio ambiente e con as persoas e de baixo custe.

Quixera recordar que en Europa, en concreto Alemaña e Suíza por exemplo son referentes na medicina baseada en plantas, terapias alternativas e complementarias que están integradas no seu sistema sanitario e tamén en agricultura ecolóxica.

A temática da que vai a falar:

  • - Alimentación, verdades ocultas. Como nos enfermamos e como facer unha alimentación mais saudable.
  • - Soberanía alimentaria e sanitaria. Plantas silvestres, comestibles e plantas medicinais. Terapias de baixo custo.

A entrada ten un coste voluntario de 4 euros que van destinados os gastos loxísticos, xa que quero aclarar que Josep non cobra e os organizadores tampouco cobramos, en todo caso poñemos unha aportación para cubrir os gastos. Si a aportación excedese os gastos loxísticos destinarase a comprar árbores para entregar a montes comunais afectados polos últimos incendios

- ¿Que día vai a ser e en que lugar?

- As charlas serán o día 10 en A Coruña: de momento temos previsto que se realicen na Insumisa –casa okupa que nos ofreceu o seu espazo libre de presións: unha as 11:30 e outra as 5:30. Toda a información podera conseguirse nos contactos da asociación e estará con tempo na plataforma dixital Chac chic chac, en wordpress.com e no faceboock de Chac chic chac:

- Lourdes, por último, que hai que facer para asociarse?

- Si, primeiro dicir que non temos subvencións. Para ser socias/os da Asociación págase unha cota o ano de 10 euros, si se quere ser socia/o e cultivar unha horta son 25 euros o ano. As actividades son abertas e gratuítas

Para poñerse en contacto, pódese facer:

Despedímonos de Lourdes moi agradecidas por compartir este proxecto connosco e por saber que hai xente que se ocupa, coida e acumula o coñecemento de algo tan fundamental para a vida como é a alimentación e moito mais.

Moitas grazas Lourdes por dedicarnos o teu tempo e facernos saber.