Buscar
07:42h. Lunes, 18 de Junio de 2018

NOTA DE PRENSA

A Marea Atlántica esixe que a Autoridade Portuaria faga públicas as dietas do seu Consello de Administración

O Consello Estatal de Transparencia obriga a amosar os datos que lle foron negados a Xiao Varela, representante do Concello
da Coruña: Canto cobrou quen votou a favor de vender a Solana e o Hotel Finisterre?

En cumprimento do seu Código Ético, as representantes institucionais da Marea Atlántica reunciaron desde o primeiro día ás dietas por asistencia a órganos

Autoridade portuaria da Coruña
Autoridade portuaria da Coruña

A Marea Atlántica esíxelle á Autoridade Portuaria que cumpra coas súas obrigas de transparencia e faga públicas as dietas que cobran cada unha das persoas integrantes do seu Consello de Administración. Instámolos a que obedezan o mandato do Consello de Transparencia e Bo Goberno do Estado, e revele os datos que xa lle foron negados en varias ocasións ao representante do Consello da Coruña neste órgano, Xiao Varela.

En resposta á petición dunha cidadá, o Consello de Transparencia obriga á Autoridade Portuaria a desvelar os gastos e dietas dos seus conselleiros e conselleiras entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 31 de outubro de 2017, no prazo de 10 días hábiles a contar desde o 2 de marzo. Tanto as percibidas como as devoltas e as datas nas que produciron ambas cousas.

Coñecemos, por agora, o importe total das dietas repartidas pola entidade portuaria ao seu Consello de Administración, xa que foi publicado no Boletín Oficial do Estado. Ascenderon a 38.889,76 euros en 2015 e a 29.915,20 euros en 2016. E ese descenso débese en parte ao compromiso do único conselleiro que é transparente coas súa dietas. Xiao Varela, representante do Concello da Coruña neste órgano, cobra 0 euros desde que tomou posesión en maio de 2015. Renunciou a elas.

Facemos unha aposta ética pola eliminación das dietas de asistencia

Xiao Varela actúa segundo o Código Ético da Marea Atlántica e renuncia á ter paga extra por unhas xuntanzas que se celebran no seu horario laboral e forman parte das súas obrigas como concelleiro. O resto, entre os que se atopan a conselleira de Medio Ambiente e presidenta local do Partido Popular, Beatriz Mato, e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, ocultan canto están a recibir. Pero cremos que a cidadanía ten dereito a saber o que cobraron por decisións como a de permitir a venda dos terreos da Solana e o Hotel Finisterre en decembro 2016.

En consecuencia con este compromiso, o Concello da Coruña eliminou neste mandato as dietas por asistencia a plenos e comisións. Son parte do traballo diario das persoas con cargos electos e non deberan ser recompensadas a maiores do salario. Só algúns concelleiros e concelleiras do Partido Popular continúan a percibir dietas, pois cobran o seu salario de institucións diferentes e non renunciaron a elas en María Pita.

Pola súa banda as deputadas provinciais da Marea Atlántica si teñen renunciado ás dietas por asistencia a plenos e comisións da Deputación da Coruña e tentaron que fosen eliminadas, atopándose coa negativa do goberno bipartito do PSOE e o BNG.