Buscar
09:38h. Viernes, 21 de Septiembre de 2018

Marea Atlántica | Nota de prensa

Xulio Ferreiro: "En tres anos, cumprimos o 65% do programa e temos un 25% en marcha"

As previsións indican que ao rematar o mandato, o grao de cumprimento das promesas electorais estará ao fío do 85%

O Alcalde, Xulio Ferreiro nunha intervención no derradeiro pleno municipal (imagen de mareatlantica.org)
O Alcalde, Xulio Ferreiro nunha intervención no derradeiro pleno municipal (imagen de mareatlantica.org)

Un programa electoral non é unha lista de desexos, nin unha ferramenta de propaganda. É un compromiso coa cidadanía, un acordo coas persoas que votan unha determinada opción política, e debe tratarse con respecto e seriedade. Desde esta perspectiva traballa o goberno da Marea Atlántica na Coruña, e logo de tres anos xa cumpriu un 65% do prometido na campaña electoral de 2015, e ten un 25% parcialmente cumprido ou en vías de completarse.

As previsións indican que, cando remate o mandato, polo menos o 85% do programa estará cumprido, como sinalou o alcalde, Xulio Ferreiro, no Pleno do Concello da Coruña correspondente ao mes de xullo. É unha porcentaxe que ningún goberno antes que este foi quen de acadar, pero tamén un dato que nos debe facer traballar aínda máis. A nosa obriga é cumprir o 100%, e chegado o momento, renderanse contas de todas as medidas que non se puideran executar.

Ducias de promesas feitas realidade

 

Porén, é un orgullo poder sinalar hoxe o cumprimento de promesas como a Renda Social Municipal, que axuda a máis de 300 familias que antes non terían ningún recurso. A redución da débeda ao nivel máis baixo da última década. A introdución de cláusulas sociais para crear emprego de calidade nos contratos públicos e combater a discriminación por sexos. A fiscalización das concesións de Nostián, o Hotel Atlántico, o ascensor de San Pedro…

Tamén a creación dun Plan Municipal de Emprego. A posta en marcha do Plan de Hábitat Digno que xa logrou que 14 familias deixen de vivir en asentamentos precarios. A rebaixa das escolas infantís municipais en función da renda. A negativa a financiar as touradas e calquera outro evento de maltrato animal. A posta en marcha dos Orzamentos Participativos e do Escano Cidadán. A redución dos salarios do goberno nun 50%… E moitas outras.

Tal e como dixo Xulio Ferreiro, “hoxe, a pesar da Gürtel ou da Pokémon ou dos enchufes da Valedora do Pobo, a confianza nas institucións estase a recuperar e os programas volven ser unha cousa seria. Para nós, dende logo, son unha cousa moi seria. O programa é o compromiso que asumimos coa veciñanza da Coruña e imos traballar até o último día para cumprilo”.

Este grao de cumprimento é doado de comprobar. O programa electoral da Marea Atlántica, formado por 25 medidas de urxencia e 99 para o conxunto do mandato, segue a ser visible na nosa páxina web, ao dispor de toda a cidadanía.

Carlos Negreira e o goberno dos incumprimentos

 

 

Pola contra, o programa co que o Partido Popular se presentou en 2011 é imposible de atopar en ningures. Pero logo dun esforzo de peneirar a hemeroteca, aparecen algunhas das súas promesas á veciñanza. Case todas elas incumpridas. Nunca se fixo o novo cuartel da Policía Local, nin a nova unidade contra a violencia de xénero. E a nova ordenanza de incendios tivo que ser elaborada neste mandato.

Prometeran varias áreas de xogos, sen crear ningunha, mentres a Marea Atlántica, que non prometera ningunha, fixo as da Praza de Recife, Praza da Tolerancia, Praza Díaz Pardo e O Portiño, e está a piques de inaugurar a de San Pedro de Visma. O mesmo sucede cos carrís-bici. O PP non cumpriu e este goberno, que non prometera ningún en concreto, abrirá antes de final de ano os de Pablo Picasso, Salgado Torres, Palloza-Matogrande e o metropolitano.

A lista de promesas incumpridas no mandato de negreira segue cos centros de día da Falperra e Durmideiras. Neste último barrio tamén ían facer un parque biosaudable, unha área canina, unha zona cuberta de lecer e un novo mercado dos que nada se sabe. Tampouco das novas liñas de bus aos Rosales e á Universidade, nin do aumento das frecuencias aos hospitais e Pocomaco. Do mesmo xeito, os catro campos de fútbol, os novos programas sociais e as escolas infantís dos Mallos, Catro Camiños, Pocomaco e o Ensanche quedaron no limbo.

Como sinalou o alcalde, Xulio Ferreiro, ante o Pleno: “A min daríame vergonza prometer todo isto e marchar para a casa sen facelo nin dar unha explicación. Prometer e non cumprir, se un non se esforza, é criticable. Pero prometer sabendo que un non vai cumprir é unha estafa. E niso teñen vostedes un máster. Dos de verdade, non dos de Cifuentes e Pablo Casado”.