Xornada de datos abertos para o fomento da mobilidade sostible

O 7 de Outubro, "hackatiño" no Ágora

O Concello colabora con esta iniciativa aberta ao público a través da área de Participación e Innovación Democrática

O 7 de Outubro, "hackatiño" no Ágora
Ágora de noite
Ágora de noite

O centro municipal Ágora acollerá o vindeiro 7 outubro unha xornada aberta a cidadanía baseada nos datos abertos, trátase do segundo 'Hackathiño' de datos abertos, que este ano se centrará en solucións para o fomento da mobilidade sostible. O evento, impulsado polo Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), xunto a asociación Árticos e o GDG Coruña, conta coa colaboración do Concello da Coruña, a través da área de Participación e Innovación Democrática, dirixida por Claudia Delso. O 'Hackathiño' é un evento que xuntará a profesionais do desenvolvemento de datos abertos, xornalistas de datos, deseñadores e deseñadoras co obxectivo de idear proxectos que melloren, a través de datos abertos, un aspecto en concreto da sociedade. "Neste caso, estamos especialmente satisfeitas de que se teña escollido o tema da mobilidade sostible, como saben, un tema no que o goberno local da Coruña está absolutamente centrado e que constitúe unha das liñas de actuación principais", explicou a concelleira Delso.

Como na anterior edición, os e as asistentes a este encontro tratarán de aproveitar ou xerar datos en formato aberto e a tecnoloxía libre. Estes serán publicados cunha licenza de carácter libre que permitirá a súa reutilización para calquera uso. Na pasada edición, por exemplo, integráronse os datos de uso en tempo real dos servizos de BiciCoruña e se integraron dentro do proxecto aberto, de carácter internacional, Citibik.es, de cidades accesibles. Tamén xurdiron outros proxectos como OpenPet, para agrupar datos de protectoras de animais.  Igual que o pasado ano varios e varias expertas en temas como a liberación, a visualización ou a análise de datos, traballarán cos equipos que terán a oportunidade de aprender da súa experiencia de primeira man. Os mellores proxectos do presentados recibirán un agasallo.

O prazo de inscrición xa está aberto, e pode realizarse a través da web https://hackathino.gpul.org, onde está dispoñible toda a información en relación ao evento.

O 7 de Outubro, "hackatiño" no Ágora