Buscar
23:43h. Domingo, 17 de Junio de 2018

A CRMH PRESENTA OS ACTOS EN HOMENAXE AO REPUBLICANO DE HONRA 2018

Pepe Miñones, Republicano de Honra 2018

O nomeamento e homenaxe a este persoeiro celebrarase cunha serie de actos, que comezan hoxe e finalizan o vindeiro día 13. Esta mañá comezou a celebración cunha rolda de prensa, na que estiveron presentes membros da Comisión e familiares de Miñones.

Pilar Miñones e Fernando Souto
Pilar Miñones e Fernando Souto

Esta mañá, concretamente ás 10.30 horas, foi convocada unha rolda de prensa por parte da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Este acto deu comezo á celebración do Día da República, que se vai festexar ata o vindeiro día 13. A rolda de prensa tivo lugar na libraría Moito Conto, na rúa San Andrés, 35. Este acto tivo como protagonista a Pepe Miñones, Republicano de Honra deste ano 2018. Alí estiveron presentes membros da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e diversos membros da súa familia, entre eles a súa filla, Pilar Miñones.

A rolda de prensa comezou cunhas verbas do Presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Fernando Souto, que quixo explicar porque decidiran elixir a Pepe Miñones como o homenaxeado do 2018. Declarou que era sobre todo "pola súa traxectoria, moi intensa, de gran potencial, aínda que moi curta, xa que tiña só trinta e seis anos cando foi asesinado". Ademáis, explicou que foi "un gran divulgador cultural e empresario, con grandes ideas que tratou de levar a cabo". Pepe Miñones foi un persoeiro con grandes ambicións e gañas de mellorar a vida da xente do redor. En palabras de Fernando Souto: "o gran pecado de Pepe Miñones foi levar a cabo grandes empresas como Electra Popular Coruñesa". A súa intervención finalizou lendo unha carta de Blanco Amor, na que describía á perfección como era Pepe Miñones. A frase é a seguinte: "Soñaba cunha Galicia culta, farta e rica, segura e dona de si". Souto finalizou dicindo: "Remataron coa súa vida pero non co seu espírito porque hoxe estamos rememorando aquí a súa memoria".

Proseguiu a rolda de prensa presentando os actos que se van levar a cabo durante estos días na cidade da Coruña, finalizando o día 13 coa Cea da República. Finalmente, Pilar Miñones, filla do homenaxeado, deu unha declaración. A filla de Pepe Miñones declarou sentirse "moi agradecida a todas as persoas que traballaron para facer recordar a persoa de meu pai".

Logo foi o turno dos medios de comunicación presentes que realizaron a rolda de preguntas. Fernando Souto e Pilar Miñones explicaron cales foron as circunstancias da súa morte. Explicárono deste xeito: "Xosé Miñones retorna de Madrid o 18 de xullo e incorpórase á súa vivenda que tiña en Eléctrica Popular Coruñesa. Cando saiu de Madrid foi a despedilo Eduardo Blanco Amor e o catedrático Emilio López. Avisárono de que non voltase que todo ía reventar. Aos tres días xa o foron buscar. Foi detido e houbo un xuízo que foi unha farsa. Luis Lamela conta que houbo tres intentos de condenalo, sen éxito, pero finalmente houbo testemuñas que o acusaban de alta traizón, de non ser leal ao golpe de estado. Multárono cun millón de pesetas, foi expoliada a súa fortuna e o capital que tiña a familia. Finalmente foi fusilado".

Pilar conta ademáis o seguinte: "Meu avó Ramón foi a Burgos a pedir o indulto pero dixéronlle que chegaba tarde, que a orde de fusilamento estaba dada. Era o que facían en todos os casos".

Pepe Miñones deixou escritos dende o cárcere á súa muller, aos amigos e aos fillos. A súa filla, Pilar Miñones, só conserva as cartas que escribiu a cada fillo, pois as que lle escribiu á súa nai queimounas porque "aquilo era privado deles", refire unha Pilar moi emocionada ao rememorar todo o acontecido.

ACTOS: 10 – 13 ABRIL

Co gallo do nomeamento de José Miñones Bernárdez como Republicano de Honra 2018, estes son os eventos nos que participa a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña:

MARTES 10 ABRIL

  • 10:30 – Rolda de Prensa, na Libraría Moito Conto (rúa San Andrés, 35)

  • 18:00 – Homenaxe ao Republicano de Honra na rúa José Miñones Bernárdez (fonte das Paxariñas, a carón da oficiña de Abanca), coa presenza do Alcalde da Coruña.

  • 20.00 – Presentación na Casa Museo Casares Quiroga do libro “La Segunda República 1931- 1936: Las claves de la primera democracia española del siglo XX” (Sílex Ed.) de Ángel Lúis López Villaverde e coa presenza de Lourenzo Fernández Prieto e Emilio Grandío. Este acto está organizado conxuntamente co Ateneo Republicano de Galicia (ARGA).

MÉRCORES 11 ABRIL

  • 9:30 – Recepción institucional no Reitorado da Universidade, polo Reitor da UDC.
  • 11:00 – Recepción institucional no Pleno da Deputación da Coruña.

XOVES 12 ABRIL

  • 12:30 – Recepción institucional no Concello da Coruña, polo Alcalde.
  • 20:00 – Presentación oficial do Republicano de Honra na Real Academia Galega, cun membro da RAG, o historiador Luís Lamela e un representante da CRMH.

VENRES 13 ABRIL

  • 19:00 – Ofrenda floral e homenaxe ás vítimas do franquismo no Memorial da Avenida de Navarra.
  • 21:30 – Cea da República, no Hotel María Tryp do Paseo Marítimo. (Inscrición no 607506231 ou en crmhacoruna@gmail.com)