Buscar
19:50h. Miércoles, 13 de Diciembre de 2017

DO 16 AO 18 DE NOVEMBRO

Xornadas "Memoria e Democracia"

Os actos terán lugar os días 16 e 17 de novembro no Paraninfo, mentres que o sábado 18 celebrarase un roteiro que rematará con actuacións na contorna do antigo cárcere provincial

Memoria e Democracia
Memoria e Democracia

Concello da Coruña | 8/11/2017

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá as xornadas Memoria e Democracia, que impulsa o Goberno local e que se celebrarán do día 16 ao 18 de novembro. A iniciativa, que se compón de dúas xornadas de parladoiros e dun roteiro histórico pola contorna da Torre de Hércules, contará coa valoración de figuras expertas vinculadas ao ámbito do patrimonio, universidade ou memoria histórica, así como das experiencias postas en marcha en municipios de todo o Estado en relación á cuestión. "As xornadas están unidas a varias iniciativas postas en marcha polo goberno local, como é a aplicación da Lei de Memoria Histórica ou a creación do Consello de Memoria Democrática -explicou Sande-, pero tamén queren achegar unha reflexión sobre o estado da cuestión, con abundante presenza de temas de actualidade, así como poñer en valor o vínculo necesario coa historia, política, represión, memoria e democracia". A proposta, posta en marcha coa colaboración da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, Universidade da Coruña e Deputación provincial, "afonda na liña de difusión, pedagoxía e aprendizaxe que se está a impulsar desde a área de Culturas neste último trimestre do ano", destacou o edil, e que, como dixo, se reflicte a través de propostas como as conferencias do proxecto Xeografía, memoria e capital cívico "ou novas xornadas que se presentarán nas vindeiras datas".

Memoria e Democracia comezará o 16 de novembro coa presentación oficial por parte do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e da vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín. De seguido, o avogado Máximo Castex ofrecerá unha conferencia inaugural sobre a Querela Arxentina, para dar paso ás experiencias que se están a ter, en termos de memoria, en distintas cidades do Estado, así como do traballo que desenvolven as corporacións de Barcelona, Cádiz, Tarragona, Vitoria e A Coruña ao respecto. Xa pola tarde, e a través de dúas mesas coordinadas polo historiador da Universidade de Santiago de Compostela, Emilio Grandío, analizaranse cuestións como a Represión económica ou o Franquismo e Depuración.  

Na mañá do venres, A Coruña e a súa contorna serán protagonistas. Así, na primeira sesión, falarase da Represión franquista na cidade: Historia e facianas dunha ditadura e, a continuación, Xosé Lois Martínez ofrecerá un parladoiro titulado O espolio do patrimonio na cidade. Na sesión da tarde, en primeiro lugar, celebrarase unha Mesa redonda sobre o Pazo de Meirás, moderada polo xornalista Xosé Manuel Pereiro, e na que participarán, entre outros, o edil de Culturas, José Manuel Sande; o alcalde de Sada, Benito Portela, e representantes de grupos que forman parte do Parlamento de Galicia. Por último, outra mesa coordinada por Fernando Souto, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, abordará a cuestión das Oficinas municipais de atención as vítimas do franquismo.  

A proposta pecharase o sábado 18 de novembro coa Ruta pola Memoria, un roteiro que comezará ás 11.00 horas na Torre de Hércules e que terá diversas intervencións en espazos como o Campo da Rata ou no Memorial Xermolos de Paz e Liberdade. Contra as 13.00 horas, chegarase á contorna do antigo cárcere provincial, no que terán lugar diversas actuacións.

A inscrición nas xornadas Memoria e Democracia é gratuíta, pero é necesario facer a solicitude  a través do correo electrónico crmhacoruna@gmail.com até o día 14 de novembro. Para máis información sobre esta e outras propostas da Concellería, pódese visitar www.coruna.gal/cultura.

Programa "Memoria e Democracia" (307 KB)