Buscar
08:27h. Miércoles, 13 de Diciembre de 2017

"PARA ABORDAR AS DIFERENTES SENSIBILIDADES VINCULADAS ÁS POLÍTICAS MIGRATORIAS E A CREACIÓN DE ESTRATEXIAS PARA FACER FRONTE Á DISCRIMINACIÓN"

A concelleira de Igualdade presenta as xornadas 'Unha Europa para as persoas desde unha perspectiva decolonial'

O programa, que virá precedido polo encontro estatal de Cidades Refuxio, abordará o papel das administracións locais ante a cuestión da crise humanitaria

Cartaz das Xornadas
Cartaz das Xornadas

Concello da Coruña | 24/11/2017

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presentou este xoves as Xornadas Abertas Unha Europa para as persoas desde unha perspectiva decolonial, que se desenvolverán na Domus os vindeiros días 1 e 2 de decembro e que buscan ser, en palabras da responsable municipal, "un espazo no que abordar desde a política exterior e migratoria da Unión Europea e as súas consecuencias ata as posibilidades de construción de estratexias de actuación fronte á discriminación por razón de orixe, raza, relixión, identidade ou orientación sexual, xurdidas desde o ámbito local". "O auxe da a extrema dereita que está a vivir Europa, así como a situación de guerras e do incremento de persoas en situación de busca de refuxio, fan necesario poñer ferramentas en marcha para abordar esta situación e traballar na prevención desde os municipios", afirmou Fraga.

Como salientou a concelleira, as xornadas estarán precedidas, o propio día 1, dun encontro de carácter político-técnica, sobre Cidades Refuxio, con representantes doutros concellos --dando continuidade así ao traballo conxunto no que os municipios asinaron a Declaración de Barcelona o pasado mes de xuño, e a visita realizada ao Congreso dos Deputados o 23 de setembro--, que terá continuidade temática nas mesas dos días 1 e 2. Deste xeito, e como fai notar a concelleira, as persoas participantes contribuirán coas súas achegas á análise crítica do racismo estrutural; da xestión de fronteiras (externalizadas e físicas); da relación das políticas migratorias con intereses comerciais; das 'devolucións en quente' ou dos CIE, sempre dende múltiples perspectivas: legal, sociolóxica, decolonial, pero tamén dende o punto de vista do activismo en primeira persoa.

O alcalde, Xulio Ferreiro, será o encargado de abrir, o vindeiro venres ás 19.00 horas,  as xornadas, que continuarán cunha mesa titulada Que facer dende as institucións públicas locais na cuestión do refuxio/asilo/migración?, onde se abordarán, xunto con representantes de diferentes cidades do Estado, as políticas restritivas estatais e europeas, así como os pasos a dar no sentido contrario, "na liña de construír unhas sociedades abertas onde o dereito ao asilo, ao refuxio e á migración estean garantidos". Xa o sábado, a sesión iniciarase coa mesa Un novo horizonte de transformación: o antirracismo político, na que representantes de diversos colectivos -uMMA, Movimiento Moro Antirracista de Granada, o Colectivo 1492 Abya Yala, fr Barcelona,  o Colectivo Kale Amenge e Colectivo Afroconciencia, de Madrid- conversarán acerca da configuración dun novo suxeito político con vontade transformadora. A mesa da tarde centrarase, baixo o título Artellar outros mundos posibles, aquí e agora, nas posibilidades de coñecer e visualizar diversas iniciativas que agroman desde as bases sociais para dar resposta á crise humanitaria que esta atravesando Europa, "así como a necesidade de amplificar e seguir construíndo experiencias autónomas concretas para combater e ofrecer alternativas á irresponsabilidade das institucións europeas e dos seus estados membros", sinalou Fraga. As xornadas pecharanse cun cun diálogo aberto sobre a existencia de narrativas ou prácticas racistas tamén dentro da esquerda.

As xornadas son abertas e gratuítas. A través da páxina de Igualdade da web municipal, as persoas asistentes poderán facer chegar a súa petición, de ser necesario, de servizo de interpretación de lingua de signos ou do espazo de conciliación, ata 48 antes da celebración das mesmas.

Programación xornadas (3 MB)