Buscar
10:08h. Jueves, 19 de Julio de 2018

NAVES DO METROSIDERO

A Marea Atlántica convida ao CSO A Insumisa a dialogar e sumar no proxecto das Naves do Metrosidero

A organización reitera as ofertas de diálogo realizadas polo goberno municipal e repetidas ao longo dos últimos meses

A asemblea cre necesario impulsar un equipamento público para a mocidade, do xeito máis aberto e participativo e co modelo de xestión máis innovador

Metrosidero_Ficción (imagen de Marea Atlántica)
Metrosidero_Ficción (imagen de Marea Atlántica)

A Rede da Marea Atlántica acordou onte facer explícito o seu respaldo ao proxecto das Naves do Metrosidero, para a creación dun espazo para a mocidade nos terreos da antiga Comandancia de Obras. A asemblea da plataforma cidadá acadou un maioritario consenso para sinalar que a oportunidade de garantirlle á Coruña un moi necesario equipamento público non pode desaproveitarse. Ademais, a Rede fixo un chamamento ás persoas que participan no CSO A Insumisa, que actualmente desenvolve actividades na Comandancia, para que se abran a un diálogo real co Concello, como se lles está a pedir desde hai varios meses.

Desde a Rede tamén se lle pide ao executivo local que aproveite a ocasión para explorar novas formas de xestión, o máis abertas e participadas posible, dialogando con todos os colectivos e asociacións que poidan sumar neste proxecto. Para que as Naves do Metrosidero vaian acumulando ideas e respaldo social e ninguén as poida botar para atrás no futuro. O diálogo, a inclusión e a negociación teñen que ser as ferramentas coas que se constrúa este novo equipamento público.

Cando o estado cumpra o prometido e, ademais de reformar as naves nunhas obras xa adxudicadas e a piques de iniciarse, entregue tanto a parcela como os edificios ao Concello nunha cesión definitiva, converténdoos en bens de dominio público, a oportunidade para a cidade está servida. Moito pode especularse sobre as intencións do gobernó central ao acelerar a licitación das obras logo de meses paradas, pero a realidade é teimuda.

As vellas instalacións militares poden ser un espazo onde a xente nova desenvolva todas as actividades que non teñen cabida en ningún outro equipamento público da Coruña: desde parkour a formación dixital, desde ensaios de bandas ou artes escénicas a obradoiros, charlas, lecturas... O prazo de execución das obras é de 16 meses, tempo abondo para rematar de darlle forma a un proxecto inclusivo, autónomo e participado.

Un espazo aberto e inclusivo, que a veciñanza faga seu

A Comandancia de Obras é de titularidade pública, pero levaba décadas pechada e desaproveitada. O CSO A Insumisa, activo desde hai máis dun ano, puxo de manifesto o desperdicio de ter abandonado este lugar, e tamén a necesidade que a xuventude da Coruña ten de espazos nos que desenvolver as súas actividades. Desde o recoñecemento a este traballo, é necesario dar un paso máis alá e garantir que a cidade conserve este patrimonio en mans públicas, ao tempo que se amplíe a súa utilidade. E iso pretenden ser as Naves do Metrosidero, un equipamento municipal, de dominio público, inclusivo e seguro, cunha xestión autónoma e con todas as garantías legais. Un espazo patrimonio da cidadanía.

Non é un invento nin unha promesa falsa. Modelos como a Harinera en Zaragoza ou o Ateneu de Nou Barris en Barcelona amosan que é posible.O proxecto das Naves do Metrosidero está aberto a debate, achegas e propostas sobre o seu modelo de xestión, pero agora mesmo é a mellor opción para manter a vella Comandancia en mans da cidadanía, e non do Ministerio de Defensa.

O goberno municipal da Marea Atlántica leva desde o primeiro día defendendo o espazo público contra a especulación urbanística. Demostrouno no apoio ás reivindicacións cidadás contra a venta dos terreos do Ministerio de Defensa na Maestranza e, moi especialmente, na loita polos terreos do porto interior. E agora, co proxecto das Naves do Metrosidero, volve probar que está na senda do interese xeral fronte ao protagonismo particular. Por iso a Marea Atlántica renova a súa confianza nas mulleres e homes que manteñen o Pazo de María Pita aberto aos intereses da veciñanza.