Buscar
13:23h. Miércoles, 17 de Octubre de 2018

Fondo Galego de Cooperación

‘Muros que Unen’, dous murais contra a pobreza e pola igualdade de xénero

A práctica totalidade dos premios do certame sufráganse en base ao convenio que a administración local ten con esta entidade sen ánimo de lucro. Os deseños gañadores reproduciranse no viaduto da avenida de Oza sobre a rúa Posse e no muro de contención das escaleiras que ascende á Falperra dende a rolda de Nelle

Muros que unen
Muros que unen

​O Concello da Coruña colabora, dentro do seu traballo habitual co Fondo Galego de Cooperación, no concurso Muros que Unen, unha iniciativa posta en marcha por esta entidade social sen ánimo de lucro que busca implicar á cidadanía na visibilización das desigualdades. O certame pretende que as persoas ou colectivos que así o desexen presenten, antes do 30 de setembro, distintos deseños de murais que se centren en dúas ideas fundamentais: a loita contra a pobreza e a equidade de xénero. Estas son, en concreto, dúas das 17 metas globais marcadas pola ONU a finais do 2015 para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade das persoas no horizonte de 2030. “Así, de entre todas as propostas, elixiranse dúas, unha por cada eixo temático do concurso empregado nesta edición. As persoas gañadoras percibirán un premio de 2.000 euros pero, ademais, poderán representar os seus murais en dous espazos públicos da cidade cedidos a tal efecto”, indica a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, quen tamén é vogal do Fondo Galego de Cooperación, en representación do Concello da Coruña.

As persoas que o desexen poderán enviar as súas propostas de deseño até o día 30 deste mes e seguindo eses dous eixes temáticos ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (as bases están colgadas na súa web www.fondogalego.org). As obras deben ser inéditas, de xeito que non fosen premiadas antes noutros concursos nin se encontren reproducidas en ningunha parede.

Calquera dúbida pode consultarse no teléfono 986843436 ou no enderezo comunicacion@fondogalego.org.

Fraga destaca que a colaboración do Concello non é só económica (ligada ao convenio de 20.000 euros que ten co Fondo de Cooperación co obxectivo de financiar actividades que fomenten a igualdade e a inclusión e que fai que A Coruña sexa a cidade que máis fondos aporta a esta entidade), senón que a administración local cederá dous espazos, cargados de simbolismo, nos que se reproducirán os murais gañadores. “A escolla destas zonas non é baladí. O primeiro dos lugares reservados se sitúa nun dos estribos do viaduto da avenida de Oza sobre a rúa Posse. “A nosa intención é que aquí se localice o mural que representa o fin da pobreza. Dende hai moito tempo, o imaxinario colectivo representa estes espazos, pontes, coma símbolo de pobreza. Cremos que este espazo, debaixo dunha ponte, non debe representar a precariedade nin a exclusión, senón a perseverancia, aínda dentro da completa adversidade”, comenta a concelleira.

O mural que ten como eixe vertebrador a igualdade de xénero ten reservado o muro de contención que se atopa ao pé das escaleiras que ascenden á Falperra dende a Rolda de Nelle, a carón do viaduto de San Pedro de Mezonzo. “Este é un espazo simbólico, xa que moi preto destas escalinatas estaba o lavadoiro da Falperra. Na caída de terreo que contén este muro era onde as lavandeiras secaban e clareaban as roupas das clases acomodadas. Preto tamén estaba a fábrica de mixtos das cigarreiras e as traballadoras do Muro, que tanto fixeron pola reivindicación dos dereitos laborais, sociais e vitais das mulleres desta cidade”, comenta a responsable municipal.

“Este proxecto parécenos especialmente simbólico. Nun tempo no que se seguen a levantar muros que separan, que illan, que afogan e que diferencian, é preciso pintar muros con igualdade e con dereitos”, reflexionou a concelleira.