Liberdade de prensa

Boro LH: "Isto é un ataque á liberdade de prensa"

Este luns en Madrid comeza o xuízo a Boro LH, xornalista de La Haine, un medio de información na web que leva dezasete anos consolidando un “proxecto de desobediencia informativa, acción directa e revolución social”. Boro, acusado de causar lesións a dous policías cando cubría unha manifestación contra a monarquía en 2014, fala do que pasou aquel día e despois nesta información de adiante.gal.

Boro LH: "Isto é un ataque á liberdade de prensa"
Jorge Correa, Boro LH, xornalista de La Haine
Jorge Correa, Boro LH, xornalista de La Haine

adiante.gal | A Coruña | 13 de abril. 

“O mes de abril marca tendencia represiva no Estado español”, escribe con retranca Boro LH no seu último artigo en La Haine. En abril, conta, haberá xuízo contra José María (activista a quen lle piden 2 anos de cadea e 30.000 euros de multa por parar un desafiuzamento), contra os oito mozos e mozas de Altsasu (375 anos suman as peticións de cadea, pero tres deles levan xa ano e pico en prisión preventiva), contra Josep Lluís Trapero (ex xefe dos Mossos, acusado de sedición e organización criminal), contra catro activistas que en Valladolid protestaron durante a convención nacional do PP de 2014 (nove meses e 1.100 euros de multa), contra seis sindicalistas da CNT en Guadalaxara (144 anos de cadea por un conflito laboral pola readmisión dun compañeiro) e contra el mesmo… contra Jorge Correa, 38 anos, xornalista nado en Madrid pero que reside en Pamplona e asina as súas colaboracións en La Haine como Boro LH. Traballo voluntario, como todas na web, seis persoas que compoñen o colectivo editorial e contan cunha rede de colaboradoras, tamén voluntarias. Boro leva dez anos en La Haine, e publica en Kaos en la Red, algúns dos pioneiros que empezaron a difundir información en Internet a principios deste século. Daquela eran irrelevantes. Até non hai moito, as novas relevantes eran as que aparecían nos xornais, nas emisoras ou nas teles importantes. Agora perderon ese monopolio, e medios como La Haine causan molestias… e empezan a ser perseguidos.

O caso de Boro empezou cunha carreira escapando dun par de policías antidisturbios en marzo de 2014 nas proximidades da Estación de Atocha, en Madrid. Esa tarde houbera unha manifestación contra a monarquía. As semanas anteriores en Madrid foran tensas, con mobilizacións masivas. O 15M abafaba as institucións rodeando o Congreso e as Marchas da Dignidade paseaban milleiros de indignadas e indignados polas rúas da capital.

Foi un 29 de marzo, a protesta convocárase baixo o lema Jaque al Rey e dous meses despois o rei Juan Carlos ía abdicar. Boro saíu á carreira. Pillárono. Caeu. “Inmobilizáronme… pensei que me estrangulaba. Tiña un enriba cando empezaron a chegar fotógrafos doutros medios. Mallaron cas porras neles. Rompéronlles algunha cámara. Recibín un puño na cara de agasallo… cando me levaban ao furgón empecei a berrar: ‘Son xornalista! Esta é unha detención ilegal!’ Pero xa non había xornalistas. Esa tarde houbo agresións á prensa en Madrid. Outros compañeiros presentaron denuncias. Algún medio recolleu os casos, pero só un que eu saiba, Público, falou de que detiveran a un xornalista. Pasei unha noite no calabozo da comisaría de Moratalaz e pola mañá leváronme aos xulgados de Praza Castilla. Ás dúas da tarde estaba na rúa. Iso sucedeu en marzo de 2014. Despois continuou a persecución…”

Unhas semanas despois, a Boro detivérono cando cubría unha protesta en Pamplona. Foi a xuízo e o caso, arquivado. Despois foi imputado na Operación Araña II acusado de enaltecer o terrorismo “por compartir cousas en Facebook”. O xuízo celebrouse o 30 de novembro pasado. “O único que buscaban era cargarme con antecedentes penais computábeis para cando chegara esta vista por aquela detención en Madrid”. O xuízo comezará este luns, día 16. O xornalista está acusado de agredir a un axente e golpear outro que viña en auxilio do primeiro. Os policías, que achegan partes médicos das lesións e dos días de baixa laboral que tiveron que gardar como consecuencia delas, reclámanlle ao xornalista uns seis mil euros de indemnización e a fiscalía pide para el 6 anos de cadea por atentado á autoridade.

Vídeo-defensa

Boro comezou onte mesmo a súa defensa a través das redes sociais. Malia as porras, hai fotos e gravacións en vídeo dos feitos que se empezarán a xulgar o luns. O vídeo trata de mostrar como as lesións que sufriron os policías non son produto de ningunha agresión por parte do xornalista, que está no chan, ten por riba del un policía e está rodeado por catro máis. O vídeo mostra como os policías, mentres reparten golpes aos fotógrafos, tamén se golpean involuntariamente entre eles. O vídeo fará parte da defensa de Boro diante das declaracións dos números 99.190 (rotura de menisco) e 98.373 (rotura dun dente e artrite traumática nun dedo da man esquerda).

“A acusación non se sostén. Temos testemuñas e están as gravacións. Veremos que pasa. Van ser dous ou tres días duros. Pero pase o que pase, non nos silenciarán. Todo isto vén de lonxe. De antes da lei mordaza, como no meu caso, pero de antes tamén… o único que pretenden có acoso aos medios de comunicación é que non se poida documentar a represión, e iso é precisamente ao que dedícome eu desde hai dez anos en La Haine e Kaos… Non imos calar. Somos medios sen recursos. Houbo unha colleita de fondos para ir pagando os diferentes procesos. Até a miña detención non pasara antes a ninguén de La Haine, pero si a outros. Sempre houbo represión dos medios alternativos. Pero, claro, a intensidade depende das necesidades deles en cada momento. Despois daquelas mobilizacións do 2014 e co de Catalunya, o Estado decidiu dotarse dunha batería de leis: a reforma do Código Penal, o pacto anti-xihadista, a lei mordaza, para controlar e asustarnos. Buscan a autocensura dos medios. Pero a liberdade está para facer uso dela. Isto é un ataque á liberdade de prensa, así de simple. Inda que non saia na gran prensa.”

Artigo publicado o pasado venres, 13 de abril, en adiante.gal, novo xornal dixital en galego.

Boro LH: "Isto é un ataque á liberdade de prensa"