Buscar
00:52h. Lunes, 18 de Junio de 2018

CULTURA NA ASOCIACIÓN VECIÑAL AGRA

A terra delas

Eli Ríos e Emma Pedreira, poetas multipremiadas, iconoclastas e bulebules, ofreceron na Asociación Veciñal da Agra unha presentación dos seus libros, Culpable e s/t, galardoados co Premio Gonzalo López Abrente cargada de sarcasmo e disparada con humor doce.

Eli Ríos e Emma Pedreira presentaron seus libros onte na Asociación Veciñal da Agra | Foto Erik Dobaño
Eli Ríos e Emma Pedreira presentaron seus libros onte na Asociación Veciñal da Agra | Foto Erik Dobaño

Cando cabía esperar que Eli Ríos e Emma Pedreira, autoras de éxito con diversos artefactos literarios, se puxeran serias para falar da súa poesía, do cerne do seu proceso creativo, do íntimo… van e aparecen en mandilón, con chanzas sobre a academia, bigote e dragóns e postais compradas nos chinos e facendo mofa de si mesmas, cuestionándose por exemplo seu rol como autoras-marca, multipremiadas, nun hipotético sistema literario galego e as etiquetas de marca: “Se a poesía de Rosalía é rosaliana e a de Pondal, pondaliana, o de Eli Ríos é Rihana?”.

Debeuno pasar mal o presentador do evento, Fran Alonso, que se puxo serio, abriu o acto co eloxio correspondente das autoras-marca-multipremiadas e traduciu con hermenéutica os discursos “coherentes” dos poemarios á sintaxe común dunha presentación académica, mentres Eli Ríos e Emma Pedreira empezan a sacar tarecos da bolsa da compra nos chinos e a colocalas entre os libros. Alonso falou media hora delas sen conseguir pisar terra.

Foi unha presentación divertida. “Desas cheas de tópicos e clixés”… pero volta do revés. Máis mordaz que retranqueira. Non é o estilo delas a retranca. Coas balas de canón que dispara Eli Ríos, imposíbel. Buscando “conexións” hipotéticas entre elas: a capa verde dos libros, a E inicial dos nomes e as papoias… para que vexas Fran Alonso que estiveran escoitando. Para rematar nun poema de amor amargo traducido por unha radiografía dun estómago con bolboretas -“Pintaríache con metonimias o océano salvaxe/ que me rebenta, neste instante, os intestinos/ (obviarei aquí a onomatopea por educación)”- e un regalo de Eli a Emma, un bote con terra, a terra delas, que non se descifra.

De Rosalía á Coruña prodixiosa de Xurxo Souto

A colaboración entre a Livraría Suévia e a Asociación Veciñal da Agra do Orzán deu lugar este ano a unha ampla programación de presentacións literarias e cousas coma esta da cultura do país.

Desde o soto da Asociación Veciñal deu noticia o EntreNós neste 2017 dalgunha desas pezas, desde o empeño de Pilar García Negro en descolonizar a Rosalía [ver aquí] até a festa de orgullo coruño de Xurxo Souto [aquí]. Houbo exposicións de literatura fantástica  [aquí] combinadas con charlas e presentacións de Urco Editora na Suévia [Tomás González Ahola, aquí  e Isidro Novo, aquí], mesmo Emma Pedreira presentando Cando cae a luz de María Canosa editada por Urco. E pola Asociación Veciñal tamén pasaron Luz Pozo Garza  antes de cumprir os 95 anos, e Carlos Callón, este acompañado por Pilar García Negro e Ana Martíns, para reclamar que a lingua precisa de moita man política, porque imaxinación hai dabondo. “Somos un pobo de artistas porque vivimos entre forzas inmensas: o mar, o vento, as pedras”, sostivo Xurxo Souto, que de neno aprendeu que para ver cousas extraordinarias non facía falta prender o televisor, bastaba con abrir as fiestras.  

Letras de barrio

O EntreNós visitou a Suévia e tirou proveito das recomendacións de Ermitas Valencia para indicar 17 libros galegos  para o día das Letras e deu conta tamén das axendas do Ágora nesa festa das letras.