Buscar
05:52h. Miércoles, 24 de Enero de 2018

LITERATURA DE TERROR

As bibliópatas non se renden

María Canosa presentou Cando cae a luz, un libro de trece relatos de terror, na Livraria Suevia, na Agra.

Jamardo, Canosa e Pedreira na Suévia este martes.
Jamardo, Canosa e Pedreira na Suévia este martes.

María Canosa, escritora prolífica, 35 libros publicados antes de cumprir os corenta, presenta a súa última obra, Cando cae a luz, na Livraria Suévia acompañada de Emma Pedreira, poeta e narradora, e Andrea Jamardo, responsable de Urco, que edita o libro de relatos de terror de Canosa, e empeza falándose de literatura para terminar nun longo lamento sobre “a situación” do sistema literario galego.

É o normal. Así son as cousas na colonia. Non é “unha situación”, é o normal.

Contra esa normalidade rebélanse as bibliópatas como Canosa, Pedreira, Jamardo ou Ermitas, a propietaria da libraría, que casualidades do día, visten todas gafas lila. Neste país para ser escritora ou escritor hai que ser antes rebelde. E despois.

Empeza falando Pedreira, que le un texto no que gaba a esas mulleres, as bibliópatas, arremangándose a deshoras para remexer na tripa da imaxinación. Militantes da literatura. Soas no medio do bosque, como calquera lectora atrapada nun relato de Canosa que sente un desacougo próximo. A seguir zoando… “O medo está en nós ou se produce desde fóra? Fuximos ou corremos cara esa sensación pracenteira do medo?", remata preguntándose Pedreira que parece que fala do libro pero está describindo o lameiro.

Sigue Canosa, que agradece a Pedreira que estea alí, formando parte diso, porque así non se sente tan soa, incomprendida. E confesa que estivo a punto de publicar un texto de rendición que segue gardado no caixón. Di que seu xeito de militar é o sorriso e crer nos principios e seguilos. Que cada unha ten a súa maneira de loitar. Que ela próbase con novos xéneros entre libro e libro para a rapazada. Explica que foi aprendendo a sacar os medos fóra e por iso este libro.

Até aquí a literatura. Costa evadirse da “situación”. Así que por que non falar abertamente dela.

Sobre a situación das mulleres no sistema. Sobre a situación do galego no sistema. Sobre o sistema literario galego. “Temos cento e pico libros no catálogo e só unha ducia son de mulleres, pero imos mellorando”, confesa a editora. Seguimos vendo librarías con estantes de Poesía, Novela, Ciencia Ficción, Ensayo… e Galego. “As editoriais fan un gran traballo cos colexios e nos clubs de lectura, pero ese traballo non ten continuidade nos seguintes tramos de idade e pérdense lectores. Non é un problema de calidade, porque os cativos len”, explica Ermitas. “Fun a unha presentación a El Corte Inglés e non tiñan un so libro meu nin tiveron a delicadeza de pedilo a algunha editorial”, di Canosa. A seguir zoando!, que diría Pedreira. É como subirse nese avión que sabes que vai ser a derradeira viaxe da túa vida, “e quen me desconxela o frigorífico?”. Malia o medo, a incomprensión, a soidade, seguen voando as bibliópatas galegas. Non lles pregunten por que. Para ser escritora (editora, libreira) neste país non hai razón.

Cando cae a luz de María Canosa en Suévia