Buscar
10:42h. Viernes, 21 de Septiembre de 2018

7 DÍAS 7 LIBROS

Couceiro recomenda “Esperando a Míster Bojangles”

Begoña Couceiro, da libraría Couceiro nos Mallos, advirte que se trata dunha novela de gran sensibilidade.

Begoña Couceiro recomenda a Olivier Bourdeaut.
Begoña Couceiro recomenda a Olivier Bourdeaut.

Esperando a Míster Bojangles, de Olivier Bourdeaut, unha novela editada por Salamandra, é a recomendación de Begoña Couceiro, da libraría Couceiro, fundada polos seus pais hai máis de cincuenta anos na Ronda de Outeiro. “Roubarache o corazón, é o mellor que podo dicir desta novela. É unha historia en principio surrealista, frívola, alegre e melancólica, pero que a medida que avanza convértese nun relato de gran sensibilidade”.

“O protagonista rememora a súa infancia marcada pola excentricidade de seus pais”, explica Begoña, “por unha vida de luxo, sen normas sociais, na que prima a diversión, o amor, a amizade; por unha nai que cada día cambia de nome e case de personalidade, e que transcorre ao ritmo dunha canción, Esperando a Míster Bojangles, de Nina Simone”.

Begoña confesa que custa entender o comportamento das personaxes até que pouco a pouco o lector vai descubrindo “unha realidade oculta que so ao final sabemos dela e que converte este libro nun auténtico relato de amor no máis puro sentido da palabra, cunha sensibilidade que vai provocando no lector diversos sentimentos”.

“É orixinal, fresca, fantástica e non deixa a ninguén indiferente”, conclúe Begoña, ao fronte dunha das grandes librarías da Coruña, con sede tamén desde 1998 na Agra do Orzán, na mesa Ronda de Outeiro. Entre ambas tendas haberá uns 30.000 volumes, asegura, “somos unha libraría de fondos, que ten a disposición do cliente todos os xéneros e materias”. O que comezou coma unha papelaría de barrio é hoxe un espazo de referencia en toda a cidade.