Buscar
05:33h. Miércoles, 23 de Mayo de 2018

AXENDA CULTURAL

Hércules de Ediciones presenta unha biografía literaria sobre María Victoria Moreno

  • O texto é obra de Ánxela Gracián e as ilustracións, de Antonio Seijas
  • A presentación terá lugar o 19 de abril na librería Berbiriana da Coruña

 

Portada de "Doce cartas a María Victoria Moreno".
Portada de "Doce cartas a María Victoria Moreno".

Hércules de Ediciones vén de publicar Doce cartas a María Victoria Moreno, unha biografía literaria da autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, e que será presentada o vindeiro 19 de abril na librería Berbiriana da Coruña.

A autora é Ánxela Gracián, recoñecida escritora e tradutora, que logrou percorrer a vida e obra desta interesante autora nunha innovadora aposta na que a narración corre da conta dun dos personaxes máis entrañables de María Victoria Moreno, o lobo Garimoso, ese que no seu libro Mar adiante pasa varias noites coa nena Mariquiña sen papala porque ela o soñou bondadoso. Garimoso, fascinado por esa nova vida de lobo que non se ve na obriga de comer carapuchiñas, inicia a lectura de todos os libros de María Victoria Moreno, tanto os escritos por ela como os que sobre ela se escribiron e, logo do mergullo nesa lectura fascinante, decide mandarlle estas doce cartas. Nelas rememoraremos a súa infancia como paraíso perdido; as vivencias da mocidade e as aspiracións desta etapa; a súa concepción da docencia na que defende un ensino responsable e respectuoso; as lecturas; os gozos; a lealtade eterna aos amigos e aos mestres; o sentido épico da vida e, finalmente, a escrita comoúnico exorcismo ante a dor de sabernos perecedoiros.

 Partindo dunha documentación verificable e de feitos efectivamente acontecidos nun tempo e nun espazo, o libro achéganos —cunha narración áxil e imaxinativa na que destacan os diálogos e as fermosas ilustracións que atraerán ao público infanto-xuvenil— á vida auténtica e ao legado literario da escritora María Victoria Moreno, galega de sentimento e de adopción, que contribuíu co seu traballo incansable á consolidación da literatura e a cultura de noso.

Na presentación do libro —que terá lugar o xoves 19 de abril ás 19:30 horas na librería Berbiriana da Coruña— participarán a xornalista, Montse Carneiro; a autora, Ánxela Gracián; o ilustrador, Antonio Seijas e a editora, Laura Rodríguez. O acto contará co acompañamento poético das nenas, Antía del Corro Rodríguez e Marina Mazaira Méndez.

A autora:

Ánxela Gracián traballa como tradutora no Servizo de Tradución da Xunta de Galicia, mais no tempo que lle queda libre traduce literatura e escribe, a súa verdadeira paixón. Traducir permítelle afondar máis polo miúdo nas palabras dos mestres entendendo a tradución literaria como a mellor lección de literatura. Grazas ao seu traballo hoxe falan en galego autores e autoras universais como Marguerite Yourcenar, Jean-Paul Sartre, Jules Verne, Hugo Pratt, Jean Giono, María Teresa Andruetto, João Manuel Ribeiro, etc. Como escritora publicou contos para nenos como Cos petos cheos de cinza, Chis chisgarabís, A toupiña cegarata, As bolboretas douradas, Xoaniña rei-rei, cando casarei, Camiño solitario, Pinga de choiva, Carrapeto, As palabras do silencio, así como as novelas xuvenís Eu tamén fun peliqueiro de Laza e o libro de poemas Paisaxes de pan.

 O ilustrador:

Historiador da Arte, ilustrador, pintor e autor de banda deseñada.

Publicou tres novelas gráficas: Un hombre feliz,  Cartas de Inverno  e LA LUZ, gañadoras de premios como o Certame Castelao, premio do público ao Mellor Guión no Salón del Cómic de Barcelona, o Isaac Díaz Pardo ao Mellor Libro Ilustrado e nominación a Mellor Obra Nacional en Expocómic.

Fixo traballos para revistas, xornais, ducias de portadas de libros e discos, para grupos como Marillion, Luar Na Lubre, etc., ilustracións para literatura infantil e xuvenil, logos para a Fundación David Lynch, ilustracións para series como “La que se avecina”, etc. Participou en diversas exposicións de pintura e ilustración e comisariou a exposición do 30º Aniversario de Luar Na Lubre na Coruña, entre outros traballos.

Máis información: