Buscar
18:28h. Miércoles, 21 de Febrero de 2018

AXENDA CULTURAL

María Reimóndez presenta "As cousas que non queremos oír", a súa última novela

María Reimóndez presenta "As cousas que non queremos oír" na Livraria Suévia (Rúa Vila de Negreira, 32) às 20h00, o próximo xoves 25 de xaneiro. A autora estará acompañada polo editor de Xerais Manuel Bragado e pola escritora Eva Mejuto

As_cousas_4
As_cousas_4

Qué: Presentación do libro "As cousas que non queremos oír"

Ónde: Livraria Suévia, Rúa Vila de Negreira, 32

Cándo: Xoves 25 de xaneiro, ás 20:00h

Argumento de "As cousas que non queremos oír"

 

A Aurora gústalle correr. Se cadra é por iso que foxe con facilidade de tomar decisións e busca acubillo no sarcasmo contido. Dende que por fin puido regresar da Vilalba dos seus pais á Barcelona da súa infancia, o peso da orixe abre nela fendas que non sabe como xestionar. A proxección de si mesma na cidade, o rexeitamento e a vergoña, fan que por veces esqueza que foi en Vilalba, ese lugar que tanto detesta, onde coñeceu unha das persoas máis importantes da súa vida: a súa amiga Saínza. Dende a súa liña de saída torta, Aurora busca seguir correndo cara adiante sen matinar no percorrido, concentrada no seu traballo como xornalista de deportes e nos espazos dunha vida na que todo, en aparencia, está dentro do agardado.

"As cousas que non queremos oír" explora o alleamento, os límites do corpo e a enfermidade, os afectos e a busca das certezas cando o mundo enteiro se esfarela. Porque de cando en vez a vida nos interroga sen que poidamos atopar respostas definitivas, máis que a forza de afondar na nosa propia debilidade para renacer. Nesta nova entrega do "Ciclo dos elementos", Reimóndez entrecruza os fíos das protagonistas de entregas anteriores cos de Aurora para continuar creando un universo literario único no que as lectoras son quen de compoñer tamén a historia a partir de cada unha das novelas independentes. Despois de "En vías de extinción", "A música dos seres vivos" e "Dende o conflito", "As cousas que non queremos oír" transita unha nova forma de enfrontarse á migración e o desprazamento e traza novas interaccións e perspectivas das personaxes xa coñecidas, como Gaia, MK ou Saínza Combarro.

María Reimóndez é tradutora e intérprete de profesión e feminista por convicción. O seu primeiro libro publicado foi o poemario “Moda Galega” (2002), ao que regresou nunha reescrita dez anos máis tarde en “Moda Galega reloaded” (2013) e posteriormente publicou “kleinigkeiten/cousiñas” (2013), “Presente continuo” (Xerais 2013) e "Galicia en bus" (Xerais, 2018), Premio Johán Carballeira 2017. Como narradora, é autora das seguintes novelas: “O Caderno de Bitácora” (2004), premio de novela Mulleres Progresistas 2003; “O club da calceta” (Xerais 2006), finalista do Premio Xerais de Novela 2005, Premio Arcebispo San Clemente 2007, traducida ao castelán, italiano e francés, e adaptada á escena por Teatro do Morcego e ao cine por Ficcións; “Pirata” (Xerais 2009), traducida ao italiano; “En vías de extinción” (Xerais 2012), traducida ao castelán, coa que iniciou a serie "Ciclo dos elementos"; “Dende o conflito” (Xerais 2014), Premio Xerais de Novela; “A música dos seres vivos” (Xerais 2015); “A dúbida” (Xerais 2016), XIV Premio La Voz de Galicia de Novela por Entregas e "As cousas que non queremos oír" (Xerais, 2017). No ámbito da literatura infantil é autora de “Usha” (Xerais 2006), finalista do Premio Merlín 2005; “Lía e as zapatillas de deporte” (Xerais 2008); “O monstro das palabras” (Xerais 2009); “Volvo! O regreso de Usha” (Xerais 2014); e “Corredora” (Xerais 2017). Como ensaísta publicou “A alternativa está aquí” (Xerais 2014), en coautoría con Olga Castro, o libro “Feminismos” (Xerais 2013) e "Corpos exorbitantes" (2017), Premio Xohana Torres de Ensaio. En 2015 a AGE concedeulle o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor/a do ano. É fundadora da organización non gobernamental de cooperación ao desenvolvemento Implicadas/os no Desenvolvemento, que leva traballando desde o ano 1998 na India e en Etiopía en proxectos de desenvolvemento integral cun claro compromiso pola superación da discriminación de xénero como base do desenvolvemento perdurable.