Buscar
03:12h. Viernes, 25 de Mayo de 2018

AXENDA CULTURAL

Presentación de "Galicia inmaterial, Galicia máxica"

Galicia inmaterial, Galicia máxica” é obra dos ferroláns José Casteleiro e Miguel García Seoane e conta coas ilustracións de Carlos Sardiña. A presentación será o luns 5 de febreiro na sede de Hércules de Edicións

 

Portada de Galicia inmaterial, Galicia máxica
Portada de Galicia inmaterial, Galicia máxica

Hércules de Ediciones presenta o luns 5 de febreiro o seu último libro, Galicia inmaterial, Galicia máxica. No acto, que terá lugar ás 11:30 horas na sede de Hércules de Ediciones, intervirán os autores, José Luis Casteleiro Santos e Miguel García Seoane, o ilustrador, Carlos Sardiña e o Presidente de Hércules de Ediciones, Francisco Rodríguez Iglesias.

 O volume analiza polo miúdo o amplo e diverso patrimonio cultural galego, do cal forman parte abundantes elementos inmateriais: mitos, lendas, costumes ancestrais, festas, tradicións, supersticións, etc. A publicación —destinado ao público en xeral— estuda o folclore galego na súa vertente máxico-relixiosa, mediante unha visión panorámica e un compendio universal dalgúns dos elementos máis sobranceiros desta parte tan importante da cultura galega. A obra conta coas ilustracións do artista fenés Carlos Sardiña, que complementan perfectamente o texto e nos trasladan a un mundo máxico habitado por meigas, ananos, mouras ou sereas.

 Galicia é por natureza un país encantado ateigado de lendas e de mitos ancestrais. Por todos os seus recunchos latexa o máxico, o insólito e o descoñecido. Porén, este saber popular cada vez encóntrase máis esquecido ou derivou, en non poucos casos, en conceptos totalmente diferentes que nada teñen que ver coa súa función orixinal.

 Como sinalan os autores no Epílogo: “A nosa intención con este libro foi dar a coñecer, reivindicar e poñer en valor este patrimonio como parte da nosa idiosincrasia. A pesar do desleixo das autoridades competentes, dende o ámbito privado débese continuar traballando para acadar a colaboración cos organismos públicos, de cara ao fomento deste patrimonio material e inmaterial, xa non como elemento do noso haber cotián, senón como peza fundamental da nosa cultura. Talvez entón, cando saibamos ver esoutra Galicia cos ollos dos nosos antepasados, chegaremos a comprendernos mellor a nós mesmos”.

Autores:

José Luis Casteleiro Santos (Ferrol, 1980)

Coautor do libro Ser un PJ: cómo alcanzar el éxito, José Luis é Licenciado en Humanidades e Especialista en Xestión do Patrimonio. Posúe un Máster en Patrimonio Cultural de Galicia e norte de Portugal pola Universidade da Coruña (UDC) e conta cun dobre Posgrao en Coaching pola UDC e pola Universidad Isabel I, ademais de ser Experto en Coaching pola Escuela Superior de Cualificaciones Profesionales.

Miguel García Seoane (Ferrol, 1985)

Coautor do libro Ser un PJ: cómo alcanzar el éxito, Miguel é técnico en Orientación laboral, Experto en Coaching e Mentoring e membro fundador de Procoaching.es. Tamén posúe un MBA en Administración e Dirección de Empresas pola Escuela de Negocios Europea de Barcelona (ENEB).

Carlos Sardiña (Fene, 1971)

Carlos é Ilustrador e deseñador gráfico. Fundador de Telodibujamos.com, é autor de numerosas publicacións de carácter personalizado. Como ilustrador, colaborou en libros como Galiza Acorda, Bóveda ou Ferro Caaveiro, o arquitecto rebelde da catedral, ademais de con diferentes institucións e entidades privadas.

Máis información:

http://www.herculesediciones.com/libro/galicia-inmaterial-galicia-maxica/