Buscar
02:46h. Viernes, 20 de Abril de 2018

NO CENTRO CÍVICO OS MALLOS

"O valo", espéctaculo de clown sobre as persoas refuxiadas

Mércores, 13 de decembro ás 17h

O valo
O valo

Coa montaxe de “O valo”, adaptación da obra do mesmo título de Carlos Labraña, gañadora do IX Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, a compañía Pallasos en Rebeldía convídanos a facer unha reflexión sobre as fronteiras e as migracións, a evitar o esquecemento das guerras e das persoas refuxiadas, e a transformar a realidade pensando un mundo diferente. Asistiremos ao encontro entre unha nena que foxe da guerra e un rapaz soldado, gardián devoto de fronteiras móbiles.

 O conflito en Siria obrigou a máis de cinco millóns de persoas a abandonar o país na procura de refuxio noutros lugares, entre as que se achan moitas menores. ‘O valo’ é unha obra escrita en homenaxe a todas elas, para que non permanezan no esquecemento e as súas vidas constitúan o xerme da loita contra todos os valos, aramados, muros e fronteiras que separan os seres humanos.

 O espectáculo, que forma parte das diferentes actividades de sensibilización que o Fondo Galego de Cooperación oferta as entidades socias, está dirixida a todos os públicos de entre 8 e 12 anos, pero tamén resulta de moito interese para un ollar adulto.

Entrada de balde