ratará tamén a estratexia de criminalización das ONGs que se dedican a salvar vidas a través das voces de Óscar Camps (Open Arms) e Ernesto G. Maleno (Camiñando Fronteiras)

Acampa 2018 dirixe o foco cara ás crises humanitarias provocadas polo cambio climático

Do 14 ao 16 de xuño, un campo de refuxiados simbólico volverá a ocupar o centro da Coruña para denunciar o drama das persoas obrigadas a desprazarse da súa terra ou abandonar o seu país

Acampa 2018 dirixe o foco cara ás crises humanitarias provocadas polo cambio climático
BANNER HORIZONTAL 2
BANNER HORIZONTAL 2

Acampa volverá a montar de novo, entre os días 14 e 16 de xuño, un campo de persoas refuxiadas no centro da Coruña. O obxectivo é escenificar o drama que viven millóns de persoas refuxiadas en todo o mundo e, asemade, denunciar a inacción dos estados e os organismos internacionais. Nesta segunda edición Acampa fará fincapé nas persoas desprazadas a causa do cambio climático. Organizacións humanitarias, xornalistas, afectados e fotógrafos debuxarán as crises humanitarias que se desenvolven no sur de Europa, África ou Asia por razóns medioambientais, conflitos bélicos, falta de recursos ou motivos raciais.

 


Tamén abordará a estratexia de criminalización das ONGs que se dedican a salvar vidas, como a española Open Arms. O seu fundador, Óscar Camps, viaxará a Coruña. Tamén o fará Ernesto G. Maleno, un portavoz de Camiñando Fronteiras, entidade cuxa fundadora, a activista Helena Maleno, enfronta unha acusación en Marrocos por tráfico de persoas. O xuíz do CIES de Aluche, en Madrid, Ramiro García de Dios, ou o director da ONG Aire, Federico Pichel, son outras das voces que se escoitarán en Acampa 2018.

 


Acampa 2018 conta co apoio do Concello da Coruña e a Deputación provincial e ten a colaboración da Universidade coruñesa e de outras entidades públicas e privadas.

 


Como na primeira edición, durante eses tres días haberá visitas guiadas polo campo de persoas refuxiadas instalado nos Xardíns de Méndez Núñez a cargo de membros de Amnistía Internacional. Á beira do campamento estarán as carpas onde se desenvolverán boa parte das actividades previstas: encontros, debates, conferencias, obradoiros e proxeccións de documentais. Máis de media ducia de mostras fotográficas, que terán como escenarios o Kiosco Alfonso, a sala de exposicións Salvador de Madariaga (Durán Loriga) e mais os Cantóns – Obelisco (ao aire libre), achegarán á cidadanía o drama que viven os refuxiados e mais a propia natureza por mor do cambio climático.

 


Grave e urxente

 

O movemento Acampa pola paz e o dereito a refuxio, que aúna ONGs, organizacións e asociacións cidadás e particulares de todos os ámbitos, este 2018 quere chamar a atención sobre un tema moi grave e urxente e, non entanto, aínda non recoñecido por ningún Goberno: o dereito a refuxio por cambio climático. Informes de Nacións Unidas vaticinan que durante as próximas tres décadas as migracións por este motivo afectarán de 250 a 1.000 millóns de persoas. O 90 por cento deses movementos migratorios ocorrirá nos países menos desenvolvidos e dará lugar a novas e cada vez máis numerosas situacións de urxencia humanitaria.

 


Conferencias, encontros e exposicións fotográficas abordarán as consecuencias da crise climática para a poboación. É o caso da mostra de fotografía Every Day Climate Change, unha iniciativa en Instagram a través da que fotógrafos de todo o mundo documentan as consecuencias dese cambio climático. Trátase dunha radiografía de conxunto, coma, por exemplo, a que centrará o encontro "Cambio climático, millóns de persoas en perigo", no que participarán o sociólogo e director de ECODES (Ecología y Desarrollo), Víctor Viñuales, e a investigadora do Instituto Universitario das Nacións Unidas para a Globalización, Valeria Bello, mais Pedro Vega, profesor de Educación Ambiental da UDC.

 

 

 

Acampa 2018 conta ademais con imaxes da británica Lisa Murray, que documentan as consecuencias da crise climática para as mulleres en diferentes partes do mundo, e mais do italiano Alessandro Grassani, que testemuñan os cambios que empurran a moitos habitantes do medio rural de Mongolia e outros países a deixar as súas terras. Tamén formarán parte desta edición as exposicións de Pedro Armestre, “Somalia no esquecemento”,  e a do galego Juan Pablo Moreiras, que reflicte as consecuencias da crise climática nas distintas especies e a propia natureza. Xa sobre a destrución dos hábitats tradicionais máis achegados a nós, Acampa 18 conta coa mostra da galega Ariadna Silva. O fotógrafo Daesung Lee asina outras dúas: “On the shore of a vanishing island” e “Futuristic Archaeology”.

 

 

 

Acampa 2018 volverá a dirixir o foco cara ao Mediterráneo e os miles de refuxiados varados e esquecidos. O campamento de Katsikas, en Grecia, e o drama humanitario da poboación Rohinya, en Myanmar, serán outras das crises humanitarias que serán lembradas nesta segunda edición.

 


Acampa

Acampa é unha iniciativa sen fins de lucro, posta en marcha polas ONGs que conforman Coruña contra a Guerra. Está integrada por colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, políticos, sindicais e artísticos; por persoas, institucións e empresas. Ten como obxectivo a defensa dos dereitos humanos, o Dereito Internacional Humanitario e o Dereito a Refuxio. Entre as organizacións que colaboran con Acampa están case todas as ONGs que traballan in situ cos refuxiados por todo o mundo.

www.acampa.eu

 

Acampa 2018 dirixe o foco cara ás crises humanitarias provocadas polo cambio climático