Buscar
18:06h. Lunes, 15 de Octubre de 2018

Pide ao Goberno “rectificar as políticas do anterior executivo”

O Concello da Coruña amosa a súa disposición a colaborar na acollida de persoas refuxiadas co Goberno do Estado

O alcalde, Xulio Ferreiro, lembra que A Coruña, “leva tempo poñendo recursos propios” para acoller a veciños e a veciñas que solicitan protección internacional. A responsable de Igualdade, Rocío Fraga, reclama a colaboración da Administración central cos municipios e que o programa estatal de refuxio conte coas cidades como axentes fundamentais.

Pancarta pendurada no pasado ano no Pazo de María Pita
Pancarta pendurada no pasado ano no Pazo de María Pita

Concello da Coruña | 12/06/2018

O goberno local da Coruña traslada ao Goberno do Estado a súa disposición a colaborar na acollida de persoas refuxiadas, como no caso das que se atopan no buque Aquarius, o que significa continuar na liña de traballo que mantén o Concello, "que leva tempo a poñer recursos propios a disposición das veciñas e veciños solicitantes de protección internacional". O alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, reiterou hoxe este compromiso da Coruña, "unha das cidades refuxio que durante estes últimos anos veñen pelexando practicamente en solitario fronte a Administración central" para facer fronte, dende as súas posibilidades, no salvamento das persoas refuxiadas. O Concello dirixirá unha carta ao Goberno do Estado para formalizar o seu ofrecemento, na que tamén lle fará unha "petición extraordinaria de responsabilidade á hora de rectificar as políticas previas en materia de solicitantes de protección internacional".

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, apunta que "as cidades precisan do compromiso da administración central, quen é que ten a competencia neste asunto, para cumprir coas obrigas adquiridas no eido internacional". "Precisamos da colaboración para ter todos os medios posibles para realoxar a aquelas persoas que así o precisen, non só neste caso, senón tamén para dar a mellor resposta ás miles de persoas que chegan ao noso país por medios propios e solicitan asilo", afirma. Por iso, Fraga reclama "que o programa estatal de refuxio conte coas cidades como axentes fundamentais e que se mellore esta iniciativa para que sexa sostible, flexible e participada, e facilite a inclusión real das persoas".  

O Goberno local pide tamén que o Goberno do Estado poña fin "ás devolucións ilegais e garanta a todas as persoas a solicitude de acceso á protección internacional", especialmente no caso dos grupos máis vulnerables, e reclama o compromiso do novo Executivo central para impulsar "políticas internacionais garantistas dos dereitos humanos".