"Contos da Coruña"

A Coruña prodixiosa do Xurxo Souto

O músico e escritor fai unha festa e axita o orgullo coruñés na presentación do seu libro ás veciñas da Agra do Orzán.  

A Coruña prodixiosa do Xurxo Souto
Xurxo Souto na AAVV Agra do Orzán. Música (2)
Xurxo Souto este martes na AAVV Agra do Orzán.

Hai miradas que teñen a capacidade de profundar tanto nas cousas que temos diante dos ollos e non vemos que son quen de descubrir mundos, sons e sentimentos e facelos visíbeis para todos que teñen a sorte de compartir con eles unha rúa, unha praia ou unha canción. Hai xente así, e mesmo capaz de converter terrícolas impenitentes en mariños ebrios de versos nun Nautilus de ladrillo e cemento. Xurxo Souto é de Monte Alto pero canta a Coruña enteira, unha cidade que é “un resumo da Galiza”. Ese mar que roxe esta tarde de xuño na Asociación de Veciñas da Agra non dá medo. É inquietante e fabuloso. Un conto para que os nenos deiten aos maiores. Fala Xurxo coma un raio. Encadea historias con presteza e en cada elo pendura un nome: Milucho Mariñas, A Rabaleira, Xanrei, María Antonia, Fontán, Canzobre, Los Españoles, Álvaro Pita García…

Milucho era un home que lle sabía os nomes as pedras desde Avilés até Corrubedo, por iso, di Xurxo Souto, os mariñeiros non vedes o mesmo que os homes de terra. Nin o mesmo mar, porque o Mar de María Antonia é ese anaco de mar amábel que indica que estades na casa, entre as Sisargas e o Cabo Prior, e a María Antonia era a señora da tenda no camiño novo onde parabades cando Riazor era unha aldea e as ondas chegaban ata cociña nas casas Canzobre, o poeta.

“Somos un pobo de artistas porque vivimos entre forzas inmensas: o mar, o vento, as pedras”, sostén Xurxo Souto, que de neno aprendeu que para ver cousas extraordinarias non facía falta prender o televisor, bastaba con abrir as fiestras. “E así vin chover pingas de auga negra, co Urquiola; arder o mar cando o Mar Egeo; ou aparcar unha plataforma petrolífera contra a ponte das Pías, aí ao lado en Ferrol, apenas 15 millas… Isto é máis ca realismo máxico, é punkismo máxico!”.

Respirando esas inmensidades Souto descubriu a Antártida nunha taberna do centro; soubo que a rotonda da universidade se chamara As Mariñas Douradas e soña cun doutorado Cum Laude por unha universidade de tal nome; contáronlle dun pandeiro enorme que nos Ancares usaban para escorrentar treboadas; advertiu que As Roseiras levaron por nome Fontán e Lonzas non é tal senón Louzas, unha gralla; fantasiou coa rivalidade de Los Españoles e Os Tamara que chegou até o Xapón, ou coa historia dos percebeiros espantados polo helicóptero da Vuelta a España.

Xurxo Souto rematou a festa cantando, coas fillas alí, cun público convencido de que para dicir Orzán co ton preciso hai que enchelo peito de espuma e sorrir. Capaz o artista de facer do cotiá e da memoria, sen efectos especiais, un prodixio de cidade.

Xurxo Souto na AAVV Agra do Orzán. Música (3)


 

A Coruña prodixiosa do Xurxo Souto