Buscar
06:54h. Lunes, 20 de Agosto de 2018

REXENERACIÓN URBANA

O Concello adxudica as obras de mellora da accesibilidade no distrito dos Mallos

O edil de Rexeneración Urbana indica que as obras, que teñen un período de execución de 10 meses, suporán a eliminación de obstáculos e puntos que dificultan a mobilidade á vez que servirán para incrementar a conexión accesible entre os barrios

O edil Xiao Varela
O edil Xiao Varela

Concello da Coruña | 07/06/2018

O Goberno local realizará máis de medio millar de obras para mellorar a accesibilidade en sete barrios da cidade por valor de 537.456 euros. A Xunta do Goberno local extraordinaria, que se celebra mañá, aprobará a adxudicación por procedemento aberto da obra á empresa Manuel Rivas Boquete, SL, que terá un prazo de execución de 10 meses para a acometer obras de adecuación e mellora da accesibilidade nos barrios de Os Mallos, A Sardiñeira, Estación de San Cristóbal, Sagrada Familia, Santa Margarida, San Pedro de Mezonzo e a parte da Falperra máis próxima á Rolda de Nelle. "Estas actuacións representan o esforzo que estamos facendo no coidado do espazo público, que ten moito que ver con construír unha cidade máis accesible, que reúna as condicións para que sexa máis inclusiva e na que toda a cidadanía poida moverse coa maior autonomía posible", explica o responsable da Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela.

Como apunta o edil, o Concello pretende que as 529 actuacións previstas supoñan "a eliminación de obstáculos e a corrección de puntos que dificultan a mobilidade, tanto no interior dos barrios como nas conexións entre cada unha destas áreas". As obras consisten na adaptación de beirarrúas para resolver os problemas de accesibilidade, especialmente nos pasos de peonís e nas paradas do transporte público urbano. Deste xeito, máis da metade das intervencións se centrarán na instalación de ramplas en 276 pasos peonís que, ou carecen delas ou as teñen en mal estado, mentres que tamén se realizarán actuacións en 236 vaos que non cumpren a normativa vixente de accesibilidade. Ademais, ampliarase o espazo, mellorarase a accesibilidade e instalarase sinalización podotáctil en 17 paradas de transporte público para "facilitar e incrementar a autonomía das persoas cegas ou outros problemas de visión".

Varela sinala que, ademais destas accións, está programada unha serie de pequenas intervencións para corrixir pendentes nas beirarrúas, eliminar obstáculos e mellorar os bordos en determinadas rúas dos sete barrios e tamén nas conexión entre eles. "A intención é deseñar itinerarios no interior dos barrios que os fagan máis accesibles ao tempo que axudan a vertebralos, pero tamén coa idea de debuxar percorridos que creen conexións totalmente accesibles entre eles", indica o edil.