Buscar
21:26h. Miércoles, 13 de Diciembre de 2017

ADAPTAR O COMERCIO DOS MALLOS AO CONTEXTO ACTUAL

O goberno local traslada ao comercio dos Mallos o seu plan estratéxico para dinamizar o sector do barrio

O concelleiro Alberto Lema presentou esta tarde o documento, que establece catro liñas de actuación transversais e integradas por distintas accións que fomenten a mellora da competitividade, a promoción e difusión do comercio, a atracción de nova clientela e a mellora do entorno urbano

Alberto Lema no CC Os Mallos 2
Alberto Lema no CC Os Mallos 2

Concello da Coruña | 8/11/2017

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentou este mércores ao sector comercial dos Mallos o Plan Estratéxico Municipal para a Dinamización do Comercio Minorista deste barrio, un documento que, como salienta o responsable municipal, trata de artellar unha serie de obxectivos que permitan ao pequeno comercio adaptarse aos cambios económicos e sociais recentes, incrementando a súa vitalidade e mantendo -e mesmo aumentando- os seus beneficios económicos e sociais. A proposta marca unha serie de retos, como son a modernización do sector comercial, o aumento da visibilidade do sector, a posibilidade dun recambio xeracional entre o colectivo de comerciantes, a introdución do comercio de barrio nos hábitos de compra da mocidade e unha mellora da imaxe do barrio e dos establecementos comerciais, así como a mellora da competitividade e visibilidade social, "de cara a asentar Os Mallos como un dos principais barrios comerciais da cidade", salienta o concelleiro, que pon de relevo o "papel clave" que o sector ten xogado historicamente como factor de integración nas relacións humanas e económicas dentro do seu tramado urbano. Neste sentido, o concelleiro fai notar que, pese ao impacto negativo que tiveron no comercio de proximidade a proliferación dos grandes espazos comerciais e o cambio de hábitos de consumo, tanto o número de establecementos como a súa distribución, as actividades económicas paralelas e o seu peso histórico no barrio "fan do comercio un sector estratéxico na economía do barrio, e como tal é preciso dinamizalo para que siga a xogar este papel nos vindeiros anos".

Para a elaboración deste documento, realizouse un censo de actividades comerciais en todo o barrio, identificando locais baleiros e ocupados, así coma a actividade de cada establecemento, que permitiu coñecer o grao de ocupación, 756 dos 1.193 locais comerciais da zona, o que representa o 61%. Paralelamente, foi a propia veciñanza e o propio colectivo de comerciantes as que, a través dun proceso de participación social, valoraron e definiron o comercio do barrio e presentaron ideas que serviron para definir as liñas estratéxicas sobre as que asentarán as actuacións dinamizadoras. Para iso, efectuáronse 650 enquisas presenciais a persoas responsables de compra, 167 enquisas presenciais a comerciantes e 22 entrevistas en profundidade.

As enquisas realizadas serviron non só para detectar as fortalezas do comercio de proximidade dos Mallos senón, sobre todo, para definir as súas necesidades. As conclusións tiradas do proceso participativo levado a cabo tanto entre a clientela como no sector comercial indican que existe a percepción de que gran parte dos estabelecementos "teñen métodos de venda anticuados, presentan unha oferta pouco variada e non contan cunha oferta de ocio complementaria". Ante esta análise de partida, o Plan de Dinamización do Comercio dos Mallos postula unha serie de medidas de carácter transversal coas que impulsar este importante sector. "Este plan está feito dende a total transversalidade, xa que nel se teñen en conta non só accións que desenvolven e están a desenvolver distintas áreas do goberno, como o plan de expansión de zonas verdes de Medio Ambiente ou o avance de formas alternativas de desprazamento como a bicicleta por parte da Concellería de Mobilidade Sostible", indicou Lema.

Para levar a cabo estes obxectivos, deseñáronse catro liñas estratéxicas de traballo, estruturadas, á súa vez, nunha serie de medidas de acción concretas e relacionadas entre si. Segundo expuxo esta tarde o titular de Emprego, o Plan de Dinamización do Comercio dos Mallos artéllase en accións de mellora da competitividade, actuación de promoción e difusión, atracción de nova clientela e mellora do entorno urbano.

Mellora da competitividade

O responsable municipal comentou, neste sentido, a importancia de mellorar a competitividade e, por tanto, a oferta do barrio. "Para iso desenvolvemos varias accións concretas que pasan por levar a cabo cursos e accións de dinamización profesional do comercio, así como un plan de formación para os e as comerciantes", salientou. Entre outras actuacións proponse desenvolver plans para o asesoramento e creación web, o programa que xa se realizou noutras zonas da cidade de Tendas a Exame, que analiza as potencialidades e debilidades de cada establecemento, así como o programa de recambio comercial, que favorece a posta en contacto de persoas que están xa próximas á xubilación con novos emprendedores, de forma que se garanta o relevo xeracional.

"Unha das propostas contempladas neste plan pasa pola creación dunha plataforma específica encamiñada a conseguir unha xestión máis eficiente dos locais baleiros do barrio", explicou. "É preciso impulsar a ocupación dos baixos comerciais baleiros xa que iso non só reduce a inactividade, senón que elimina a sensación de abandono. Por iso, apostamos pola creación dun portal web que facilite o acceso aos locais que non albergan actividade", comentou o edil. "Outra das propostas valoradas é a de impulsar o aluguer temporal de locais para a promoción de novos negocios, mediante o programa de Tendas Flash", engadiu.

Promoción e Difusión

"Non tería sentido mellorar a competitividade do barrio a nivel comercial se non somos capaces de promocionalo e publicitalo", declarou o concelleiro, quen destacou, neste apartado, outras das liñas de actuación que presenta o Plan de Dinamización e que, por exemplo, pasan pola creación dunha app específica sobre o comercio no barrio. "A creación dunha aplicación móbil para entender e facer máis accesible a información sobre o comercio do barrio é moi interesante". destacou, para insistir que o proceso participativo realizado tamén demostra "a importancia de que a zona conte cunha imaxe comercial común, unificada e recoñecible".

"Dentro das accións programadas nesta liña de actuación pensamos tamén que é fundamental que o comercio dos Mallos estea presente nas redes sociais, polo que tamén estamos dispostos a formar e acompañar aos e ás comerciantes do barrio na promoción e publicidade a través de distintas redes sociais", comentou.

Atracción de nova clientela e mellora do entorno urbano

"Este é un plan de comercio elaborado dende unha perspectiva transversal, tal e como traballamos dende o goberno local", explicou Lema, quen expuxo a necesidade de que o comercio de proximidade dos Mallos, dotado dunha gran calidade, "sexa capaz de atraer á mocidade", motivo polo cal "entre as propostas plantexadas neste plan de actuación figuran distintas accións que buscan a atraer á xente moza, como son exhibicións de deportes urbanos, realización de concursos de youtubers que falen do barrio dos Mallos, talleres para achegar aos máis pequenos ao comercio de proximidade, e o estabelecemento dos xoves mozos, como día da semana especialmente adicado ás compras da mocidade".

Por último, a cuarta liña de actuación de mellora do entorno urbano aposta por unha serie de accións para o barrio "que xa se están a desenvolver ou están proxectadas xa por distintas áreas do goberno e que, entre outras cousas, van redundar na configuración dun barrio que tamén será comercialmente máis atractivo". Así, o Plan de Dinamización contempla, entre outras actuacións, a mellora e renovación da sinalética comercial, actuacións para mellorar o aparcamento, aumento dos arborado e espazos verdes no barrio ou a mellora da iluminación.