Obras nos Mallos

As obras de accesibilidade do distrito dos Mallos cumpren un mes con actuacións nunha trintena de pasos de peóns

As intervencións forman parte do ambicioso proxecto adxudicado polo executivo municipal, cun orzamento de máis de 530.000 euros, polo que se intervirá en case 530 puntos distintos nesta área ao longo de dez meses

As obras de accesibilidade do distrito dos Mallos cumpren un mes con actuacións nunha trintena de pasos de peóns
Paso de peóns na rúa San Jaime
Paso de peóns na rúa San Jaime

Concello da Coruña | 21/08/2018

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, destacou hoxe a boa marcha das actuacións de mellora de accesibilidade que o goberno local está a desenvolver no distrito dos Mallos dentro dun ambicioso proxecto de 10 meses de execución e un orzamento de máis de 537.000 euros. O responsable municipal manifestou que, en menos de catro semanas, a administración local realizou xa obras de calado na mellora da accesibilidade e na seguridade da zona, entre as que destacan intervención en preto dunha trintena de pasos de peóns.

En concreto, segundo os datos do departamento de Rexeneración Urbana e sempre no marco do proxecto de mellora de accesibilidade no antigo distrito 4, o Concello acometeu actuacións de renovación e remodelación en 15 pasos, estando a executar neste momento intervencións noutros 12. Estas obras acométense, neste momento, no entorno da Rolda de Nelle, Nosa Señora de Fátima, Rolda de Outeiro e avenida de Arteixo, se ben este proxecto contempla actuacións en moitos máis ámbitos, que se irán abordando de forma progresiva. En concreto, os pasos de peóns onde xa se remataron as actuacións previstas distribúense entre as rúas Río Avia, Río Sarela, Rolda de Nelle, Dolores Rodríguez Sopeña, San Roberto, Río Mandeo e San Jaime.

O titular de Rexeneración Urbana recorda que, cando remate este proxecto, teranse realizado preto de 530 actuacións nos barrios dos Mallos, A Sardiñeira, Estación de San Cristóbal, Sagrada Familia, Santa Margarida, San Pedro de Mezonzo e a parte da Falperra máis próxima á Rolda de Nelle. "As actuacións que se están a desenvolver seguen a liña de coidado de espazo público nos barrios. Moitos dos pasos de peóns desta zona presentaban deficiencias que viñan dende a súa propia construción, como non ter as medidas adecuadas. As intervencións que se están a realizar nos pasos de peóns son individualizadas e van máis alá do mero pintado, xa que hai dende obras para a ampliación das orellas da beirarrúa até en pasos que até este momento non contaban con rebaixa", explicou o responsable municipal. O proxecto de mellora de accesibilidade comprende actuacións en 276 vados en pasos de peóns que se atopan en mal estado e non contan con rebaixas, así como outras 170 en pasos que non cumpren a normativa vixente en materia de accesibilidade. Ademais, as obras previstas comprenden tamén actuacións en 66 pasos de obra máis recente así como a adaptación de 17 paradas de autobús, o que mellorará de xeito considerable a accesibilidade do transporte urbano.

O concelleiro Varela salientou tamén a distribución das obras por áreas de actuación, de forma que estas xeren os menores prexuízos posibles á cidadanía durante a súa execución. Ao longo deste mes leváronse a cabo actuacións correspondentes á parte leste do barrio da Sagrada Familia, entre a avenida de Arteixo e a rúa Nosa Señora de Fátima. De seguido, a área de Rexeneración Urbana avanzará cara ao oeste, traballando entre as rúas Nosa Señora de Fátima e Cardenal Cisneros. As accións restantes na área Sagrada Familia --entre Cardenal Cisneros e a avenida de Fisterra-- completaranse durante os dous meses seguintes.

A continuación, as actuacións concentraranse no barrio de Santa Margarida, entre a Rolda de Nelle e o perímetro do propio parque, para continuar cunha semana de traballos no grupo de mazás da Colonia Juan Canalejo entre a Rolda de Nelle, avenida de Arteixo, Pla y Cancela e Juan Castro Mosquera. Xa de cara ao inicio do 2019 acometeranse distintos traballos, ao longo de 5 semanas e media, no interior do barrio dos Mallos --delimitado polas roldas de Nelle e Outeiro, e as avenidas de Arteixo e dos Mallos--. As demais actuacións no resto do barrio, e até a avenida de Alfonso Molina, realizaranse no período máis longo de intervención, cunha extensión prevista de 2 meses e unha semana. Finalmente, a área de Rexeneración Urbana intervirá durante o prazo dun mes na parte dos Mallos situada entre a rolda de Outeiro e os equipamentos da Sardiñeira.

As obras de accesibilidade do distrito dos Mallos cumpren un mes con actuacións nunha trintena de pasos de peóns