Buscar
10:03h. Viernes, 21 de Septiembre de 2018

Nota de prensa | A.VV. Labañou

O servizo de pediatría atópase temporalmente pechado no Centro de saúde de Labañou

O centro de saúde de Labañou atópase actualmente sen servizo de pediatría. O único pediatra que traballa neste centro non se atopa dispoñible estes días e a súa praza non foi cuberta polo SERGAS, polo que ao intentar pedir cita no centro, o sistema remíteche a outros pediatras doutros centros de saúde, coa incomodidade que supón para todas as crianzas e os seus pais e nais ter que desprazarse ata outro centro de saúde.

Pediatría
Pediatría

Desde a Xunta de Galicia véñense impoñendo desde o 2009 medidas que deterioran a sanidade pública reducindo orzamentos, persoal e servizos. Os usuarios e usuarias non sempre nos decatamos destes recortes nos servizos, pero ás veces fanse moi evidentes como é neste caso, onde deixan a todo un barrio sen pediatra.

A Xunta de Galicia escúsase na falta de pediatras para non cubrir as baixas, pero esa situación non acontecería de ter feito caso aos informes do Ministerio de Sanidade de fai máis de dez anos, nos que xa se alertaba de que se non se actuaba ía haber déficit de pediatras. Nin desde o Ministerio nin desde o SERGAS se levaron a cabo medidas para evitar este problema tales como aumentar as prazas de MIR desta especialidade nos anos anteriores e agora actúan como se se tratase dunha situación allea e inevitable.

Dende a AVV animamos ás persoas afectadas a poñer reclamacións no servizo de atención ao doente, presencialmente no propio centro de saúde ou ben online usando o certificado dixital, para que quede constancia das molestias que provoca a mala xestión do SERGAS e o claro empeoramento do servizo recibido.

A maiores disto, neste centro de saúde só se conta cunha matrona tres días á semana desde que fai mais dun ano decidiran repartila entre dous centros de saúde, o cal na práctica é insuficiente e en ocasións provoca esperas de máis de tres semanas para conseguir unha cita.

A plataforma en defensa da sanidade pública galega leva xa varios anos dando conta de recortes como os aquí denunciados que fan que a atención primaria, e o sistema de saúde no seu conxunto, sexan cada vez máis deficientes.

Para ler máis do déficit de pediatras en Galicia:

https://www.mundiario.com/articulo/politica/nueva-ofensiva-feijoo-estado/20180211195447113792.html