Acampa, do 15 ao 18 de xuño

“Queremos provocar para espertar conciencias”

ENTREVISTA | Carmen Armada, arquitecta e responsable de infraestruturas de Acampa

“Queremos provocar para espertar conciencias”
Carmen Armada 1-min
Carmen Armada, coa maqueta do campo que se montará nos xardíns.

Carmen Aranda é arquitecta e voluntaria en Acampa. E unha das tres persoas que se encarga de deseñar e coordinar a construción do campamento que se levantará a mediados de xuño nos Xardíns de Méndez Núñez. Os outros dous son Pedro Abad e Daniel Rodríguez. Este é ademais seu socio no estudo co que se gañan a vida. Chamáronos de Acampa en xaneiro, pero eles xa se implicaran moito antes na axuda aos refuxiados a través do colectivo Suria. “E por iso non nos importou perder algunha oportunidade de traballo, porque sabemos o importante que é isto”.

- Cal é o seu papel, o do seu equipo, en Acampa?

- Pois tivemos que pensar o espazo, que se quería levantar e como. Falamos con moita xente que estivo nos campos de refuxiados. Pero non queremos reproducir un campo completo. O que nos interesa é crear un lugar que transmita sensacións fortes, como a angustia. Un pouco para provocar, para espertar conciencias. E utilizaremos máis espazos, non só os xardíns. Haberá unha tenda xunto ao Obelisco tamén.

- Como será o campo?

- Haberá un valado. Temos pedidos setecentos metros de valado. Sen concertinas, porque saían moi caras. Pode que o valado sexa o que cause máis impacto. Dentro estarán as tendas, as das entidades e as individuais. Non serán homoxéneas, como non o son nos campamentos. Cada organización disporá dun espazo de tres por tres metros, e alí pode facer o que vexa, mesmo chantar unha cadeira e listo se o que quere, por exemplo, e suxerir soidade. As tendas son medios de expresión. E que cada quen faga o que sinta. Pensamos en construír así unha imaxe potente.

- Vai a todas partes con esa maqueta?

- Pois case. Digamos que a fixemos visible a finais de marzo, pero segue en constante proceso de revisión. Está o valado, están as tendas, pero é desmontable, nunca se rematará de todo.

- Por que está vostede en Acampa?

- Porque son consciente de que hai un problema enorme no mundo cos refuxiados, cos de Siria e cos de todas partes, mesmo cos que lles chamamos refuxiados interiores, as vítimas de violencias aquí na casa. Interésame que esa conciencia respecto do que está pasando calle en persoas que polo que sexa non ven iso como un problema. E quero facelo co que sei facer, por medio da creación dun espazo que dea unha imaxe poderosa.

- Son eses os obxectivos da iniciativa?

- Xa o dixemos. Estamos aquí para loitar en prol da paz, dos dereitos humanos e reclamar o dereito a refuxio. Non sei cantos refuxiados hai agora mesmo na Coruña, pero estou certa de que esta quere ser unha cidade de acollida. Para iso hai que moverse. E se as institucións e os axentes políticos ven que a xente se move, eles empezarán a moverse tamén. Podemos ser unha súper potencia, nós, a xente.

- Como se sinte persoalmente ao traballar con este material?

- Non vira a tenda até a mañá da rolda de prensa. Metinme nela con curiosidade e saín para montar o pequeno valado. Entón empecei a sentir unha especie de angustia. Pensas en moitas cousas, e esas cousas danche azos para facer o que estamos facendo.

- Que traballo ten por diante estes días o seu grupo e canto se vai levar do orzamento a construción do campo?

- Pois imos durmir pouco, non só por Acampa, enténdame, temos outros encargos profesionais. Andamos pechando alugueiros de material, prezos, datas de entrega. En xeral os provedores estanse portando moi ben. Ao saber para o que é, pois moitos confórmanse co prezo de custe. Imos rebaixando o gasto previsto. Non sei a cifra exacta, pero a construción do campo levará aproximadamente un 40% do orzamento.

- Haberá tamén unha instalación nas Conchiñas. En que consiste?

- Será unha carpa que estará os catro días do evento, do 15 ao 18. Faranse proxeccións e estarán algúns dos fotógrafos convidados, e tamén haberá actividades para os nenos.


 

“Queremos provocar para espertar conciencias”