Buscar
15:53h. Miércoles, 13 de Diciembre de 2017

ENTREVISTA | NURSEL KILIÇ, REPRESENTANTE DA FUNDACIÓN INTERNACIONAL DE MULLERES LIBRES

“Canto máis se liberen as mulleres máis democracia e máis liberdade haberá”

Nursel Kiliç (Istambul, 1980) falou onte no Centro Cívico dos Mallos no marco das xornadas Cooperación Expansiva da necesidade de que o movemento feminino supere as barreiras nacionais e asuma un carácter de loita no escenario mundial. Nursel Kiliç é representante da Fundación Internacional de Mulleres Libres, da que foi presidenta entre 2005 e 2010. Kiliç é kurda e desde os 18 anos participa do movemento feminista das kurdas. Non hai outro feminismo que se desenvolvera tan rápido e mudara as cousas tan en profundidade na súa sociedade como o movemento das kurdas, unha revolución dentro doutra revolución.

Nursel Kiliç
Nursel Kiliç

“En realidade, trátase dunha mesma loita, o feminismo é o motor da revolución kurda porque as mulleres xogan un rol fundamental no movemento de liberación kurdo desde a súa formación. Comprometéronse no levantamento pola identidade nacional pero a opresión dentro da sociedade era tan forte que decidiron que o primordial era liberar á muller”, di Kiliç, criada desde moi nena en París onde emigrou a súa familia, onde fixo estudos universitarios e vive actualmente. 

- En que momento está o feminismo no Kurdistán? Que avances conseguiu?

- En 1987, cando se fundou a primeira asociación das mulleres kurdas en Europa, concretamente en Alemaña, porque nos territorios kurdos de Turquía, Siria, Iraq e Irán estaba prohibida a existencia política do pobo kurdo, a cuestión inmediata era levar adiante un cambio de mentalidade na sociedade kurda. Empezamos a falar de cousas que eran tabú: dos matrimonios forzados, dos crimes de honra, das violacións e da violencia contra as mulleres. Foi unha ampla campaña de sensibilización que tocou a todos os membros das familias, nais, pais, fillos, avoas e avós. Organizáronse comités de igualdade, con mulleres e homes, despois creáronse asociacións e, a medida que medraba o movemento de liberación do Kurdistán, medraba o movemento feminista. A cuestión de xénero púxose no centro. En concreto, a estratexia que se seguiu para transformar á mentalidade patriarcal foi interpelar á sociedade desde cada individuo: un método de crítica e autocrítica a partir da persoa, do individuo. Deste xeito, todos os comportamentos patriarcais empezaron a ser descodificados… tanto en homes como en mulleres. Porque é sabido que en calquera sociedade conservadora as mulleres tenden a tomar decisións que van en contra das propias mulleres. É unha loita contra as leis e contra as costumes tradicionais. Unha das campañas máis importantes foi a que se fixo contra a lapidación, unha práctica que existe aínda hoxe en Irán.

- É equiparábel a situación da muller na sociedade kurda á situación nas sociedades europeas?

- Queda moito. Nos aínda sufrimos unha dobre discriminación: a discriminación como pobo e a discriminación como mulleres. A crítica feminista kurda converteuse tamén nunha crítica dos Estados-nación, que son fundamentalmente patriarcais… Estamos traballando desde Estados-nación que teñen dous, tres, catro séculos de existencia como Alemaña, Francia, España… con institucións moi asentadas. Pero a nosa crítica non se limita só ás leis, porque sendo importante ter constitucións que recollan os dereitos das mulleres, a emancipación das mulleres non é un simple dereito; é algo máis decisivo: é a esixencia da mesma existencia.

- A revolución kurda rexeita o Estado-nación e aposta por un confederalismo democrático. Que significa esa fórmula para o feminismo?

- O feminismo é o piar que soporta a estrutura do confederalismo democrático, que non é unha idea en abstracto, senón que xa se está levando á práctica en algunhas comunidades kurdas baixo control kurdo. Funcionan asembleas populares que son o instrumento de toma de decisión e reprodúcense desde o local, desde o barrio, a aldea ou a comuna. É un sistema baseado na descentralización. O confederalismo susténtase en valores como a igualdade entre mulleres e homes, a democracia, a representación de todas as culturas e todas as etnias ou a economía alternativa… pero o fundamental para o feminismo e que o poder compártese entre homes e mulleres a un cincuenta por cento en calquera mecanismo ou instancia de decisión. E isto sucede tamén en todas as estruturas de representación como asociacións ou partidos políticos.

- E como se entende esa práctica política na Europa dos Estados-nación ben enraizados?

- Evidentemente os Estados-nación non gustan desa fórmula. Cando hai unhas semanas se produciu o referendo pola independencia do Kurdistán iraquí, Emmanuel Macron, o presidente de Francia, fixo unha declaración oficial na que indicou que o seu país prefería un Kurdistán dentro do Estado iraquí, dentro da constitución iraquí… O confederalismo democrático percíbese como unha ameaza para a ideoloxía imperialista e contra os Estados á cabeza da globalización.

- Que lle preocupa máis a esa ideoloxía imperialista: a revolución kurda ou a revolución feminista dentro da revolución kurda?

- Se houbera que separar os dous movementos, que xa digo que son un… penso que lle preocupa máis a revolución feminista porque se trata dunha revolución que ten un impacto sobre os movementos de mulleres en todo o mundo. Que está pasando actualmente? Pois que canta máis mobilización das mulleres hai en calquera parte do planeta, máis se mobiliza á dereita política. A reacción comprendeu que canto máis se liberen as mulleres máis democracia e máis liberdade haberá, e iso créalles un problema aos Estado-nación, á súa soberanía.

- E como vai esa batalla?

- Constatamos que os dereitos das mulleres retroceden porque as liberdades están retrocedendo en moitos Estados: pasou en EE.UU. trala elección de Trump, en Francia con Macron, en España…

- Que achega fixo o movemento feminista kurdo á loita mundial pola liberación das mulleres?

- O noso movemento está empreñado do movemento feminista universal. Hai unha base ideolóxica e unha análise histórica común. Pola nosa banda, creo que a achega fundamental é que o movemento kurdo non se parou na teoría, senón que tamén leva o pensamento á práctica.

- Até o punto de crear un exército de mulleres?

- Non utilizamos a palabra exército. Son unidades de autodefensa. Son independentes dentro da estrutura defensiva kurda, cos seus propios mandos.

- Pódese manter unha loita política institucional con deputadas e deputados presos no cárcere como lle sucede á súa comunidade en Turquía?

- Temos moitas deputadas e deputados presos, pero non están todas… haberá novas eleccións e oportunidades para volver ao parlamento. Están condenados con penas que van desde uns cinco anos até cadea perpetua. A través deles o que se condena é á propia sociedade kurda e seu proxecto político. Pero as kurdas e os kurdos estamos mobilizados en todas partes; entón, se deteñen a algúns, sempre haberá outros que tomen o testemuño.

- Vivindo en Francia e participando de loitas políticas internacionais estará ben informada do conflito en Catalunya. Que lle parece que haxa políticos no cárcere?

- Eses políticos foron elixidos pola voz do pobo, é a voz do pobo a que foi condenada e confinada. Se hai unha vontade no pobo de demandar un referendo pola independencia, ese é o dereito do pobo. A condena non é contra os deputados, senón contra o pobo.

- O independentismo catalán levou a súa loita ao escenario europeo, algo parecido fixo o pobo kurdo. É grazas a globalización das comunicacións que se poden manter esas loitas desde fóra dos territorios?

- Nos anos noventa era imposíbel manter a loita política nos territorios kurdos dentro de Turquía, Siria, Irán ou Iraq… esa foi a estratexia, claro. Pero hoxe en día é posíbel manter a loita dentro do Kurdistán, porque existen as comunicacións non só a nivel global. As asociacións de kurdas e kurdos nos países europeos fan de ponte entre o Kurdistán e a opinión pública internacional. Temos o Congreso Nacional de Kurdistán, que cando se fundou estaba formado por políticos exiliados pola represión e del fan parte hoxe moitas outras persoas.

- Vai falar agora [a entrevista realizouse minutos antes da charla de onte] ao feminismo galego. Que consello lle vai dar desde o movemento das kurdas?

- Penso que o movemento feminista no Estado español ten moita experiencia na loita contra o patriarcado. As mulleres desenvolveron roles importantes en todas as revolucións españolas. Pero creo que hoxe a loita ten que converterse nunha loita mundial. Hai que rematar coa división do movemento e consolidar un movemento mundial incluíndo todas as identidades e todas as etnias porque hai un só inimigo: o patriarcado.