Contratación de persoal de atención inicial con formación en intervención sociocomunitaria

Igualdade e Diversidade reforza o Centro de Información á Muller

A concelleira Rocío Fraga salienta que se mellora así o labor de recepción e xestión dos itinerarios de atención das mulleres usuarias

Igualdade e Diversidade reforza o Centro de Información á Muller
A edil Rocío Fraga e a directora do CIM, Begoña Rico
A edil Rocío Fraga e a directora do CIM, Begoña Rico

Concello da Coruña | 27/08/2018

A Concellería de Igualdade e Diversidade reforza a atención inicial no Centro de Información á Muller (CIM) coa mellora do servizo complementario para a recepción das persoas usuarias, coas que realiza o labor de acollida e para as que é o primeiro punto de contacto. Como salienta a responsable do departamento, Rocío Fraga, dende esta posición, "se realiza un traballo fundamental de recepción, no que se proporciona a primeira información básica sobre os recursos que ofrece o CIM e se xestiona o itinerario da atención para as mulleres usuarias, polo que é preciso contar con persoal formado tanto en escoita activa como en intervención sociocomunitaria xa que traballamos, dende que entran pola porta, cun colectivo con circunstancias vitais, en moitos casos, extremas". A nova contratación deste posto require que sexa desempeñado por unha muller con experiencia no atención a persoas en risco de exclusión social ou colectivos minorizados, así como formación en intervención sociocomunitaria e en violencia de xénero.

Con este obxectivo de aumentar a calidade da atención, a Concellería mantén aberta a contratación deste servizo por 39.201,32 euros. As funcións a realizar serán a de acollida, presencial e telefónica, das persoas usuarias, a xestión da axenda de citas, facilitar información sobre os recursos dirixidos ás mulleres, en especial ás vítimas de violencia de xénero, e dos servizos de conciliación municipais, así como realizar funcións básicas de conserxería. A concelleira de Igualdade e Diversidade recalca que o Goberno local avanza na mellora do servizo "pese á asfixia imposta aos concellos polas normativas estatais, que imposibilitan novas contratacións de persoal propio, e o incumprimento de financiamento acordado no Pacto de Estado sobre violencia de xénero". Así, Fraga considerou que "é preciso que a Administración central amplíe os recursos definidos no pacto e destine máis fondos aos Concellos, que somos os puntos de atención máis próximos á cidadanía, para conseguir unha auténtica e efectiva atención integral das mulleres e os seus fillos e fillas".

Igualdade e Diversidade reforza o Centro de Información á Muller