Cooperación expandida, xornadas das interdependencias

“A proposta feminista para o desenvolvemento é colocar no centro o coidado da vida”

Mar Correa (Sevilla, 1972) pechou onte a serie de conferencias de Cooperación Expandida no Centro Cívico dos Mallos, acompañada por David Llistar, director de Xustiza Global no Concello de Barcelona, o alcalde, Xulio Ferreiro, e o editor de EntreNós, Rubén Sánchez, nunha palestra sobre alternativas aos modelos de cooperación internacional.

“A proposta feminista para o desenvolvemento é colocar no centro o coidado da vida”
Mar Correa 2
Mar Correa | foto Erik Dobaño

Mar Correa ten experiencia na administración pública andaluza e agora fai parte de La Mundial, “un colectivo de creación política” que colabora con concellos en Euskadi, Madrid e Estremadura na procura deses novos modelos de desenvolvemento. “Parécenos importante identificar os cambios que acontecen e tratar de explicar como influíron nas diferentes crises, a económica, a ambiental, na dos coidados, os modelos de desenvolvemento polos que estamos apostando”.

- Cal é o modelo alternativo que impulsa La Mundial?

- Pois é un modelo de desenvolvemento que sexa sostíbel e que coloque o coidado da vida no centro, máis que atentar contra a vida… o que facemos é denunciar como o modelo centrado no desenvolvemento económico ilimitado, que ademais ten aos Estados-nación como interlocutores e que ademais pon todo o peso nas políticas de cooperación económica, é un modelo esgotado.

- Por que a Administración non é quen de facer esa lectura do presente?

- Non o sei. O que é certo é que non demos con ningún modelo público que fixera algo distinto do que se viña facendo. Hai intentos… xente traballando nesa clave, pero supoño que os tempos da Administración son lentos. E tamén que asumiu a lóxica capitalista como sentido común. No caso da cooperación, parece ademais que se entende que os problemas co desenvolvemento son algo que sucede noutros países dentro dunha lóxica de Norte/Sur que xa non funciona. Hai parte de cegueira en non querer ver iso, que os problemas da pobreza tamén están aquí, que xa non hai Norte e Sur. E tamén falla a coordinación entre administracións. Cada unha fai a súa propia política. Deberían empezar a integrar en cada política a mirada feminista, a mirada de dereitos humanos, a mirada de sustentabilidade ambiental…

- No voso traballo identificastes cambios nas relacións de poder?

- Estanos sendo difícil asumir que o poder non está só na clase política. O poder situouse en sitios que non son transparentes. Pero inda que hai moita xente que xa non acredita na nosa clase política, eu penso que o que hai que pedirlles é que reaccionen, que se actualicen e recuperen os instrumentos que precisan para pórlle límites a ese poder. E nos temos que estar atentas tamén. O poder estase infiltrando e tomando posicións nas políticas de cooperación. Ven aquí un negocio, unha oportunidade.  

- Desenvolvemento e sostíbel… non son dous termos en cuestión?

- Si, pero eu veño da vella escola. Pode que foran palabras secuestradas. E como cando Alicia lle pregunta a Humpty Dumpty si unha palabra pode significar varias cousas, e o ovo lle responde: ‘Iso non é o importante, o importante é quen ten o poder’. Temos que volver a apropiarnos do termo desenvolvemento, que non ten que ser para nada ilimitado nin algo que non teña en conta ás futuras xeracións… O que hai que desenvolver son as capacidades e o respecto, e integrar as distintas maneiras de ver o mundo, todas as cosmovisións… a min ségueme parecendo unha palabra bonita.

- Que achega o feminismo ao voso modelo de cooperación?

- O feminismo dáse en canto as mulleres toman conciencia da súa situación de desvantaxe e discriminación e actúan. É tan antigo como a civilización. Na peza de Aristófanes, Lisístrata, xa hai unha proposta feminista: se os homes non deixan de facer a guerra, non terán sexo con eles. Propostas feministas houbo sempre e moi distintas. En Zimbabue, no momento da colonización, as mulleres organizáronse para coidar a terra e que non mudasen a súa forma de vida que puña os coidados no centro. Como se trasladan as propostas feministas á cooperación que nos defendemos? Pois cun desenvolvemento no que as relacións sexan horizontais, no que o poder non teña unha soa dirección. E, sobre todo, entender que todo xira arredor do coidado da vida en calquera das súas formas e que as demais lóxicas deben ir acomodándose a esta. A proposta feminista para o desenvolvemento é colocar no centro o coidado da vida.

 

Mar Correa

 

- Como se organiza hoxe o mundo desde o punto de vista da cooperación unha vez que caeron as división entre o Primeiro e o Terceiro mundo?

- Se algunha vez existiu esa división entre o Norte e o Sur, agora xa se diluíu. Pero pode que inda non se vexa desde aquí… A globalización, a interdependencia, fixo que en calquera lugar teñamos xente no centro e xente expulsada dese lugar, centrifugada… Creo que isto non acabamos de velo. Por un lado, hai certo desánimo porque todo se burocratizou demasiado e, por outro, os recortes desmantelaron case toda a estrutura pública de cooperación. Pero xa non podemos mirar o mundo como un dentro e un fóra, non existe esa fronteira. Vivimos un estado de benestar a costa do malestar doutros. Pero hoxe todos os fenómenos aféctannos a todos. A lóxica é transnacional e os seus efectos, tamén.

- Hai lugares no mundo que vivan esa outra lóxica que estades buscando?

- Existen, si… o máis próximo para min serían as lóxicas feministas, esa forma de facer as cousas que coloca a vida no centro, e non o benestar duns poucos a costa de todos os demais.

- Que é para ti o coidado da vida?

- Significa que nos recoñecemos como seres interdependentes, que necesitamos dos demais… algo que desmonta o mito capitalista da autonomía do individuo. Recoñecémonos formas de vida que vivimos nun sistema e que, en tanto en canto precisamos uns dos outros, témonos que coidar mutuamente.

- Que opinas da proposta do decrecemento?

- O máis interesante é que pon en cuestión algo que se convertera en parte do noso sentido común: que só é válido algo que vai cada vez a máis. É dicir, se non creces, fracasas…

- E da renda básica universal?

- Moitas veces, cando escoito discusións sobre ese asunto, lembro argumentos de cando se conseguiu o mes pagado de vacacións. Repiten cousas que daquela se dicían, o discurso era do tipo ‘seguro que gastan en alcohol todo ese tempo libre’… Paréceme unha boa ferramenta para mostrar se cando non estamos sometidos a determinadas presións somos realmente moito máis sensíbeis co entorno e cos demais, coma unha medida da bondade humana. En situacións coma a do Estado español, con esa tensión que produce dun lado a precariedade laboral e do outro o prezo da vivenda e que fai que haxa que tomar decisións imposíbeis, creo que a renda básica axudaría a sacarte de aí.

- Na cooperación para o desenvolvemento do futuro deberían primar as transferencias de capital social por riba das monetarias?

- Hai un estudo que xa o di todo no título: os doantes axúdanse a si mesmos. Demostra que a maior parte das transferencias económicas rematan revertendo nos que dan. En canto as migracións, habería que ter unha mirada global e desde unha visión de cidadanía máis global e ver desde aí, conectado o local co global, como se poden afrontar eses problemas que levan á xente a pórse en movemento.

“A proposta feminista para o desenvolvemento é colocar no centro o coidado da vida”