Buscar
19:51h. Miércoles, 13 de Diciembre de 2017

PARTICIPAGRA E GABINETE DE IMAXINACIÓN POLÍTICA

A rebelión das fregonas

Dous proxectos de participación cidadá nacidos ao acubillo do CoLab remataron a súa actividade pública con sendas representacións nas Conchiñas ocupando simbolicamente a rúa para reclamar dereitos e benestar, pero sobre todo para berrarlle a xente que hai outra cidade posíbel.

Participantes no proxecto Imaxinación Política antes da pasarela de precarias | Foto: Erik Dobaño
Participantes no proxecto Imaxinación Política antes da pasarela de precarias | Foto: Erik Dobaño

“Non queremos precariedade, nin escravización nin estigmatización. Negámonos a que retrocedan os dereitos das mulleres”, di a presentadora, con sombreiro, perruca e gafas de entroido este domingo frío de decembro na rúa Barcelona, alterando o paseo matutino das veciñas despois da misa, que se paran, miran, sorrín, comprenden e
continúan o paseo.

Non é unha festa de disfraces, é unha representación dunha pasarela de mulleres, traballadoras en precario algunhas, outras activistas que exploran formas de axitación ao acubillo dun dos programas do CoLab, ese laboratorio cidadá que impulsa a Concellería de Participación Cidadá que este ano inviste 60.000 euros nos seus primeiros proxectos.

Este primeiro domingo de decembro coinciden o remate de dous deles no barrio da Agra, convertido nos últimos anos, xa antes do goberno da Marea, no gran espazo de denuncia social na Coruña urbana, símbolo da opresión das clases populares, agora xubiladas, ou en paro ou empregos precarios, polo urbanismo que rende beneficios ás elites. Opresión aquí significa abandono e silencio, pero tamén o concepto físico, apertamento, falta de ar e de luz…

O proxecto Participa Agra ocupou durante unhas horas dúas prazas de aparcadoiro nas Conchiñas

Un deses proxectos de axitación, o ParticipAgra, que se presentara hai mes e pico no Ágora con moitas ideas e moderada ambición de volver “mapear” o barrio na procura de solucións a ese apertamento da xente, rematou na ocupación simbólica de dúas prazas de aparcamento xunto a praza das Conchiñas. “Do proxecto, que consistiu nunha fase de análise e varias reunións con veciñas e representantes veciñais, partirá esta iniciativa para que o Concello, nos orzamentos participativos do ano próximo, contemple a posibilidade de gañar prazas de aparcamento en determinadas rúas, rúas con sol, para gozo da veciñanza”, di Nacho Hortas, arquitecto, un dos encargados do programa, que recoñece que polo camiño tiveron que renunciar a outras ideas. Nacho e outras participantes no programa préstanse para posar para a fotografía entre as dúas prazas gañadas esta mañá aos coches. Se a cousa callara a través dos orzamentos participativos, pode que para o 2019 se vexan na Agra as primeiras prazas de aparcamento liberadas. No sitio que ocupa cada coche caberían 15 persoas. No barrio, a densidade actual dá como resultado que a cada veciña lle corresponda 1,6 metros cadrados de espazo público. Iso, sen coches…

O outro proxecto que conclúe as súas accións cara o público este domingo na Agra é o Gabinete de Imaxinación Política. “Con esta idea da imaxinación o que buscamos é anticipar futuros e mellorar a autonomía de colectivos e asociacións cidadás de todo tipo”, explica Fran Quiroga diante da alfombra vermella xunto ao mercado das Conchiñas minutos antes de que comece o desfile das precarias. “Pretendemos dotar de ferramentas aos grupos, como métodos de facilitación de reunións e outras que teñen que ver coa arte en xeral.

Empezamos por crear unha comunidade de imaxinadores con xente de toda a cidade, pasarían polo programa unhas cento cincuenta persoas, demos charlas sobre como mellorar as formas de participar, desenvolvemos accións de rúas e remataremos coa elaboración dun manual para que a xente poida replicar este proceso”. No Gabinete tomaron parte, entre outros, a cooperativa Rexenerado, o grupo de investigación das migracións da UDC, Esomi, e Ecos do Sur.

As empregadas de fogar, que a semana anterior xa se reuniran no barrio para explicar nunha das charlas o seu repertorio como activistas, tomaron a palabra. “Non queremos precariedade, nin escravización nin estigmatización…” Cunha alfombra vermella chantada en metade da rúa Barcelona e un atrezo sinxelo con fregonas, carriños da compra, cubos e outros útiles de limpeza, construíron a súa pasarela de mulleres e chamaron a atención das veciñas. Que comprenden. Algunha parou a aplaudir, algunha gravou co móbil, algunha avoa en cadeira de rodas pediu que a parasen alí para mirar. Todas as mulleres, calquera delas, coñece ben o atrezo… pero as precarias, estranxeiras, empregadas de fogar, nais e fillas que coidan dos fillos e dos pais doutros, as veces sen papeis, case sempre sen seguros, sofren acotío a mesma opresión que o ar e a luz neste barrio. A xente da Agra entende ben o lamento cando as mozas empezan a cantar: Si Adelita tuviera un contrato/ sus papeles podría arreglar./ Adelita, diez años currando/ pero sigue siendo ilegal./ Y si tiene 50 le dicen/ que no sirve ya para trabajar…

Participantes no proxecto Imaxinación Política antes da pasarela de precarias

A primeira moza do desfile exhibe o pasaporte que lle gustaría ter, a segunda moza leva cofia e plumeiro para limpar o polvo das costas dunha executiva pegada ao teléfono, a terceira é unha nai emigrada que coida dunha familia de aquí e pasa un pano aos cristais mentres bota de menos á familia que deixou alá. É un desfile amargo e frío, como a mañá na rúa Barcelona. A presentadora lembra que esas mulleres precarias sofren a represión do Estado, que lles nega dereitos e mesmo as persigue tratando de agochalas. “Importámoslle pouco as potencias económicas deste país”, laiasen.

Pero non se renden. Inda hai quen as escoita. A loita neste barrio mudou de rexistro. Xa non son as veciñas e veciños emigradas desde o rural e organizadas naquelas asociacións de barrio dos anos setenta e oitenta as que levantan a voz polo barrio. Hoxe quen levanta a voz son outros corpos. Xentes chegadas de máis lonxe e igual de oprimidas. Resistencias que precisan ou non de manuais para acción, que teñen as súas propias formas de participación e a súa propia imaxinación, con axuda ou non das institucións. Pode que elas e quen as escoita sexan quen de rachar co silencio e a invisibilidade da Agra. “A participación na Coruña está empezando a desenvolverse, imos amodo, pero vai indo”, di Fran.