Buscar
12:43h. Miércoles, 15 de Agosto de 2018

REVOLTA DA MEMORIA NA AGRA

Un océano de silencios

MEMORIA HISTÓRICA neste País. No remate do s. XX e nos anos do XXI, fillos e fillas, netas e netos retomaron a Memoria da represión franquista. Qué sabemos duns reis borbónicos senón o que nos transmitiu o “réxime”?; da guerra do Rif....?; dos Primo de Rivera, dunha ditadura que afondou no xa problema político de Catalunya…?; da loita sindical e de partidos, e da República do 14 de abril…?

Alejandro Basilio Palacios, fotografado como porteiro do equipo Suevia 
(foto cedida polo seu sobriño neto, Chema).
Alejandro Basilio Palacios, fotografado como porteiro do equipo Suevia (foto cedida polo seu sobriño neto, Chema).

A diario non nos paramos a analizar ese franquismo sociolóxico que todo o impregna; o qué nos trasmitiu a ditadura asesina de Franco, apoiada no “Movimiento”, da man de falanxistas, alta burguesía financeiera, ociosos nobres de título, monarquía borbónica e carlista, Exército salvapatria, e Igrexa, onde emerxeu a secta ultra do Opus, que serviu de cerne para vivir nun nacionalcatolicismo abafante. Un réxime que non pasou por un tribunal de Dereitos humanos. 

E que ten todos os visos de poderse reproducir hoxe. Paréceme case imposible que fale con moita xente de miña xeración e consideren que xa é preciso deixar as “batalliñas do avó”....; que reabrimos feridas… Feridas?, si, mais non abertas agora; permanecen abertas, e perdurarán sempre, se non se lles limpa a podremia que agochan. Entón si será tempo de cicatrizar. 

Non vou referirme aos datos sobre guerra e represión franquista, que poden verse en calquera libro, ou en calquera documento de internet…, senón ao que a min me transmiten as verbas MEMORIA HISTÓRICA. Lembro ver e escoitar o medo nalgunha persoa que sufriu o réxime do terror franquista, por se nalgún intre se puidese repetir. Os defensores do “Movimiento”, todos, morreron o 20 de novembro do 1975? Ou máis ben viraron a chaqueta e agardaron novos tempos, propicios para saír do armario…?

Precisamos pois MEMORIA para facer valer a dignidade que nunca lles faltou ás vítimas. Para que non sofran e morran dúas veces. Para que sexan un referente da democracia que, como nos seus tempos, está a pasar por moi maos momentos. Esa democracia enferma que se disfraza de “constitucionalista” e que permite que nosos mortos continúen nas foxas sen nome. Que as sentenzas sigan chamando rebeldes a quen defenderon, con súa vida, seus bens, seu corpo…, a República, contra quen si foron os verdadeiros rebeldes contra o goberno lexítimo. Vivimos nun estado da desmemoria. Todos os días, na Moura, lembro o lugar onde apareceu asasinado LUÍS HUICI, ao borde da estrada, e hoxe “humanízase” cun colector de vidro e papel. Son os novos tempos…?. Non!; é o esquecemento!


Alejandro Basilio Palacios, directivo do sindicato de panadeiros da CNT da Coruña, foi “paseado” a noite do 18 de xullo do 1937. No tempo da República era tamén adestrador de fútbol de nenos. Formouse no C.E.S. Germinal en tempos nos que os postulados anarquistas do s. XIX estaban en auxe; entendíase o benestar corporal como unha parte básica do estudo, da saúde mental das crianzas. 

As ensinanzas da Escola Moderna, no primeiro terzo do s. XX, practicábanse polos anarquistas, mais tamén polos galeguistas. 

En 1932 naceu Ultreia, da man das Mocedades Galeguistas. En 1935 formouse nesta cidade o Club del Mar de santo Amaro, amais construíuse o edificio primitivo, coa achega privada de varios bañistas; logo algúns dos seus fundadores foron represaliados e mesmo “paseados”. Incluíanse nesa formación moderna as excursións, os paseos (coa vida, non coa morte!...), a subida a montes, a natación, e, por suposto, as equipas de fútbol. 

Cando os mozos preparaban a ida en tren a Betanzos e a subida aos Caneiros, en Galiza as actividades deportivas freáronse xa a fin de semana do 18 de xullo, ficaron truncadas pola represión fascista.